O 5 de xuño conmemórase o Día Mundial do Medio Ambiente. Este ano o seu "leiv motive" é "Xeración Restauración: reimaxina, recrea, restaura", onde se pretende que tomemos conciencia de que "restaurar os ecosistemas significa previr, deter e reverter este dano, pasar de explotar a natureza para curala. Para iso, e precisamente neste día, arrincará o Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración de Ecosistemas (2021-2030), unha misión global para revivir miles de millóns de hectáreas, desde bosques ata terras de cultivo, desde a cima das montañas ata as profundidades do mar. Só con ecosistemas saudables podemos mellorar os medios de vida das persoas, contrarrestar o cambio climático e deter o colapso da biodiversidade. Neste día tan sinalado, o alumnado de sexto de Primaria, tivo a súa derradeira xornada do proxecto "Me gusta mi río", onde todas e todos eles convertíronse en "coidadores oficiais" do noso benquerido río Limia. Nesta xornada estiveron en dous escenarios distintos. Primeiramente visitaron a ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) de Xinzo de Limia, onde, da man do técnicos de Viaqua, coñeceron todo o proceso dende que a auga é sacada dos pozos subterráneos ata que chega ás billas dos nosos fogares.
Despois desprazáronse ata a desembocadura do río Faramontaos no río Limia (lugar tamén das outras dúas xornadas), onde conmemoraron este Dia Mundial do Medio Ambiente acompañad@s de distintas autoridades, entre as que estaban o Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Alcaldesa de Xinzo de Limia. A entrega de identificacións como coidador@s do río, a colocación dunha caixa niño nas marxes do río e a realización de diversos xogos foron algunhas das actividades que levou a cabo o noso alumnado, sempre da man de Manuel, Teresa, Diego e Olmo, que como nas anteriores xornadas, foron uns extraordinarios "mestr@s" e aos que queremos amosar o noso profundo agradecemento polo trato recibido estas tres marabillosas xornadas.
Esperamos e solicitamos que este proxecto teña continuidade en vindeiros anos porque non hai aprendizaxe máis motivante que aquel que se fai a carón do medio natural do que estamos a estudar...