14/1/19

2019: Antón Fraguas

Antón Fraguas protagonizará o Día das Letras Galegas de 2019. Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, historiador, etnógrafo, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo e querido polo alumnado, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común, Antón Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 – Santiago de Compostela, 1999) dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. Cos seus traballos e conferencias contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento, unha idea cuxa reivindicación segue a ser necesaria.

                    Antón Fraguas, á esquerda nunha imaxe de 1925 e nos últimos anos da súa vida. 
                       Imaxes cortesía do Museo do Pobo Galego e o Consello da Cultura Galega

A biografía de Antón Fraguas é un percorrido por boa parte da historia galega do século XX. Entrou en contacto desde moi novo co galeguismo, cando estudou bacharelato en Pontevedra, unha etapa decisiva no rumbo que seguiría. Alí empezou a xermolar, como alumno no Instituto Xeneral e Técnico, o seu interese pola cultura galega da man de docentes como Antón Losada Diéguez, Castelao e Ramón Sobrino Buhigas. Foi, de feito, un dos fundadores, en 1923, da Sociedade de Lingua, nada co obxectivo de defender o galego e de elaborar un dicionario. Xa na etapa universitaria en Santiago ingresou, en 1924, nas Irmandades da Fala e colaborou co SEG, do que logo sería membro numerario.

Nesta institución inaugurou en Galicia, baixo a dirección de Ramón Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica, e abordou o Entroido e outros temas sobre a súa terra. Nestes tempos de mocidade publicou con asiduidade en Nós e A Nosa Terra. Comezaba unha obra, ampla e curiosa, con máis de trescentos libros e artigos de revistas, ademais de incontables anacos de xornais, nos que Galicia era o seu motivo esencial.
Antón Fraguas escribiu sobre xeografía, cunha proposta de comarcalización da que aínda se pode seguir tirando proveito; cultivou a historia, deixando biografías de personaxes ilustres como Murguía ou Castelao e a que foi a súa tese de doutoramento, sobre o Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela; e fixo tamén achegas á arqueoloxía. Pero o campo no que quizais máis destacou foi o do estudo da cultura campesiña, e en especial da súa parte espiritual. Festas, crenzas, romarías, cantigas, usos e costumes, dicires etc. aparecen nos seus ensaios e conferencias que eran, en palabras do profesor Eiras Roel, non só amenos relatos, senón unha manifestación temperá e adiantada para Galicia do que hoxe se deu en chamar a historia das mentalidades.
Tras exercer como profesor auxiliar de Xeografía e Historia na USC, en 1933 incorporouse como docente ao instituto da Estrada, posto do que foi separado ao comezar a guerra civil. Por este motivo tivo que dedicarse ao ensino privado, que exerceu nunha academia propia, a Menéndez Pelayo, aberta en 1938 na rúa Algalia de Abaixo de Santiago. A partir de 1942, unha vez revisado o seu expediente de depuración, compatibilizou a dirección desta escola coa docencia na Facultade de Filosofía e Letras, que reclamara os seus servizos, ata que en 1950 gañou unha praza de catedrático de instituto. Ensinou primeiro no Instituto Masculino de Lugo e en 1959 acadou o traslado ao daquela Instituto Feminino Rosalía de Castro de Santiago, onde compaxinou o ensino medio co universitario ata a súa xubilación forzosa en 1975.
Compaxinou o ensino coa investigación en contacto con distintas institucións como o Instituto Padre Sarmiento ou a Real Academia Galega, na que ingresou en 1956 co discurso Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. En 1963 foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago en Bonaval e en 1976 participou na creación do Museo do Pobo Galego, do que foi director e presidente. Foi tamén, xa na Autonomía, coordinador da sección de antropoloxía cultural do Consello da Cultura Galega. Desde estas palestras organizou e colaborou en congresos e xuntanzas científicas que serviron de foro de discusión e de posta ao día do universo da etnografía galega.
Recibiu, entre outras distincións, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba, a Medalla ao Mérito Cidadán e Cultural do Concello de Santiago, o Premio de Investigación e o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia, ou o nomeamento de cronista xeral de Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario