26/9/18

Día Mundial da Saúde Ambiental: 26 de setembro


A Fundación Vivo San pon en marcha por quinto ano consecutivo o programa didáctico Saúde ambiental na escola, que xa foi impartido en máis de 200 colexios e que este curso chegará ás aulas de medio centenar de centros educativos.
Organismos internacionais como a OMS e a Comisión Europea subliñan a importancia da prevención e a educación desde a infancia, así como a necesidade de divulgar á cidadanía as relacións causa-efecto entre medio ambiente e saúde.
É a quinta edición do programa educativo que con ese mesmo nome, Saúde ambiental na escola, leva a cabo a Fundación Vivo San nos colexios que o solicitan, co obxectivo de educar e sensibilizar aos nenos sobre os riscos que levan para a saúde determinadas substancias contaminantes presentes no medio ambiente cotián. Ata o momento, máis de 26.000 escolares de 207 colexios de toda España seguiron este programa educativo nos catro anos que leva en marcha.
Todos eses alumnos aprenderon en clase que os alimentos frescos poden ter residuos de pesticidas e como protexerse deles e evitalos, sensibilizáronse sobre os riscos de usar plásticos nos envases de comida, asimilaron a importancia de optar por produtos de aseo persoal ou de limpeza ecolóxicos, saben como ler unha etiqueta e que substancias deben evitar, e en definitiva están máis concienciados de que a súa saúde e o futuro do planeta e do medio ambiente está nas súas mans. A pesar das súas temperás idades, xa saben que son os ftalatos e o bisfenol A, onde se atopan e como afectan o seu organismo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario