Mostrando entradas con la etiqueta inclusion. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta inclusion. Mostrar todas las entradas

2/4/25

#DiaMundialAutismo #SomosInfinitos

«Cada pequeno logro na viaxe do autismo merece ser recoñecido e aplaudido, lembrándonos que o progreso se mide en pasos, non en saltos.» Sally Ozonoff, Profesora universitaria especialista en psiquiatría e comportamento social na Universidade de California.

O autismo é un trastorno do desenvolvemento que afecta á comunicación e á interacción social. O azul é a cor que se asocia a el. Desde hai anos, utilizouse para dar visibilidade ás persoas con trastornos do espectro autista (TEA), así como para mellorar a súa comprensión, promover a súa aceptación, difundir as súas experiencias, reafirmar os seus dereitos e, en definitiva, sensibilizar á sociedade con esta realidade.

A Asemblea Xeral da ONU designou o 2 de abril como Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo no ano 2007. A asociación estadounidense Autism Speaks creou en 2010 a iniciativa Light It Up Blue (en español, Ilumina de Azul) para apoiar ás persoas con trastornos do espectro autista. Segundo explica a organización Autismo España, cada 2 de abril miles de edificios e monumentos emblemáticos de todo o mundo ilumínanse coa cor azul "como mostra de apoio e solidariedade coas persoas con autismo e as súas familias". Más de 400 fixérono en España en 2024.







21/1/25

Todas e todos contamos!

"É hora de que os pais ensinen aos mozos desde o principio que na diversidade hai beleza e hai forza." Maya Angelou. actiivista estadounidense."

Nun contexto onde a superación das desigualdades sociais é xustamente a base en que se fundamenta a articulación da economía social, dende Afundación lanzan este programa co que, a través de diferentes actividades culturais, o alumnado participe do valor da diversidade. Esforzo, empatía, aceptación do diferente, reforzo da autoestima ou o respecto son algunhas das ensinanzas presentes na actividade, impartida por persoas con diversidade funcional, mediante as que podemos mellorar a sensibilidade afectiva e emocional, favorecer unha sociedade equitativa, xusta e diversa e facilitar o establecemento de relacións interpersoais. Esta anovadora proposta pon en valor a diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal, fomenta a inserción laboral de persoas con diversidade funcional e promove a súa autoestima e confianza ao exercer un rol activo na sociedade. 

Representouse na aula de Psicomotricidade o contacontos A FAMILIA que narra un conto creado pola Fundación IgualArte, con linguaxe de signos que fala das familias diversas: monoparentais, numerosas, con dous pais, dúas nais, etc. levando a cabo as distintas labores do fogar e os as responsabilidades están repartidas igualitariamente e onde participou alumnado do noso centro.

Este tipo de  actividades destacan polo seu carácter anovador e motivador. Fomentan valores educativos coma a mellora da convivencia, a cooperación, o aumento da autoestima persoal e grupal, o coñecemento e control do propio corpo e a superación de límites. Todos eles son sinais de identidade propios, sen dúbida, do noso cole.







3/12/24

Fagamos un círculo máis grande para incluír a tod@s

" A diversidade é que te conviden á festa. A inclusión consiste en que te saquen a bailar." Verna Myers, experta internacionalmente recoñecida en diversidade, equidade, e inclusión.

Conmemoramos o día 3 de decembro o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e este ano a ONU fixa como lema "Nada sobre nós sen nós", co que prentende fomentar o liderado das persoas con discapacidade para un futuro máis inclusivo e sostible.

Neste lema condénsanse os principios de participación, representación e inclusión. Este lema pon de relieve, ademais, a importancia de que as persoas con discapacidade sexan protagonistas na toma de decisións sobre as súas vidas.

No noso centro e dentro do ámbito escolar escollimos "Alguén fixo un círculo para deixarme fóra, fagamos un máis grande para incluir a tod@s"

Ao longo destas xornadas todos os cursos fixeron actividades sobre este  propósito que é un dos sinais do noso cole: o da inclusión.

Para visibilizar todo este traballo fixemos un gran mural onde están todas as mans do noso alumnado nese gran circulo onde collemos todas e todos!




6/4/24

Da supervivencia á prosperidade...

«A sociedade ten que aceptar que non todos poden ser iguais.» – Albert Einstein

Nas Nacións Unidas celebramos este día co obxectivo de reafirmar e promover a plena realización de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais das persoas autistas en igualdade de condicións coas demais. Conseguíronse grandes progresos, sobre todo grazas á contribución dos numerosos e incribles defensores dos autistas que traballan incansablemente para difundir as experiencias vividas das persoas autistas en todo o mundo.

Cando en 2007 a Asemblea Xeral da ONU designou o 2 de abril como Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo facía fincapé na súa resolución A/RES/62/139 na importancia de sensibilizar á pública sobre o autismo. Dezasete anos despois, xa non se trata só de concienciar á opinión pública, senón de promover a aceptación e o aprecio das persoas autistas e da súa contribución á sociedade. https://www.un.org/es/observances/autism-day

Para conmemorar esta data tan significativa no noso centro levamos a cabo unha serie de actividades para tomar concienciación entre todo o alumnado da importancia da inclusión como elemento de identidade do noso cole, facendo fincapé nas persoas cun espectro autista , nas súas expectativas, tanto persoais como profesionais e nos seus retos na súa vida cotiá.



21/3/24

No camiño da inclusión, tod@s compatimos viaxe

 "Creo que un heroe é un individuo común que atopa a forza para perseverar e resistir a pesar de obstáculos abafadores." Christopher Reeve, actor norteamericano que encarnou a Superman

Conmemoramos hoxe, como cada 21 de marzo, o Día Mundial da Síndrome de Down, dando visibilidade a estas persoas extraordinarias xa que como Pujolas y Lago afirma "en una escuela inclusiva sólo hay alumnos, a secas, sin adjetivos; no hay alumnos corrientes y alumnos especiales, simplemente alumnos, cada uno con sus propias características y necesidades. La diversidad es un hecho natural, es la normalidad: lo más normal es que seamos diferentes. ¿Qué podemos hacer para todos los alumnos, que son diversa, para que todos aprendan al máximo de sus posibilidades?" https://www.sindromedown.net/creamos-inclusion/educacion/educacion-inclusiva/

A inclusión é, sen dúbida, un dos sinais de idade do noso centro educativo e traballamos día a día para traballar toda esa diversidade presente nas nosas aulas e que precisan dunha atención especial.

Hoxe quixemos poñer en valor esa variedade nas características do noso alumnado traballando e coñecendo un pouco mellor ás persoas que presentan esta diferenza cromosómica e dando visibilidade a través deste "photocall" a "autenticidade" destas persoas.

O noso alumnado de sexto de Educación Primaria tivo a sorte de contar coa visita de Xiana, irma de Noa, exalumna do centro e que continúa os seus estudos no ciclo de cociña do IES Lagoa de Antela. Fixéronlle un montón de preguntas e viron como é o día a día desta compañeira #extracapacitada. Para el@s non é nada novo, xa que conviven día a día coa nosa fantástica Tati, intercambiando experiencias de convivencia e inclusión no seu quefacer diario.

12/3/24

Hugo: Empatía, diversidade, a beleza de sermos diferentes.

"A inclusión non é só un termo, é un compromiso diario de aceptación e respecto pola diversidade."  Stella Young, comediante australiana, xornalista e activista dos dereitos da discapacidade

Gañadora do Premio María Casares ao mellor espectáculo para o público infantil e familiar no ano 2022. Hugo conta a historia dun neno que é diferente. Gústanlle moito os avións e tamén toca o piano. Laia visita a Hugo cada día. A Laia gústalle falar e gústanlle as plantas. Hugo ten TEA.

Unha peza teatral que aborda o tema do trastorno do espectro autista na infancia, chea de sensibilidade e empatía, que fala da diversidade, da convivencia e da beleza de sermos diferentes. https://escolares.afundacion.org/actividad/hugo/

Esta obra presenta valores que son chave dentro do noso Proxecto Educativo de Centro, onde a inclusión e a atención á diversidade son algunhas das bases sobre as que construímos o noso quefacer diario. 

O noso alumnado complementou esta xornada cunha visita didáctica á cidade de Ourense, identificando os principais monumentos e lugares de interese, como son As Burgas, o edificio do Concello, a Catedral e o Xardín Botánico.


25/10/23

Benestar, tolerancia e convivencia positiva

"As emocións son a esencia da vida. Cando temos tempo libre procuramos realizar actividades que activen en nós emocións que nos satisfagan. Sen emocións seriamos como máquinas."

 "Viajar al universo de las emociones". Rafael Bisquerra  

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, foi quen inaugurou o Congreso de coordinadores de benestar e convivencia, onde salientou a aposta da Xunta de Galicia “por garantir que ningún alumno se sinta discriminado e por ofrecer á comunidade educativa unha contorna saudable na que se prime o benestar, a tolerancia e a convivencia positiva”.

Neste encontro, no que participan 1.000 profesionais, destacou que a Xunta ten en marcha a Estratexia Galega de Convivencia Escolar, unha folla de ruta deseñada para orientar aos docentes de cara a mellorar a educación emocional e fortalecer o bo clima de cohesión grupal nas aulas, así como o novo Plan de Benestar Emocional, un documento publicado a inicio de curso que amplía e mellora a estratexia existente, facilitando aos centros, con indicacións prácticas e sinxelas, a aplicación das diferentes medidas.

O congreso contou coa presenza dun dos maiores expertos en educación emocional, o doutor Rafael Bisquerra Alzina, e coa achega de Cristina Gutiérrez Lestón, investigadora no campo das competencias emocionais, que abordou os recursos prácticos que se poden aplicar nos centros neste eido. Así mesmo, houbo un  espazo para o intercambio de prácticas exitosas en centros educativos de Galicia, a través da participación de representantes de cinco centros educativos, en concreto os colexios CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco) e CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia), e dos instituto IES Isaac Díaz Pardo (Sada), Maximino Romero de Lema (Zas) e Xograr Afonso Gómez (Sarria).

O encontro pechouse coa actuación musical de alumnado do instituto IES Xesús Taboada Chivite (Verín), representación da actividade que desenvolven no marco do Programa Educación Responsable.

https://www.edu.xunta.gal/portal/node/41332


8/6/23

Premio ben merecido!

“Os reis non poden ter gardas máis fieis que o afecto dos súbditos.” 
Periandro. Soberano de Corinto (s.VII a. C)

O pasado venres, 2 de xuño tivo lugar na EGAP de Santiago de Compostela a entrega de premios da 42ª edición do concurso "Que es un Rey para ti", onde Tatiana e Xavi, presentábanse como finalistas. 
Desta volta non superaron esta fase autónomica, pero to@s levaron un bonito agasallo e un gran recordo desta xornada que será difícil de esquecer. Moitos parabéns, Xavi e Tati!!!





19/5/23

Seguimos traballando pola inclusión!

Excelente resposta por parte do Concello de Xinzo de Limia á petición deste centro para pintar coa sucesión en pictogramas (PARA – MIRA – COCHE PARADO/SEMÁFORO – CRUZA) todos os pasos de cebra dos camiños escolares para que o noso alumnado con NEE e todas as  persoas que presentan algún tipo de  dificultades de comunicación ou na lingua (en especial a xente do espectro TEA) xa podidan beneficiarse deste sistema de comunicación aumentativa.

Esta actuación súmase ás xa contempladas e levadas a cabo do noso Proxecto de Formación Permanente do Profesorado (FFPP) coas que colocamos pictogramas en todos os espazos comúns do noso centro e, coa mesma colaboración co Concello, en todos os edificios públicos e de interese xeral da nosa vila, incluíndo a esta no "Universo ARASAAC" (http://aulaabierta.arasaac.org/mapa-de-arasaac-visual). 

Desta volta, o noso centro púxose en contacto con TEAVIAL, grupo multidisciplinar formado por Doctores universitarios, docentes e directores de centros de ensino, membros de Policía Local, persoal sanitario, enxeñeiros de obra pública, alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e familiares de mozas/os con TEA de Sevilla para adquirir as plantillas á empresa TECMAPRO, asumindo o coste das mesmas, para que posteriormente o Concello de Xinzo de Limia fora o encargado de pintar todos os pasos de cebra dos camiños escolares, facéndose cargo dos gastos que esta actuación leva consigo.

Na actualidade,  Xinzo de Limia é  unha das poucas vilas da provincia en contar con estas axudas de apoio visual nos seus edificios e a única, a día de hoxe, en ter estes novos pictos nos seus pasos de cebra en todo Ourense, uníndose deste xeito as poucas entidades municipais que en toda Galicia apostan deste xeito pola inclusión de todas e todos.  











1/5/23

Imos ao circo !!! Todas e todos contamos!!!

Cando tod@s son incluídos, tod@s gañan.- Jesse Louis Jackson (8 de outubro de 1941). Activista estadounidense polos dereitos civís.

Nun contexto onde a superación das desigualdades sociais é xustamente a base na que se fundamenta a articulación dunha economía social, desde Afundación lanzamos un programa presencial para os centros de toda Galicia co que, a través de diferentes actividades culturais, escolares de toda Galicia participarán do valor da diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal.

É importantísimo que os nenos e nenas vexan desde a súa infancia que a diversidade funcional non é unha fronteira, senón unha invitación para comunicarse, a aprender e a crecer. Por iso, levar estas actividades aos centros supón unha evolución lóxica do noso compromiso coa cultura e coa sensibilidade social.

É de vital importancia normalizar o papel das persoas con diversidade funcional na sociedade, poñer en valor a diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal, educar en valores: esforzo, empatía, aceptación da diferenza, autoestima, respecto, ..., mellorar a sensibilidade afectiva e emocional, favorecer unha sociedade equitativa, xusta e diversa, facilitar o establecemento de relacións interpersoais, achegar a creación artística en diferentes formatos desde unha vertente práctica. e fomentar a creatividade.

Nesta actividade, CIRCUITO CIRCENSE,  nun espazo amplo crean o seu propio circo. Colocaron un circuíto con diferentes estacións nas que o noso alumnado tivo que realizar actividades de equilibrio, puntería e acrosport. As actividades circenses destacan polo seu carácter innovador e motivador. Fomenta valores educativos como a mellora da convivencia, a cooperación, o aumento da autoestima persoal e grupal, o coñecemento e control do propio corpo e a superación de límites.

TODAS E TODOS CONTAMOS nace para converterse nun referente de boas prácticas aliñado cos valores de sensibilización social no marco dos centros escolares. 

O seu desenvolvemento leva a cabo en colaboración coa Fundación Igualarte dedicada a traballar en favor do colectivo de persoas con diversidade funcional e a súa inclusión.

É imprescindible sensibilizar e dar exemplo poñendo en marcha iniciativas que poñan en valor a diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal, e este programa nace nese marco como unha iniciativa pioneira, innovadora e completa, que se converte nunha achega creativa ao devandito obxectivo.

VARIADO é unha empresa de lecer e tempo libre que presenta unha oferta de animación diferente e exclusiva, onde o punto para destacar é a inclusión real. Isto é así porque o equipo está formado por artistas e auxiliares de monitores/as de lecer e tempo libre con diversidade funcional.

El@s entenden a arte como un dereito que pertence a tod@s, que axuda a coñecerse e explorarse desde novas facetas, sempre desde unha perspectiva lúdica, servindo de motor para o desenvolvemento de experiencias sensoriais, físicas e emocionais.

Así mesmo, cren firmemente na importancia do contacto co medio que nos rodea, facendo chegar esa esencia en todo o seu traballo.




31/3/23

De que trata o amor

Tivemos a sorte de que visitaran o noso cole a autora  do libro , ”DE QUE TRATA O AMOR”, Inma Jardón Rivero,  acompañada da ilustradora do mesmo, María de Santiago Lama.
A través de dous talleres o alumnado de terceiro e de quinto de primaria puideron gozar da lectura deste marabilloso texto no que se trata a igualdade  e o amor dende unha perspectiva moi achegada ao contexto escolar. Porque como ben escoitamos da boca da propia autora, “hai persoas que non deciden ser diferentes ao resto, tócalle selo” e en boca do papá dun dos protagonistas, Xián, escoitamos unha extraordinaria definición:...”diso trata o amor. De querer sen importar se somos diferentes. Non importa de onde sexamos, de que cor teñamos o pelo, o que nos guste, as nosas ideas e pensamentos, as nosas capacidades. Témonos que respectar. Todos nós somos diferentes”.
Ademais con María tivemos a oportunidade de gozar do debuxo do aspecto físico das persoas , valorando a diversidade e a riqueza cultural que nos rodea dende o momento que o “homo sapiens” poboou o planeta Terra; facendo un percorrido pola historia dende unha perspectiva de reflexión na igualdade e na riqueza da variedade de culturas que existen no mundo.
En definitiva ,unha xornada de aprendizaxe emocional imborrable.





8/12/22

3 de decembro: Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O Día Internacional das Persoas con Discapacidade foi declarado en 1992 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas mediante a resolución 47/3. O obxectivo é promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o desenvolvemento, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural.

A inclusión de todo o noso alumnado é un dos sinais máis relevantes dentro do  Proxecto Educativo de Centro e levamos a cabo moitas actividades ao longo de todo o curso que así o proban. Neste 3 de decembro tivemos a grande sorte de contar entre nós con Lorena Quintas que explicou o seu proxecto Xogo de fíos ao noso alumnado de quinto de Primaria. Quedaron marabillados do seu traballo e de como todo é mundo é quen de desenvolver as súas facetas persoais e profesionais se así o propón.

Por outra banda, o alumnado de sexto de Primaria realizou unha actividade de integración á inversa c@s seus compañeir@s da aula específica na que están incluíd@s. Unha experiencia que para el@s non é nova pero que si foi diferente ao facelo "ao xeito inverso".

Neste vídeo podedes comprobar canto aproveitaron esta xornada e como seguimos tentando facer da inclusión un dos  nosos sinais de identidade como centro educativo!



12/9/22

Que ben nos facemos entender!!!

O pasado venres contamos coa presenza no noso centro con María e Ceci, logopedas da asociación de Síndrome de Down, que  impartiron unha charla taller co alumnado de 6°B para dar a coñecer diferentes formas de comunicarnos. Entre elas presentáronlle algúns dos signos que emprega a súacompañeiraTati. Así da gusto facernos entender!!!







2/4/22

Rompamos xunt@s barreiras!

Este dous de abril, baixo o lema «Unha feliz viaxe pola vida», a campaña do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo 2022 pon o foco no dereito das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e as súas familias para gozar dunha vida feliz.

Moitas delas enfróntanse a un nivel moi alto de discriminación en todos os aspectos da vida, debido en boa medida á falta de concienciación sobre o  TEA. É preciso eliminar os prexuízos existentes e  empatizar co colectivo. Coñecer e comprender as súas necesidades para poder facilitarlles os apoios específicos que lles permitan vivir felices e participar na sociedade en igualdade de condicións respecto ao resto da cidadanía. (https://diamundialautismo.com/)

No noso centro quixemos pór en valor este día e ás persoas que teñen este trastorno cunhas grandes gafas que serven visualizar esta e tantas outras situaicóns que fan de cada un de nós, alguén particular, moi especial e á/ao que merece moito  a pena acercarse e coñecel@ moito mellor!!

Rompamos xunt@s as barreiras que non nos permiten ver máis alá !!

Fotografías: Profesorado do CEIP Rosalía de Castro

Música: Autismo, mi historia. (Respirar – Bebe)



31/1/22

Aprendemos novas estratetexias para o noso alumnado TEA

No CEIP Rosalía consideramos que a formación e a actualización educativa para o noso profesorado é un tema chave para dar resposta á realidade cada vez máis diversa do alumnado que acollee o noso centro. 

Hoxe máis de sesenta asistentes, entre os que se contaban nais e pais, profesorado de distintos centros de toda a provincia e xente involucrada no trato día a día con este alumnado, asistiron á charla coloquio impartida pola Dra Dagmar Gabriela Nedelcu cun curriculo moi amplo (que pode ser consultado neste enlace) sobre este tema tan de actualidade. 

Foron máis de dúas horas de encontro, onde a ela abordou tanto as bases teóricas deste transtorno, como as estratexias a levar a cabo por parte de familias e docentes para acadar uns mellores resultados académicos e, o que é moitísimo máis importante, unha inclusión no maior grado posible destes nenos e nenas na escola e na sociedade na que conviven. Asemade, a doutora contestou á todas as dúbidas propostas polos asistentes dos casos particulares aos que se enfrontan de xeito cotiá.

Contamos con que esta sexa a primeira de máis charlas onde abordar problemas e situacións cotiás que vivimos día a día na nosa escola e ás que tratamos de dar a mellor contestación posible que estea nas nosas mans.









12/6/21

Volvemos a Lodoselo!!

Da man dun extraordinario anfitrión, como non podía ser doutra maneira, o alumnado da nosa Aula Específica, acompañados polas súas mestras e coidaora, pasaron unha mañá moi distinta a doutras días.

Foi o noso benquerido Antonio R. Corbal o que pasou toda esta xornada con Xavi e Valeria amosándolles todas as experiencias que este pobo-escola ten (incluída a nova visita ao xardín dos sentidos, ... incríble!) e o que fixo que tanto os nen@s como os adultos poideran comprobar de primeira man o moito que este noso compañeiro transmite por un lugar polo que ten verdadeira paixón. Moitas grazas por tanto, Antonio!!

Aquí podedes atopar unha pequena mostra de todo o que esa mañá fixeron e que non fixo outra cousa que quedaren con moitas ganas de volver!!

27/3/21

Xinzo de Limia xa está no "Universo ARASAAC" !!!

Tal e como anunciabamos fai uns días, xa se pode consultar na páxina web de ARASAAC (http://aulaabierta.arasaac.org/mapa-de-arasaac-visual) a localización e información que figura para o concello de Xinzo de Limia, primeiro e único (esperemos que en breve se sumen máis a esta iniciativa) en contar con pictogramas para identificar os seus edificios de uso público. Parabéns por colaborar nesta iniciativa e por ser concello pioneiro na provincia en traballar pola inclusión de persoas con déficits comunicativos de calquera tipo!!



27/2/21

Comezan os traballos no noso horto escolar

Coa chegada do bo tempo e ante o próximo comezo da primavera, o alumnado dos distintos cursos de Primaria e Infantil que este curso se comprometeron a pór en marcha cadanseu bancal empezaron os primeiros traballos para preparar a terra do noso horto escolar.

Ao mesmo tempo, os semilleiros xa están empezando a aparecer nas aulas coas sementes e xa están no horto os primeiros cultivos desta época do ano.

Destacar que este ano tamén contamos con información pictográfica para conseguir que todos os espazos da nosa escola sexan inclusivos.

Resaltar que esta actividade posta en marcha ao abeiro do Programa Voz Natura, é unha das máis esperadas por todo o noso alumnado e na que toman un contacto directo e poñen en valor o respecto e coidado polo medio natural no que vivimos. 


24/2/21

ARASAAC NO MUNDO.... Xa nos podes atopar como centro inclusivo... e en breve... Máis novidades tamén para a nosa vila!

Dende hoxe xa figuramos como unha das institucións que ten sinalización con pictogramas no centro e que se pode comprobar nesta dirección web: 

http://aulaabierta.arasaac.org/mapa-de-arasaac-visual


Partindo do Plan de Formación Permanente do Profesorado existente no centro, propuxémonos sinalizar as dependencias con  pictogramas, axudando así a normalizar e integrar ao alumnado con  NEE no marco dunha educación inclusiva de calidade. Para levalo a cabo, recibimos 18 horas de formación sobre o Trastorno do Espectro Autista e os sistemas alternativos de comunicación, a cargo de Asociación Bata. Coa información recibida procedemos á toma de decisións sobre os espazos para sinalizar e comezamos a elaboración de claves visuais con  pictogramas de  ARASAAC. Colocamos no centro 45 pictogramas. 

Contamos que en breve toda a nosa vila tamén estea presente, xa que nunha segunda fase do propio PFPP elaboramos unha serie de pictogrmas e que van ser colocados por parte do Concello de Xinzo de Limia nos edificios públicos e institucións. Pero disto, .... informaremos máis adiante!


18/2/21

Que teñen en común Andy Warhol, Steven Spielberg, Tim Burton, Daryl Hannah, Bill Gates ou Greta Thunberg?

Tod@s el@s conviven co Síndrome de Asperger demostrando que non é ningún impedimento para triunfar no seu día a día!

O Día Internacional da Síndrome de Asperger, conmemórase cada 18 de febreiro, en honra ao aniversario do seu descubridor, o psiquiatra  austríaco,  Hans Asperger, quen identificou un comportamento similar e pouco frecuente nun grupo de nenos aos cales describiu da seguinte maneira:

"Estes nenos presentan a miúdo unha sorprendente sensibilidade cara á personalidade dos seus profesores (…) Poden ser ensinados, pero soamente por aqueles que lles ofrecen unha comprensión e un afecto verdadeiros, xente que lles trata con agarimo e tamén con humor (…) A actitude emocional subxacente do profesor inflúe, de modo involuntario e inconsciente, no estado de ánimo e comportamento do neno".

A pesar que os seus estudos foron publicados en 1943, non sería ata a década dos 90, que as súas notas e descricións cobrasen valor para os estudosos do autismo e enfermidades neurolóxicas en xeral. 

Na nosa Charca temos ao dispor do noso alumnado "A nena do vestido de Flores" de Manuel Fontemoura, onde nos amosa dun xeito fermosísimo e próximo o día a día dunha nena que ve o mundo dende esa realidade con esa sensibilidade tan sorprendente! Moitas grazas Manolo por darlle tanta visibilidade a estas persoas tan singulares!!!