16/6/23

Nasci à beira do Rio Lima, Rio saudoso, todo cristal;

“Abrazamos para que nos abracen” / “Abraçamos para que nos abracem”
J. M. Coetzee escritor y novelista sudafricano
Rematando o XI Abrazo ao Río Limia só queda agradecer a todas as entidades e persoas que fan posible ano a ano que esta xornada de convivencia entre o alumnado destas dúas vilas irmanadas polo noso río, sexa un éxito rotundo.
En primeiro lugar queremos agradecer ao noso persoal de cociña e colaborador do comedor escolar por duplicar esforzos e facer moitísimo máis do que o seu traballo e horario laboral lles corresponde.
Por suposto, destacar a colaboración do persoal da Brigada de Obras, da Concellería de Cultura e do Concello de Sarreaus que sempre están aí cando lles solicitamos a súa presenza.
Dar as grazas tamén ao persoal da Area Protegida das Lagoas de Bertiandos e S. Pedro d'Arcos co que a coordinación sempre é moi sinxela e facilitaron moitísimo todo o traballo levalo a cabo no día de hoxe.
Sinalar, de igual xeito, que todo o persoal do Museo Galego do Entroido e do Festival Internacional de Xardíns de Allariz nos brinda sempre a súa total dispoñibilidade e destacar o especial agarimo con que sempre nos tratan.
Dar as grazas á Banda De Gaitas Xinzo de Limia. É un inmenso privilexio poder contar con ela e todo un orgullo poder presumir diante dos nosos convidados do extraordinariamente ben que fan as cousas!!
Destacar especialmente á Emerxencias Xinzo de Limia e á Policía Local de Xinzo de Limia, que nos acompañaron durante toda a xornada e que sen eles, todo isto sería case imposible levalo a bo termo. Este ano tamén contamos coa colaboración de Protección civil Vilar de Barrio para a poder visitar con toda seguridade o nacemento do río. Moitas grazas!
E por suposto facer o recoñecemento máis que merecido ao Concello de Xinzo de Limia, e especial a Elvira Lama Fernandez, a nosa alcaldesa, que tanto nos días previos como hoxe, foi a encargada de avisar, coordinar e supervisar que todo estivera preparado para que tanto os nosos centros de ensino como os portugueses só tiveramos que preocuparnos por ter unha magnífica xornada de convivencia. Agradecer, do mesmo xeito, aos membros das corporacións municipais, tanto de Xinzo de Limia como de Ponte de Lima, que compartiron con tod@s nós este Abrazo tan especial.
E por último, resaltar tanto ao profesorado como ao alumnado do centros de ensino participantes (CEIP Rosalía de Castro, CEIP Carlos Casares, CE das Lagoas e EB1 de Ponte de Lima). Ao primeiro, pola súa dedicación e compromiso en brindar a est@s nen@s ocasións e experiencias únicas como as de hoxe, sen importarlle distancias nin horarios.
E ao noso alumnado, polo seu comportamento exemplar e polas súas ganas de aprender e mergullarse nesta actividade única, onde nenos e nenas que non se coñecen de case nada son quen de estar xogando xunt@s ao pouco rato de coincidir nun mesmo espazo e, normalmente, cunha pelota polo medio … sen discutir, sen enfadarse ... Canto temos que aprender del@s …
O Abrazo é unha ocasión única para darnos conta que un río nunca separa territorios ... un río sempre une persoas!

No hay comentarios:

Publicar un comentario