16/10/18

A UE anima aos colexios de Galicia a participar na Semana da Programación

Esta iniciativa europea pretende achegar a innovación ás aulas da Unión, para que docentes e alumnos participen na transformación dixital.
A  Comisión Europea impulsa nestes días a Semana da Programación (Code Week), un proxecto que pretende achegar aos centros educativos as ferramentas básicas da linguaxe de programación e as habilidades dixitais á comunidade escolar dun xeito ameno e divertido. Segundo sinala a GCiencia Naír Carrera, pedagoga galega que traballa na European Schoolnet, unha rede de 34 ministerios de Educación basada en Bruselas, a Semana da Programación enmárcase dentro da estratexia do Plan de Acción de Educación Dixital da Comisión Europea, que anima concretamente ás escolas de Europa a participar nesta iniciativa  de levar a innovación e a programación ás aulas en todos os centros educativos de Europa.
A Comisión Europea permite que os colexios se sumen á iniciativa ata o vindeiro mes de decembro
A Semana da Programación ten lugar oficialmente entre o 6 e o 21 de outubro, pero este ano a Comisión Europea extendeu a posibilidade departicipar ata o mes de decembro, o que facilita que os centros se sumen á iniciativa.
Para este fin, European Schoolnet creou unha páxina dedicada aos centros escolares e aos docentes de toda Europa, na que tamén se poden consultar recursos de formación para as aulas. “A finalidade é que os docentes (especialmente aqueles que non teñen experiencia previa en programación) poidan seguir estes módulos de formación e replicar os exemplos que alí se proporcionan cos seus alumnos, rexistrando así a actividade no mapa da Code Week”, explica Carrera.
Ata o de agora, entre as 22.000 actividades rexistradas na páxina web, só menos de 30 se desenvolverán en Galicia, polo que desde a UE fan un chamamento a que os colexios galegos se sumen a participar, para que “non se queden ás portas da innovación e poidan participar da transformación dixital da mesma maneira que outros docentes europeos”.
Neste senso, o Ministerio de Educación de España pon tamén a disposición dos docentes un mini curso gratuito en liña que, con só tres horas de formación, achega ós docentes ó coñecemento básico para participar na iniciativa Code Week.
Os docentes que realicen este curso de formación, denominado SomosCodeEu, recibirán o rematar una insignia dixital que poderán almacenar na mochila de credenciais abertas de Insignias INTEF, e conseguirán tamén un certificado de participación como este validado pola Comisión Europea. A información para seguir este curso de formación pódese encontrar nesta ligazón.
Do mesmo xeito, segundo sinala Naír Carrera, púxose a disposición dos docentes europeos un grupo de Facebook e unha conta en Twitter nos que os profesores teñen a oportunidade de conectar con outros docentes europeos e participar en eventos ou concursos internacionais como oCodeWeek4All challenge, que lles permite ademáis conseguir un certificado de excelencia. Ademais, na páxina web ponse á disposición do público un conxunto de ferramentas para docentes e de comunicación para todas aquelas persoas que estean interesadas en promocionar a iniciativa.
“Sabemos que a educación básica de calquera persona na era dixital debe incluír a comprensión da programación e o desenvolvemento de competencias fundamentais relacionadas co pensamento computacional, así como a capacidade de resolución de problemas, de pensamento crítico, de creatividade ou de colaboración. Estas son algunas das competencias básicas do século XXI queaxudarán aos estudantes galegos a comprender mellor o mundo que os rodea, e que os axudarán a ter éxito na súa vida, tanto a nivel persoal como a nivel profesional”, expón a pedagoga galega.


No hay comentarios:

Publicar un comentario