"O verdadeiro ensino que transmitimos é o que vivimos; e somos bos predicadores cando poñemos en práctica o que dicimos." San Francisco de Asís
O alumnado de sexto de Primaria tivo a oportunidade de participar da man do Arquivo Histórico Provincial de Ourense en dúas actividades relacionada coa pegada que os monxes franciscanos deixaron na cidade de Ourense.
Por unha banda, fixeron a visita dramatizada "Os segredos dos franciscanos", deseñada especialmente para complementar coñecemento sobre o legado histórico e artístico que os franciscanos deixaron na cidade de Ourense. Nesta actividade tamén se pon en valor o patrimonio documental, moi rico e descoñecido para moitas persoas de calquera idade, dunha forma amena, dinámica e adaptada a cada nivel educativo.
Xoana a lavandeira e Frei Xan o Farrapeiro invitaron a descubrir ao noso alumnado os segredos dos franciscanos a través dun percorrido por lugares emblemáticos da cidade que rematou cun entretido xogo histórico no claustro do antigo convento de San Francisco, hoxe sede o Arquivo Histórico Provincial.
O outro grupo levaron a cabo o Obradoiro de escritura medieval, onde de xeito moi participativo coñeceron todo o relativo á escritura da Idade Media, poñendo en valor singulares documentos históricos do período. Aprenderon como elaboraban a tinta os monxes daquel tempo e utilizaron unha pluma de ave para escribir un documento que deu fe da liñaxe de cada participante.
Trátase dunha experiencia moi enriquecedora dende o punto de vista didáctico, xa que permite ver o contraste existente entre os nosos acelerados tempos dixitais fronte a un pasado analóxico no que a pericia manual e o tempo pausado eran a dinámica da cultura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario