20/2/22

Domingo Corredoiro no Rosalía!

E seguimos en tempo de Entroido no noso centro! Desta volta o alumnado de sexto de Primaria fixo unha vista ao Museo Galego do Entroido, onde, da man de Carlos Martínez, poideron coñecer curiosidades do noso e de outros entroidos de toda Galicia.

Aproveitamos tamén a visita para pescudar na vida e obra do autor de cabeceira da Limia, Carlos Casares, facendo unha investigación persoal a través da exposición "Os mundos de Carlos Casares", sita na planta baixa do museo. Alí descubrimos o seu amor pola fotografía e polos trens a escala, así como a súa "obsesión" por coleccionar exemplares do "Principiño" en diferentes edicións e linguas.

Para rematar esta xornada visitamos tamén a sé da Asociación Cultural A Pantalla, onde puidemos observar exemplares moi antigos da nosa máscara, os primeiros traxes e un montón de elementos moi significativos de todo o noso ciclo de Entroido.

Rematamos cunha charla de Carlos e Leticia, da propia Asociación, onde nos explicaron como se debe vestir e comportar unha Pantalla nestes días de festa que están por chegar.


Fotografías: Trini Fortes, Jose M. García e Mª Jose Peaguda

Música: Habitación Vudú - Tu Carnaval


No hay comentarios:

Publicar un comentario