20/2/18

Ler é ser especial

No Día Mundial da Xustiza Social estabamos convocados a participar nesta xornada, na Escola Galega de Administración Pública, en Santiago e a mensaxe que nos manda a persoa que foi en representación do noso Ceip é que foi "espectacular". Poñemos aquí algúns dos materiais que xa están colgados e, de seguro que, en breve, engadirán os que faltan. Novos retos para a nosa biblioteca e para toda a comunidade educativa nun día moi especial. 



“O Senhor Mar” da Bru Junça, feito para um poema "História do Senhor Mar" de Matilde Rosa Araújo (O Livro da Tila).
História do Senhor Mar
Deixa contar…
Era uma vez
O senhor Mar
Com uma onda…
Com muita onda…
E depois?
E depois…
Ondinha vai…
Ondinha vem…
Ondinha vai…
Ondinha vem…
E depois…
A menina adormeceu
Nos braços da sua Mãe…

18/2/18

#AbrideAFiestra. Día de Rosalía

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.
Para o 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.
Cada ano a AELG encomenda a un autor/a o texto do manifesto que se propón ler en cada un dos actos que calquera entidade ou colectivo queira organizar para celebrar o Día de Rosalía de Castro. Este ano foi María Reimóndez a encargada da elaboración do seguinte Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2018: Abride a fiestra.
Proposta da AELG para Educación Infantil e Primaria
Para estas etapas de ensino o lema da proposta #AbrideAFiestra pode desenvolverse a través de actividades que permitan a cada alumna ou alumno facerse cómplice da Rosalía de Castro da que se sinta máis próxima/o. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora, e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa da súa obra,  propoñemos para o venres 23 de febreiro que cada alumna/o elabore, nun soporte que poida ser pendurado nunha fiestra ou pegado na parte interior dos vidros das fiestras (tea, cartolina ou similar), algún elemento iconográfico de Rosalía de Castro e/ou transcriba os seus versos soltos ou poemas completos para lles dar luz desde as fiestras e tentar facelos visíbeis socialmente.
Esta iniciativa pretende ademais que o alumnado comparta esta celebración coa súa familia e veciñanza. Para isto faríanse fotos do alumnado, acompañado ou non das súas persoas maiores, portando entre ambos outro pequeno cartel cun verso rosaliano da escolla da alumna ou alumno e mostrándoo nesas fiestras que, coa axuda de Rosalía, abrimos a un mundo e un tempo novo.
A documentación gráfica xerada por estas actividades sería subida á rede polo centro de ensino e polas familias antes do 24 de febreiro, ou ese mesmo día, coa etiqueta #AbrideAFiestra. A AELG comprométese a colaborar na difusión da mesma a través da súa web e redes sociais. 

9/2/18

Un Entroido de Conto

Pois si... Escaparon algunhas personaxes dos libros da nosa biblioteca e por un día, no patio primeiro, e as rúas de Xinzo despois, estaban cheas deles; podías atopar os de 101 Dálmatas, Hansel e Gretel (A casiña de chocolate), Pitufos, Peter Pan, Monstros de Cores, os do Flautista de Hamelim, os ananos buscando a Brancaneves e tamén os de Alicia no País das Marabillas. 
E resulta que se vos fixades ben... parécense moitísimo ó alumnado e profesorado do Ceip. O Entroido tenvos cousas espectaculares. Viva o entroido de Xinzo de Limia! 

7/2/18

A Maxia das palabras


Esta semana tivemos dúas nais na biblioteca para lerlle algúns contos ó alumnado de 2º e 5º de primaria e tamén a todo o alumnado de infantil. Lectura en voz alta. A importancia de crear ese espazo acolledor. Momentos inequecibles. Só hai que mirar a cara das crianzas. Ata os maiores, que estaban no recreo, quedaron engaiolados ollándoos. Moitísimas grazas a estas familias, e a todas as que participan en Ti tamén contas, admirables, que son quen de sacar un tempiño para compartir con tod@s nós. Graciñas Manoli, graciñas Diana!

2/2/18

O Casamento dos Paxariños: o Día da Marmota galego ou o Día de San Valentín?


O día 2 de febreiro, véspera do San Brais, di a tradición galega que é o día que casan os paxariños.

Estamos ante unha das festas do ciclo da invernía, que ten lugar xusto na metade do inverno  e que prepara a inminente chegada da primavera e, con ela, o renacer da natureza. Coa cristianización, que absorbeu canta celebración puido, convertiuse na Candeloria e traduciuse no costume de acender candeas. Coincide tamén coa celebración celta do Imbolc, tamén vencellada ao lume, que en Irlanda foi cristianizado como o Día de Santa Bríxida.
Este día sinala o retorno das aves migratorias e os cortexos que preludian o renacer primavera. “É unha data dedicada ao amor e á fecundidade, os paxaros serven como referencia de observación da natureza e como obxectos de construción simbólica”, segundo sinala o antropólogo Rafael Quintía, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega.
Desde algúns blogs mesmo se defende que o día 2 debería ser a data do amor romántico na nosa cultura. O noso refraneiro popular tamén lembra que “a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa”. E o antropólogo Anxo Rosales ten documentado un exemplo máis dramático desta tradición en Santa Mariña de Covelo (Pontevedra), onde aínda se di que “o paxariño que non consiga compañeiro neste día, suicídase”.
Do mesmo xeito, Rosales lembra que Murguía, ademais doutros estudosos, ten rexistrado o costume de ceibar pombas por parte dos nenos o día da Candeloria na misa que se dedicaba á virxe en Compostela.
Como previsión meteorolóxica
A Candeloria tamén serve para anunciar a chegada máis ou menos próxima da primavera: “Cando a Candeloria chora, o inverno xa vai fóra; cando a Candeloria ri, o inverno está por vir”. É o mesmo concepto que o Día da Marmota estadounidense, cando este animal prevé a chegada inminente da nova estación (ou non). Noutras culturas, como a francesa, é un oso que sae do seu tobo, sinala Rosales.
En Sorbia, unha festa viva
Os sorbios, unha minoría cultural e lingüística en Alemaña, celebran o 'Vogelhochzeit' (Casamento dos paxariños) o 26 de xaneiro. Ese día os nenos póñenlle pratos con comida e lambonadas típicas para os paxaros e nas escolas celébrano con cantos e outras actividades.
Mentres, en Galiza é unha tradición que aínda segue viva na memoria sobre todo do rural, pero que se non se actualiza corre o perigo de desaparecer ao igual que outras moitos costumes e lendas.