29/1/25

Encaixando melodías

 "A música pode cambiar o mundo porque pode cambiar ás persoas." Bono, cantante da banda británica U2

O CEIP Rosalía de Castro, dentro do programa educativo no que participa chamado "Polos Creativos", realizou unha actividade utilizando o primeiro material recibido neste curso 2024-2025.

Trátase dun proxecto musical chamado “Encaixando melodías” no que o alumnado tiña a tarefa de crear música. Para iso, o material incluía un kit onde podiamos atopar unha pequena máquina musical, cintas musicais e o perforador, grazas ao cal os cativos gravaban a melodía escollida nas cintas.

As máquinas de música programables mediante tarxetas foron uns dos primeiros autómatas empregados pola humanidade. As tarxetas, perforadas por pequenos buratos, foron usadas en teares no mundo téxtil e tamén, con posterioridade, nos primeiros ordenadores. Neles, os pequenos anacos de cartolina proporcionaban información e eran un medio para o ingreso de datos na computación.

Este material foi utilizado nas clases de música onde participaron alumnos e alumnas de todos os cursos, adaptando a dificultade e o nivel a cada un deles, facendo así uso das metodoloxías activas e o deseño universal para o aprendizaxe (DUA).

Neste caso en concreto, podemos ver aos alumnos de 5º de Educación Primaria que grazas a este material, complementan a súa formación e asimilación das cancións “Jingle Bells” e “O Himno da Alegría” de Beethoven que estiveron a traballar neste trimestre. Os nosos pequenos e pequenas artistas, son capaces de realizar a lectura da partitura, interpretalas coa súa voz, transcribilas nas tiras de cartón para poder así interpretalas coa “pianola”. Grazas a todo isto, traballouse ritmo, melodía, historia da música, linguaxe musical e interpretación dun xeito ameno, diferente e divertido.

22/1/25

Haiku​ (俳句) que rachan fronteiras

 «A poesía non quere adeptos, quere amantes». Federico García Lorca, poeta, dramaturgo e prosista español.

Dentro do noso proxecto "Pontes de Letras, Fontes de Saber", percorreu o pasado día 15 de xaneiro a primeira das video conferencias coa EB da Feitosa e a EB do Trovela onde o alumnado compartiu as súas creacións de haikus de inverno, da man da nosa Biblioteca Escolar e das Bibliotecas Escolares do Agrupamento de Escolas António Feijó.

Superadas as primeiras incidencias técnicas, o alumnado das tres escolas foi quen de compartir as súas creacións neste formato da poesía tradicional xaponesa, poñendo en valor elementos da natureza comúns as distintas realidades.

Foi unha primeira toma de contacto, que é preciso incrementar e mellorar, para afondar nestas estratexias de colaboración que favorecen novos escenarios de aprendizaxe.

21/1/25

Todas e todos contamos!

"É hora de que os pais ensinen aos mozos desde o principio que na diversidade hai beleza e hai forza." Maya Angelou. actiivista estadounidense."

Nun contexto onde a superación das desigualdades sociais é xustamente a base en que se fundamenta a articulación da economía social, dende Afundación lanzan este programa co que, a través de diferentes actividades culturais, o alumnado participe do valor da diversidade. Esforzo, empatía, aceptación do diferente, reforzo da autoestima ou o respecto son algunhas das ensinanzas presentes na actividade, impartida por persoas con diversidade funcional, mediante as que podemos mellorar a sensibilidade afectiva e emocional, favorecer unha sociedade equitativa, xusta e diversa e facilitar o establecemento de relacións interpersoais. Esta anovadora proposta pon en valor a diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal, fomenta a inserción laboral de persoas con diversidade funcional e promove a súa autoestima e confianza ao exercer un rol activo na sociedade. 

Representouse na aula de Psicomotricidade o contacontos A FAMILIA que narra un conto creado pola Fundación IgualArte, con linguaxe de signos que fala das familias diversas: monoparentais, numerosas, con dous pais, dúas nais, etc. levando a cabo as distintas labores do fogar e os as responsabilidades están repartidas igualitariamente e onde participou alumnado do noso centro.

Este tipo de  actividades destacan polo seu carácter anovador e motivador. Fomentan valores educativos coma a mellora da convivencia, a cooperación, o aumento da autoestima persoal e grupal, o coñecemento e control do propio corpo e a superación de límites. Todos eles son sinais de identidade propios, sen dúbida, do noso cole.







8/1/25

Unhas felicitacións moi especiais!

 "As cartas son como paquetes que conteñen sorpresas." Doménico Cieri Estrada, escritor mexicano.

Dentro do proxecto "Ponte de Letras, Fontes de Saber, que realizamos en colaboración coas escolas do Agrupamento António Feijó de Ponte de Lima figuraba a actividade de intercambio de tarxetas de Nadal entre o alumnado de 4º curso do noso cenro coa EB da Feitosa e a EB de Trovela.

Ao longo das vacacións de nadal foron chegando as cartas enviadas polo alumnado dende o país veciño, pero foi hoxe cando foron repartidas nos nosos grupos.

Grande sorpresa, moito ledicia por ter resposta ás que enviaron el@s e moitas ganas de seguir colaborando nestes proxectos que supoñen, en moitos casos, unha das "súas primeiras veces"... neste caso en recibir unha carta ao seu nome co seu nome no sobre e cun selo dun país "estranxeiro" que seguro que gardarán como un gran recordo!!

Ampliamos horizontes e derribamos barreiras... toca seguir preparando o próximo proxecto!!!