24/12/22

Teatro na Biblio

Co gallo da conmemoración do Día das Bibliotecas Escolares un grupo de alumnas e alumnos de quinto de Primaria dirixidos pola súa titora María José Peaguda escribiu, ensaiou e puxo en escea esta magnífica peza teatral "Non me gustan os libros".

Foi tal o éxito da representación que aínda que estaban programadas unhas poucas sesións durante o mes de outubro, estas bravas actrices e actores tiveron que repetir  esta obra para  todos os cursos do cole, chegando ata o mes de decembro coas súas representacións. 

Sexa este unha pequena homenaxe  para todo ese grupo de alumnado e, en especial, para a súa directora María, que a partir deste mes de decembro pasa a gozar dunha máis que merecida xubilación despois de tanto e tan bo traballo con todos os seus grupos de alumnas e alumnos... Vai por ti,  María, esta derradeira posta en escea!!






20/12/22

Coñecemos un pouco mellor o noso barrio

O alumnado de primeiro de Ed. Primaria levou a cabo unha actividade centrada en coñcecer un pouco mellor o barrio do Polígono onde está o noso centro escolar. Mediante pistas e as súas lupas de espías tiñan que atopar os distintos edificios singulares que hai ao noso redor e facer un pequeno traballo de investigación sobre eles. Sen dúbida, unha mañá moi aproveitada e chea de aprendizaxes diferentes!!




9/12/22

Xornada do Deporte Escolar na Piscina Climatizada

Retomamos as xornadas de Deporte Escolar, desta volta coa competición de natación. Houbo tempo para a toma de tempos clasificatorios para o campionato zonal e tamén para un bo rato de diversión na auga. 
Moitas grazas á Concellería de Deportes do Concello de Xinzo de Limia e en especial ao persoal da Piscina Climatizada por todas as facilidades que nos deron para organizar esta xornada e polo exquisito trato recibido. Volvemos en xaneiro con máis deporte!!






8/12/22

3 de decembro: Día Internacional das Persoas con Discapacidade

O Día Internacional das Persoas con Discapacidade foi declarado en 1992 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas mediante a resolución 47/3. O obxectivo é promover os dereitos e o benestar das persoas con discapacidades en todos os ámbitos da sociedade e o desenvolvemento, así como concienciar sobre a súa situación en todos os aspectos da vida política, social, económica e cultural.

A inclusión de todo o noso alumnado é un dos sinais máis relevantes dentro do  Proxecto Educativo de Centro e levamos a cabo moitas actividades ao longo de todo o curso que así o proban. Neste 3 de decembro tivemos a grande sorte de contar entre nós con Lorena Quintas que explicou o seu proxecto Xogo de fíos ao noso alumnado de quinto de Primaria. Quedaron marabillados do seu traballo e de como todo é mundo é quen de desenvolver as súas facetas persoais e profesionais se así o propón.

Por outra banda, o alumnado de sexto de Primaria realizou unha actividade de integración á inversa c@s seus compañeir@s da aula específica na que están incluíd@s. Unha experiencia que para el@s non é nova pero que si foi diferente ao facelo "ao xeito inverso".

Neste vídeo podedes comprobar canto aproveitaron esta xornada e como seguimos tentando facer da inclusión un dos  nosos sinais de identidade como centro educativo!



4/12/22

#25N A historia das irmás Mirabal

Para pechar as actividades que levamos a cabo para conmemorar o #25N, o noso alumnado de sexto de Ed. Primaria visitou o Parque da Igualdade en Cachamuíña, organizado pola área de Igualdade da Deputación Provincial de Ourense, onde se brinda unha fermosísima homenaxe ás máis de 1.100 mulleres asasinadas desde 2003 en España e cuxos nomes figuran ao pé da escultura “O abrazo”, de Manuel Buciños.
Contamos coa presenza de Luz Doporto Real, Licenciada en Psicoloxía, Especialista en Educación Emocional e con amplos estudos e coñecementos sobre violencia de xénero e malos tratos. Da súa man, coñecimos as orixes de cando e  por que a ONU escolleu o 25N para conmemorar esta data, de cal é a razón para ter o a cor violeta como símbolo da loita en feminino, como recoñecer as condutas diarias que nos poden alertar para descubrir micromachismos e as súas terribles consecuencias e un montón de máis datos e situacións que o noso alumnado agora é quen de coñecer e facerlle fronte sen medo algún.
Repetiu Luz varias veces ao longo desta xornada que ela creía que está xeración que estamos a formar hoxe en día será a primeira que estará libre desta terrible lacra que é a violencia contra as mulleres. Con actividades tan divulgativas e interesantes como esta, estamos convencidos que ASÍ SERÁ !!
#NinUnhaMenos #25NContraAViolenciaMachista