28/4/24

Visitamos o Centro do Lobo Ibérico

"Un home pode facerse amigo dun lobo, pero ningún home será capaz de domesticalo en realidade." George R. R. Martin, escritor estadounidense.

O alumnado de terceiro de Primaria visitou o Centro do Lobo Ibérico de Castela León en Robledo de Sanabria. Alí poderon comprobar de primeira man que fermoso é este animal e aprender un montón de datos e curiosidades sobre este cánido que pobra os nosos montes.

Remataron o día cunha visita a un dos "Pueblos más bonitos de España", como é Puebla de Sanabria, coas súas empinadas rúas e o seu Casco Histórico Medieval.

Unha xornada chea de aprendizaxes significativos e que recordarám estas nenas e nenos por moito tempo!

25/4/24

Feliz Día do Libro!

 “Aprender a ler é acender un lume, cada sílaba que se deletrea é unha faísca.” Victor Hugo, escritor francés.

Chega unha das actividades máis esperadas do curso!

O amadriñamento/apadriñamento lector enche o noso cole de libros compartidos polo alumnado dos distintos cursos. Unha gran oportunidade para convivir e compartir unha experiencia única que ano a ano fai deste Día do Libro unha data especialmente sinalada no noso calendario. Cando lemos, visitamos outros mundos, outras realidades … e que mellor que facelo en moi boa compañía!!!

23/4/24

Coñecer para protexer

 "En cada nena e neno deberíase poñer un cartel que dixese: Tratar con coidado, contén soños." Mirko Badiale, escritor e filósofo italiano.

Dentro das actuacións que levamos a cabo conxuntamente co CDR O Viso e coa Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), enmárcase esta charla á que asistiu o noso alumnado de quinto de Educación Primaria.

Na Lei Orgánica de Protección Integral á Infancia e Adolescencia contra a Violencia (LOPIVI) xa menciona que cada centro educativo ten que ter unha/un coordenadora/corrdenador de Protección para escoitar e defender a todo o alumnado e facer do centro educativo un centro seguro. Este rol en todos os centros educativos de Galicia está asumido polo Coordenador/a de Benestar do centro que xunto co equipo ACAE será o que coordine e xestione todas estas situacións.

Na charla impartida no espazo creativo, o noso alumnado identificou situacións de violencia e como responder ante elas, dándolle unha serie de estratexias e buscando sempre o apoio da súa familia primeiro, de todo o profesorado do centro despois así como o dos seus iguais.

Esta é unha formación que dende o noso cole consideramos indispensable e que permite detectar situacións non desexadas entre o noso alumnado e darlle a resposta correcta, contundente e inmediata para atallar dende a raíz calquera tipo de conducat contraria á convivencia.









22/4/24

El Bibliobús de Alce

"O único importante nun libro é o significado que ten para ti." W. Somerset Maugham, escritor británico.

Cando se trata de contar un conto… Ninguén o fai mellor que Alce! Pero unha noite, sentado coa súa familia á calor do lume, a Alce non se lle ocorre nin unha soa historia que non contase xa. Necesita un libro con novos relatos. Ou quizá o que todos necesitan é unha biblioteca...

Este álbum ilustrado infantil convida os pequenos a penetrarse no marabilloso mundo dos libros e das bibliotecas. A través dunha divertida e enxeñosa historia ambientada nun bosque e os animais que viven nel, abórdanse temas como a narración oral de contos, a alfabetización, o pracer da lectura individual e a colectiva ou os libros e a capacidade que teñen de crear lazos entre as persoas. https://www.edelvives.com/es/tienda/el-bibliobus-de-alce

Desta volta a nova PisaCharcas Lucía e Xoán son quen nos amosan como os animais do bosque descobren aos máis pequenos a maxia dos libros e as bibliotecas, lugares que canto máis se visitan, máis nos enganchan. Moitas grazas aos dous por facernos ver a maxia destes lugares!

18/4/24

Unha Travessia polo Mar das Antelas

"Vem navegar com nós!!". A Arca da Noe

Noemí Vázquez é unha capitana de terra adentro onde o rural é surcado polas travesías máis fermosas ateigadas de música, poesía e vida. Ela e a súa Arca, recollen todo tipo de especies merecentes de ser vistas, ouvidas e comunicadas por un único denomidor, o amor á arte, á cultura e ao noso rural. Hoxe tivemos a sorte de por tela entre nós, para contarnos algunhas dos seus desembarcos. Esta muller brava é tamén profesora de Lingua Galega e Portugés na Limia. Tamén poidemos escoitar ás que ademáis forman parte deste fermoso proxecto, as Xilgras Mencía e Noa que nos delitaron cuns cánticos.

Que pracer poder contar con esta rosaliana, protagonista ela tamén das nosas Mulleres da Limia, libro que publicaremos proximamente en colaboración coa ANPA do noso cole e o CDR O Viso.

Moitas grazas, Noe, por facer o que fas e ser como es!!







14/4/24

Chocolata

"A humanidade ten ilusións como o paxaro ás. Iso é o que a sostén." Blaise Pascal, científico, filósofo e escritor francés.

Chocolata toma o seu baño diario na lagoa. Un día decátase de que na cidade hai unha casa de baños, e decide saír da selva coa intención de probalos. Para non parecer tan salvaxe, cómprase un chándal e unhas zapatillas deportivas con lucecitas, disposta a coñecer a vida na cidade. Ao chegar á capital, Chocolata fai unha rápida incursión nos hábitos urbanos máis tópicos, actuais e recoñecibles desde a mirada infantil, e experimenta outro estilo de vida.Neste relato, Marisa Núñez fala sobre as ilusións, os desexos, a amizade e a importancia da experiencia e de valorar o que temos ao noso ao redor. A ilustración, con inspiración africana, é alegre e colorista; expresa con mestría diferentes perfís humanos a través dos animais da selva, e reflicte o humor e o optimismo da narración. Ademais, Helga Bansch enriquece o relato creando personaxes que conduce hábilmente a través das páxinas, para darlle un sentido máis amplo á viaxe de Chocolata, que o lector deberá descubrir a través da lectura das imaxes. Un álbum no que o texto e a ilustración enténdense e compleméntanse de tal modo que unha lectura sen imaxes evocaríanos unha historia diferente. https://oqo.es/product/chocolata/

A  nosa nova #PisaCharcas Uxía, acompañada de Ana, trouxeron ata a nosa Biblioteca Escolar a historia desta valente "hipopótama", que non conformándose co que ten ao seu redor, decide arriscar e facer valer as súas ilusións por descubrir lugares e situacións novos para ela.

Encántanos recibir visitas como esta no noso cole!



Non hai dificultades que non se poidan superar

 “A fotografía é o medio adecuado para recrear o agora, o mundo vivo dos nosos días.” Berenice Abbott, fotógrafa estadounidense.

Seguen a achegarse ata o noso centro as Mulleres da Limia que serán as protagonistas do libro que publicaremos en colaboración coa ANPA do noso cole e o CDR O Viso.

Desta volta foi Mati, a eterna fotógrafa de Xinzo de Limia, que non temos ningunha dúbida que  é unha muller brava que sorteou diferentes obstáculos na súa traxectoria como muller emprendedora e empresaria, como o idioma na emigración, a crianza e a posta en marcha do que foi o seu negocio e forma de vida, totalmente soa.

De entre todos os retratos que o alumnado de sexto B preparou para ela, Mati foi a que escolleu o que aparecerá próximamente na nosa publicación.

Referentes como Mati son os que pretendemos ensinar ao noso alumnado para que sexan quen de decatarse de que só con esforzo, dedicación e moitos, moitos sacrificios, todo na vida pode saír adiante.







13/4/24

Los tres cerditos

"Un bo conto débeche deixar con moitas experiencias e algo esgotado ao final. Vives varias vidas ao ler!." William Styron, novelista estadounidense

Tempo para os contos clásicos no noso Patio das Bolboretas. Desta volta Dylan e Soralla achéganos esta fábula de tradición oral onde os seus protagonistas, os tres porquiños,  retratan os valores do esforzo, a constancia, o traballo, a responsabilidade e a lealdade entre os irmáns para conseguir os seus obxectivos.

Frases como  "soplaré, soplaré y tu casa derribaré" son xa parte dos máis antigos dos recordos  da nosa máis temperá infancia e non ten habido casa onde esta e outras historias formen parte do inventario de contos "de sempre".

Moitas grazas Soralla por ese fermoso estoxo con pinturas que lle regalaches a tod@s @s compis de Dylan e  por unirte ao noso clube de #PisaCharcas da nosa Biblioteca Escolar!



6/4/24

Da supervivencia á prosperidade...

«A sociedade ten que aceptar que non todos poden ser iguais.» – Albert Einstein

Nas Nacións Unidas celebramos este día co obxectivo de reafirmar e promover a plena realización de todos os dereitos humanos e liberdades fundamentais das persoas autistas en igualdade de condicións coas demais. Conseguíronse grandes progresos, sobre todo grazas á contribución dos numerosos e incribles defensores dos autistas que traballan incansablemente para difundir as experiencias vividas das persoas autistas en todo o mundo.

Cando en 2007 a Asemblea Xeral da ONU designou o 2 de abril como Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo facía fincapé na súa resolución A/RES/62/139 na importancia de sensibilizar á pública sobre o autismo. Dezasete anos despois, xa non se trata só de concienciar á opinión pública, senón de promover a aceptación e o aprecio das persoas autistas e da súa contribución á sociedade. https://www.un.org/es/observances/autism-day

Para conmemorar esta data tan significativa no noso centro levamos a cabo unha serie de actividades para tomar concienciación entre todo o alumnado da importancia da inclusión como elemento de identidade do noso cole, facendo fincapé nas persoas cun espectro autista , nas súas expectativas, tanto persoais como profesionais e nos seus retos na súa vida cotiá.