20/12/19

Bo Nadal e feliz 2020

E rematamos o 1º trimestre con moita actividade: diferentes actividades por cursos, niveis e ciclos. Velaquí algunhas imaxes do "Ti si que vales" e dos que se dedicaron a pedir o aguinaldo polo colexio e a pesares da chuvia na Residencia Santa Mariña e no Centro de día; aquí ademais xa nos tiñan preparada unhas fotocopias para podermos cantar tod@s xuntos coa música do ande, ande, ande...
"Vamos, vamos, vamos con moita alegría
e todos cantamos como unha familia.
Vamos, vamos, vamos, vamos con amor
e todos cantamos con moita ilusión."
   E con este estribillo ata dez estrofas con moita sabedoría; como mostra este botón:
"Aínda que sexamos vellos
temos moito que aportar
escoitade ben atentos
o que vos imos cantar."
Moitísimas grazas e  
"Este canto de nadal   
xa chegou ó seu fin
esperamos para o ano
que o poidamos repetir"

19/12/19

Concurso tarxetas de Nadal

Como todos os anos, convocamos entre todo o alumnado do centro o VII Concurso de tarxetas de Nadal do CEIP Rosalía de Castro.Temos que dicir que o nivel cada ano é máis alto e lle resulta moito máis difícil ao xurado do concurso (que é todo o claustro do profesorado do centro) escoller o traballo gañador.
Este ano foi Hallany Parejas Dos Santos a artista da tarxeta gañadora, que será a que o centro utilice para felicitar as festas a todos os membros da nosa comunidade escolar, así como ao resto dos centros de ensino da vila, as autoridades educativas e civís, nas súas redes sociais e páxina web e ao resto de compromisos que o centro poida ter. 
Hoxe fíxémoslle entrega dun pequeno agasallo para que recorde que ela foi a gañadora deste ano e o seu traballo pasará á exposición que temos no Edificio Administratiivo co resto dos traballos gañadores dos anos anteiores. Parabéns de novo, Hallany!






E aquí o resto dos traballos finalistas.... Noraboa a tod@s!!


Fomos buscando o aguinaldo!!

O alumnado de tres anos fomos visitando @s nos@s compañeir@s cantando panxoliñas para acadar o tan desexado aguinaldo... e penso que o conseguimos!!

O boletín da biblioteca


Como un ano máis... lecturas para tod@s!



18/12/19

Camilo de Dios, unha de tantas historias que non debemos olvidar

Camilo no mazadoiro cos seu veciños. Fotografía de Óscar Pinal. 2012. Sandiás.

Hoxe tivemos a noticia da morte en Sandiás de Camilo de Dios, un dos últimos guerrilleiros antifranquistas. E poñemos aquí un enlace do documental sonoro de "A vivir que son dos días"que co título de Vidas enterradas preparara no mes de maio pasado contando con Camillo, no seu Sandiás, como narrador excepcional da súa historia familiar que arranca en plena República e é ferida pola guerra e a dictadura. 
Porque aquel que non coñece a súa historia está condenado a repetila (frase que se lle atribúe a Napoleón) e debemos ser cidadáns informados, críticos, pensantes para con cometer os mesmos erros.

https://cadenaser.com/programa/2019/05/11/a_vivir_que_son_dos_dias/1557580875_960801.html

Outros enlaces:
https://www.youtube.com/watch?
time_continue=90&v=daRdN8HDzjM&feature=emb_logo&fbclid=IwAR07paKGVYZP314OUGaF6lsUS6JN3U9eM3t1mThODGENxFiZscKyXEOHNqU

https://www.youtube.com/watch?v=Z5P-g1Ytn24

Preparando as panxoliñas para saír a pedir o aguinaldo

Velaquí ó alumnado de 4º de infantil agasallándonos coa panxoliña que mañá xoves irán a cantar á casa do Concello de Xinzo e escoitando a que nós tamén estamos preparando; nunha das aulas de 3º de primaria que tamén sairemos o venres a pedir o aguinaldo polo pobo. 


 







17/12/19

Visitáronnos as súas Maxestades de Oriente....

Hoxe foi un día moi especial no CEIP Rosalía de Castro... As súas Máxicas Maxestades comprobaron que todas as nenas e nenos máis pequenos do cole portánronse ben este ano para poder atender ás súas peticións. Mañá chea de maxia para @s máis pequen@s do cole....

Fomos ó teatro na casa de cultura


  


O alumnado de 3º e 4º de primaria do noso Centro estivemos na Casa de cultura acompañados polos compañeiros e compañeiras de 1º, 2º e 3º de primaria do Ceip Carlos Casares no Teatro para escolares dentro do programa Nadal 2019.



16/12/19

O alumnado de infantil agasallando sorrisos


 Hoxe os máis cativos do cole, o alumnado de 4º de infantil (3 anos diciamos antes) acompañados polas súas titoras e Jorge quixéronlle agasallar ós avós e avoas da residencia Santa Mariña, ós do Centro de día e á Garda Civil  un dos mellores regalos que se poden facer: O seu sorriso. Valaquí unhas imaxes desta actividade.







Fomos ó teatro a Ourense

O luns, 16 de decembro, as aulas de 1º e 2º de primaria xunto coas súas titoras fomos ó Auditorio de Ourense a ver un musical “A nena e o grilo máis aló”

https://www.afundacion.org/es/agenda/evento/escolares-a-nena-e-o-grilo.-ourense

13/12/19

Santomé, "fendetestas". Pista de Xeo (grazas Rosa!)

Este venres 13 de decembro, día de Santa Lucía (Pola Santa Lucía mengua a noite e medra o día) o alumnado cos seus titor@s e Alicia pasamos a xornada en Ourense. Primeiro visitamos a exposición de Santomé, conxunto arqueolóxico natural.
E mentres os de terceiro estivemos na sala de exposicións Afundación na Praza Maior os de cuarto visitaron o castro para despois vir os de cuarto á exposición e os de terceiro ó castro. Da man de Ángela, Gema e Alberto como monitores aprendemos un montón; moitas grazas por achegarnos ós castrexos e romanos e a todo o seu mundo: casas redondas, pedras de granito, trisquel, druídas, cerámica, cristal, velas, antorchas, balanza-comercio, auga, muíños... e mesmo facernos partícipes do recado de fendetestas. 
Ademais tivemos tempo para darnos unha volta pola praza de Abastos e gozar da pista de xeo no Centro Comercial Ponte Vella. Alí estaba esperándonos M. Carmen Vaz titora de 3º B que se achegou a saudarnos e pasar con nós esta hora. E se lle temos que dar as grazas a M. Carmen, tamén aquí temos que agradecerlle este espectacular momento a Rosa, Xefa de Estudos de Primaria (Salesianos) que nos posibilitou o 26 de novembro cando reservamos esta actividade -xestionando e cambiando ela de hora para algún grupo do seu colexio - que nós poideramos facelo nesta que nos viña como anel ó dedo por estarmos este día en Ourense. Moitísimas grazas.

11/12/19

Temos sesión de teatro na Casa de Cultura

O vindeiro luns 16 




Neve, tres pingüíns, o desexo e dous boletos para a A.R.C.A. (Aparello Rescatador de Animais) de NOEÉ (Novos Observadores Especialistas da Evacuación) son os elementos desta historia narrada cunha linguaxe sinxela e contundente. Os pingüíns reflexionan sobre o valor da amizade: como facer para salvarse os tres cando só teñen dúas pasaxes? Cando está permitido e cando non romper as regras?
Tres amigos enfréntanse ao dioivo universal, ou ao cambio climático ou como lle queiramos chamar neste principio de século. As ordes son moi claras, so están convidados dous. Na ARCA só admiten parellas. Nestas circunstancias pregúntanse polas leis humanas e divinas, polo sentido da existencia, pola amizade e o desexo de sobrevivir á conta do outro, o “outro como algo moi diferente ao meu. Con humor e espíritu lúdico o espectáculo plantexa preguntas ao redor da nosa relación coa natureza.

10/12/19

Novidades

Incorporados esta semana


9/12/19

Martina e Casi no "Ti tamén contas"

Hoxe, luns 9 de decembro tivemos na B.E. outra sesión do Ti tamén contas. Nesta ocasión foi o alumnado de 3º de primaria o que gozou de dous contos que nos trouxo Casi, a nai de Martina e que coñecía a moitos dos alí presentes porque no seu momento, na etapa 0-3, foran alumnas e alumnos seus.  No primeiro dos contos a directriz era facerlle caso ó libro que pedía non pasar páxina... pois non houbo maneira! O segundo foi sobre o Medo. Moitas grazas pola participación.  

5/12/19

Campo a través no Campo Municipal da Moreira

O pasado mércores, 4 de decembro, comezamos a tempada de Deporte Escolar na comarca da Limia coa primeira proba de campo a través. Aínda que a mañá estaba fría, os ánimos e o grande esforzo de td@d @s nosos grandes atlet@s, fixeron desta xornada de convivencia entre os distintos centros de ensino da vila unha experiencia moi enriquecedora. Agora toca esperara polo Campionato Comarcal que xa celebraremos no 2020. Moitas grazas ao profesorado que fai posible estas actividades. Hoxe foi a quenda de Juan, Jorge e Alicia. Seguimos crendo en fomentar hábitos de vida saúdable entre o noso alumnado... Non mires.... Corre ti tamén!!

Día Mundial do Solo






Como cada 5 de decembro hoxe celebramos este día para centrar a atención na importancia do chan, da terra, da xestión sostible dos recursos.

Estes son os principais problemas que expón o desenvolvemento sostible do chan:
  • A importancia económica e social dunha boa ordenación da terra, incluído o chan. A súa contribución ao crecemento económico, a diversidade biolóxica, a agricultura sostible e a seguridade alimentaria.
  • A erradicación da pobreza, o empoderamiento da muller, as medidas para facer fronte ao cambio climático e o aumento da dispoñibilidade de auga.
  • A desertificación, a degradación da terra e a seca son problemas mundiais que seguen supondo un desafío para o desenvolvemento sostible, en particular nos países en desenvolvemento.
  • A sustentabilidade dos recursos limitados do chan mediante a mellor información científica dispoñible e tendo en conta todas as dimensións do desenvolvemento sostible.
  • Cada cinco segundos se erosiona unha superficie equivalente a un campo de fútbol.





https://galego.lavozdegalicia.es/noticia/lavozdelaescuela/2019/12/04/

Tania e Laura no "Ti tamén contas"



 
Neste xoves, 5 de decembro, tivemos outra sesión de "Ti tamén contas". Esta vez foi Tania a animadora deste momento na biblioteca co alumnado de 1º de primaria e as súas titoras.

E este, "La manta que abraza" foi o conto escollido por ela e a súa filla Laura para este momento. Moitas grazas! 









Biblioteca de nais/ pais e profesorado





No Edificio administrativo segue a Biblioteca das familias e profesorado; achegádevos de cando en vez. Seguimos incorporando novas adquisicións.

“A lectura é unha forma de cambiar o mundo. É unha forma moi lenta, pero moi potente”, comenta en entrevista con Crónica Javier Cercas (España, 1962), escritor español que promociona na edición 33 da Feira Internacional do Libro de Guadalajara a súa recente novela Terra Alta, onde narra como a Melchor, un mozo de 18 años, le dende a prisión Os Miserables, de Víctor Hugo e a súa vida cambia: decide estudar para policía e impartir xustiza, como Javert.

"A lectura é un pracer, pero o pracer é coñecemento".

En opinión de Cercas, é unha forma lenta de cambiar o mundo. “Esa é a maxia da literatura: que é capaz de revolucionarnos por dentro. A iso referíase Kafka cando dicía que os bos libros son os que nos fan dano, son aqueles –os únicos que merecen a pena ler–  que rompen o mar de xeo que levamos dentro”.

https://www.cronica.com.mx/notas-la_lectura_es_una_forma_lenta_pero_muy_potente_para_cambiar_el_mundo_javier_cercas-1139005-2019

4/12/19

LION 2: temos impresora 3D no Ceip Rosalía




Nesta tarde do mércores 4 de decembro tivemos unha xornada de formación @s integrantes do Seminario de Escorbabot e Impresora 3D, impartida por Jesús, un experto en impresión 3D, da empresa LEON 3D.
Velaquí un novo reto. Outra innovación máis da man das bibliotecas escolares: o "movemento Maker" esta corrente na que temos cabida todas aquelas persoas que funcionamos co lema "facémolo nós mesmos".
Agora a extensión STL, o 3DWOX, ou o GCODE por citar algunhas palabras descoñecidas ata hoxe, xunto a moitas outras pasarán a formar parte do noso vocabulario. 

3/12/19

Baixo o mesmo paraugas no día das persoas con discapacidade

A única discapacidade é a indiferencia




Neste 3 de decembro, día internacional das persoas con discapacidade, a campaña "SOS, soidade eu tamén conto" centrouse na soidade non desexada destas persoas; ademais esta soidade ten nome de muller: o 74% das persoas con discapaciade que viven soas son mulleres. 

PATIOS  INCLUSIVOS