Unha conmemoración que organizan, conxuntamente, o Consello de Europa e
a Unión Europea dende o ano 2001 cos obxectivos de celebrar a
diversidade lingüística no territorio comunitario e de promover a
aprendizaxe de linguas entre a cidadanía europea.
Celebramos neste día, como cada 26 de setembro, a importancia e mais a
necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e
lingüística de Europa, así como de incrementar o grao de entendemento
intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de
linguas.
Neste sentido, non se deben pasar por alto datos como que en
todo o continente europeo existen arredor de 200 linguas nativas, que a
Unión Europea é a institución do mundo máis plurilingüe ao recoñecer 24
linguas oficiais (ás que cómpre sumar arredor de 60 linguas denominadas
rexionais ou minoritarias) ou que se falan no seu territorio algo máis
de 100 linguas procedentes doutros continentes do mundo que usan a
diario persoas inmigrantes.
Facemos presente que unha das transformacións á que
aspiramos consiste en lograr que a lingua que foi o código de expresión
das persoas que habitaron Galicia durante os mil últimos anos estea en
condicións de seguilo a ser durante os mil anos futuros como vehículo de
comunicación útil e dinámico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario