30/3/16

Marcapáxinas a prol da solidariedade. Día do libro

   O equipo dinamizador da biblioteca lanzamos esta proposta didáctica que xungue a celebración do Día do Libro coa sensibilización dos dereitos da infancia e a recadación de fondos para programas de supervivencia infantil.

A actividade consiste na elaboración dun marcapáxinas (facilitamos o modelo) e a exposición e venta dos mesmos. Cada neno  doará o recadado (segundo o prezo e o número de ventas). O Centro fará chegar a cantidade recadada a Save the Children.

Faremos a exposición na Semana do 18 ao 22 de abril, coincidindo coa Semana do Libro. Moitas grazas pola vosa colaboración.

Saímos na Voz de Galicia

O alumnado de 4º de primaria nos estudios de radio Limia (Cadena Ser) o día 19 de Marzo.
Hoxe 30 de marzo a Voz de Galicia publica que " los niños internacionalizan al don Carnal limiano". Podédelo ver no enlace seguinte. Tamén publican unha pequena entrevista co noso Director.  

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/xinzo-de-limia/2016/03/30/ninos-internacionalizan-don-carnal-limiano/0003_201603O30C8993.htm

29/3/16

Obradoiro coa Asociación O Bión

Xa no primeiro día deste terceiro trimestre arrancamos cunha actividade que nos trouxeron os membros da Asociación Cultural O Bión: a contrución de caixas nío. Da man de Raúl, Pepe e J. Manuel os de 3º A fomos armando as caixas e aprendendo a coñecer ó ferreiriño común (tamén ó capuchino...), escoitando o seu canto e tratando de colocar ben os parafusos para que a casa aguante. Tamén lle demos ó final unha capa de verniz e deixaremos para outro día o de colocalas no patio e no parque. Ademais dunha fotocopia destes paxaros para os que, en principio, fixemos a súa posible morada déronnos un tríptico da Sociedade Galega de Ornitoloxía sobre o Moucho de orellas, a ave nocturna da primavera.

28/3/16

Coma peixes na auga

Intentando, unha vez máis, ampliar as experiencias deportivas do noso alumnado, o pasado 17 de marzo os rapaces e rapazas de 5º e 6º que o desexaron participaron dunha sesión na piscina.
Consistiu nunha toma de contacto con este tipo de deporte e as probas que o integran.
A actividade foi un éxito, polo que non se descarta repetila en vindeiros anos académicos implicando incluso a máis cursos.

Campionato provincial campo a través

Celebrouse o 6 de marzo en Morterrei (Ourense).
Moi boas sensacións, moita participación e bos resultados.
Varios nenos e nenas conseguiron clasificarse e correr na fase galega, organizada na Estrada o día 12 de marzo.

2ª xornada comarcal campo a través.

O pasado 23 de febreiro desenvolveuse na Moreira a 2º carreira comarcal de campo a través na que o noso colexio participou con 36 corredores e corredoras.
Coma sempre unha xornada preciosa, aflorando esforzo, compañeirismo e amizade.
Os seis primeiros clasificados/as de cada categoría participaron posteriormente no campionato provincial en Morterrei.

18/3/16

Postais do día de Rosalía que tiñamos pendentes...

   Facendo memoria deste trimestre faltaba poñer aquí, tal e como se dixera, unha mostra das postais que se fixeron con motivo do día de Rosalía; este ano ademais fixemos un intercambio coas que fixeron no Ceip Rosalía de Castro de Lugo. Nós mandámoslle as nosas (por iso escaneamos estas como mostra do traballo feito) e eles achegáronnos as súas que temos expostas (algunhas) na carteleira. 

Postais Rosalía 2016 - Kizoa Editar Videos - Movie Maker

Esta vez foi Elisa cos de 3º de Primaria


   Si, este venres, o último día lectivo do trimestre e no que non poidemos plantar as seis árbores que tiñamos preparadas pola chuvia, si fixemos o "Ti tamén contas"; nas aulas porque a biblioteca estaba ocupada. A nai de Lara preparou dous contos (A avoa adormecida e Letras nos cordóns" que nos gustaron moito e dos que falamos. 

Moitas grazas Elisa!!!

 

 


 

"Ti tamén contas": hoxe cos de 4º de primaria

    
E este xoves, 17 de marzo tocoulle ó alumnado de 4º. Grazas Loli (Mª Dolores Emríquez Díaz) por vir participar do programa "Ti tamén contas". Ademais esta lectura estivo acompañada pola música coa que o seu fillo (Rodrigo, de 4º A) nos agasallou.

O alumnado de Infantil (6º) no museo de Quessada



 
  
Este só é un adianto pero poñeremos máis información e fotos da participación que o alumnado do Ceip estamos tendo no proxecto "o artista na aula e as nenas e nenos ao museo". Esta semana foron os do último curso de Infantil a visitar a colección de Quessada no Pazo de Vilamarín.   
Agradecer á Fundación Xaime Quessada o facernos partícipes desta proposta e achegarnos uns materiais tan suxestivos.

"Ti tamén contas" co alumnado de 5º e 6º de primaria





Este pasado mércores, 16 de marzo, tivemos a sorte de contar coa presenza de Sandra (Sandra Rodríguez García), nai de de dous alumnos de 5º e 6º de primaria e que nos agasallou con lecturas dentro do programa que temops organizado dende a biblioteca "Ti tamén contas". Moitas grazas!

17/3/16

Estivemos en correos cos nosos carteir@s

   Este xoves, 17 de marzo, o alumnado de 3º de primaria estivemos en Correos; aquí ó lado do Colexio onde os carteiros da comarca clasifican o correo que despois distribúen. Ramón e algúns dos carteir@s explicáronnos o seu traballo e ata puidemos facer nós algunhas das tarefas que eles fan día a día; si, facendo é como mellor se aprende!
  Tiñamos especial interese porque mañá iremos ó despacho de correos para mandarlle a Hungría (a Khrisztina) as cartas e escritos que preparamos para ela; agora xa sabemos o percorrido que vai facer ese envío...  Pero aprendemos moitas cousas e pasámolo moi ben.
   Moitas grazas Ramón, moitas grazas carteir@s!!! 

16/3/16

Ceip Rosalía: Finalistas do concurso "Fai o teu propio xornal"

A aula de 3º A finalista do concurso "Fai o teu propio xornal". No suplemento de La Región, 16 de marzo de 2016. Pág. 8-11.
https://www.dropbox.com/home/ceip_rosalia_biblioteca/public?select=Eu+son+Rosal%C3%ADa_DEFINITIVO.pdf

https://issuu.com/papacontos/docs/eu_son_rosal__a_definitivo

Semana escolar da árbore e da auga

   "Dona Pinga e don Carballo fan amizade".
    Éste é o título do libriño co que a Deputación do Ourense nos convida a celebrar os días mundiais da árbore e da auga. Mandounos carteis e un exemplar para cada alumn@ de primaria, guías do profesorado e mesmo nos fai unha proposta de actividades.
   Celebramos que as administracións públicas se vaian sensibilizando con estas temáticas e especialmente nesta comarca á que se lle chamou a "ovella rapada" pola desfeita que aquí se fixo en nome da concentración parcelaria e si, desde as administracións públicas. 

10/3/16

I Premio Literario Carlos Casares de narración curta


O Concello de Xinzo de Limia, co gallo da celebración das Letras Galegas 2016, convoca un premio de RELATO CURTO en galego, co fin de animar aos/as  nenos e nenas, mozos e mozas a escribir na nosa lingua. O Nome do concurso literario, dende esta primeira edición, será “ I Premio Literario CARLOS CASARES, de narración curta – Letras Galegas”.  A Concellería de Cultura fai públicas as bases correspondentes á primeira edición. Este certame rexerase, pois,  polas seguintes bases:
BASES: 
·       Primeira:
 Poderán concorrer a este premio os/as nenos/as e mozos/as que presenten, en prazo e forma, un relato escrito, inédito, da súa autoría, redactado en lingua galega, de acordo coa normativa oficial vixente e cunha: a.-extensión máxima de dez folios, por unha cara, en tipoloxía Times New Roman 12 ou Arial 12, a interlineado 1,5 ou dobre, nos escritos realizados con ordenador, (ou tamén manuscritos), na categoría Júnior e Xuvenil; b.- máxima  de 5 folios en categoría infantil I;  c.- máxima de 2 folios na categoría infantil II.
·       Segunda:
  A temática é libre.
·       Terceira:
 Haberá tres categorías:
1.- Infantil: Idades comprendidas entre o ano 2004 e posteriores. 
2.- Xuvenil : Idades comprendidas entre 1998 e 2003 (ambos incluídos)
4.- Júnior : Idades comprendidas entre 1991 e 1997. (ambos incluídos)
 ·       Cuarta:
 Os premios correspondentes a cada categoría outorgaranse en bonos para material escolar e libros nas librerías de Xinzo de Limia. (Infantil 200 €/ Xuvenil 300 €/ Júnior 500 €; ademais, dun  diploma, outorgados polo concello de Xinzo de Limia, coa colaboración da Deputación de Ourense; e lote de libros, outorgado pola Fundación Carlos Casares, para cada categoría.
 ·       Quinta:
 O concurso faise público o día 14 de Marzo de 2016 e os traballos serán entregados na Casa da Cultura de Xinzo de Limia ou nos Centro de Estudios: I.E.S. e Colexios Públicos de Xinzo.
 Casa da Cultura de Xinzo de Limia
R/ Curros Enríquez, 17 32630 Xinzo de Limia
 Prazo de entrega: 29 de Abril de 2016,  antes das 14:00 h.
 ·       Sexta:
 As obras entregaranse nun sobre grande no que figure por fora só o título da obra. No seu interior, ademais do texto orixinal, deberá aparecer outro sobre pequeno, pechado, no que figurará o título da obra, o nome e apelidos do/da participante, enderezo e un número claro de teléfono no que poida ser avisado no caso de premio. Serán nulos os traballos que leven á vista o nome do autor/ra.
 ·       Sétima:
 O fallo do Xurado farase público antes do día 17 de Maio, DIA DAS LETRAS GALEGAS. Anunciaranse con antelación, en especial aos/ás gañadores/ras o lugar, data e hora da entrega dos premios.
·       Oitava:
 O xurado, nesta primeira edición, estará composto por persoas designadas pola Concellería de Cultura do Concello de Xinzo de Limia, entre as que estarán os escritores galegos Antón Riveiro Coello e Rafael Laso; O presidente do Liceo de Ourense e representante da Fundación Carlos Casares, Xavier Casares Mouriño; Profesores de Lingua e Literatura Galegas do centros escolares de Xinzo; profesores e técnicos de Cultura, Educación e Xuventude do Concello así como a Bibliotecaria municipal.
·       Novena
O Xurado terá todas as facultades para a decisión dos premios. A súa decisión será inapelable.  Os Premios sairán da suma das puntuacións  dadas por cada un dos membros do xurado na categoría asignada. Levantarase acta do fallo do xurado.   
O Premio poderá quedar deserto, se o xurado  estima que, segundo criterios de valoración literarios e lingüísticos, ningunha das obras presentadas merece ser premiada. Nalgún caso podería fallar premio “ex aequo” de dúas obras que considerase igualmente merecedoras do premio, nalgunha categoría. Nese caso, repartiríase o premio a partes iguais.
·         Décima:
 A Participación neste concurso supón a plena aceptación destas bases. Ante calquera dúbida, prevalecerá a opinión do Xurado. Non se devolverán os traballos presentados, que  quedarán recollidos no arquivo municipal do “Premio Literario Carlos Casares”. O concello de Xinzo de Limia resérvase o dereito, nun futuro, de publicación das obras gañadoras nas distintas edicións.
O feito de concorrer a este certame implica a aceptación destas bases.

Presentación do libro Ecoloxia Política: Olladas desde Galicia en Xinzo de Limia

Este venres 11 ás 20:00 horas no local de Itaca (Otero Pedrayo, 4 de Xinzo de Limia) preséntase o libro coa presenza de tres das autoras: Xosé Santos, Pepa Vázquez e María Duran.
Este 3º libro que publica o Foro OBenComún é unha obra coral de 17 autores, especialistas  e activistas sociais:
Prologo e Coordinación edición:  Xan Duro e Xoán Hermida González
Titulos e autore(a)s:
Galiza: calamidade e oportunidade   Ramón Fernández, Carolina Jack, Jose Manuel Sánchez e Xiao Varela
A necesidade dun novo modelo enerxético para Galiza   Xoán R. Doldán García
Soberanía alimentaria  Isabel Vilalba
Galicia perante o cambio climático  Xosé Veiras
Transporte e mobilidade: sen relocalización non hai solución  Xan Duro
Facer política desde a bolsa do lixo. Cando ti cambias, todo cambia   María Durán Beloso
Bases para unha actividade pesqueira sustentable   Antonio García Allut
Montes, fragas, lumes… outra política forestal é posible   Xosé Santos Otero
A Administración pública como un consumidor responsable   Fernanda Couñago Otero
Dez reflexións sobre a educación ambiental en Galicia: ollando máis alá da crise  Pablo Ángel Meira Cartea
Cultura, cultura de paz, sostible e xusta     Manuel Dios Diz
Acción Social e loita contra a pobreza en Galicia     Pepa Vázquez Martínez
Trinta anos de solidariedade galega. Ollando o pasado e o futuro   Emilio Manuel Martínez Rivas
Economía, medio ambiente e recursos naturais      María Xosé Vázquez Rodríguez

Ecoloxía Política. Olladas desde Galicia. A sociedade humana na súa configuración actual depende, alén dos alimentos, fundamentalmente da enerxía fósil e dos recursos minerais non enerxéticos. Ámbalas dúas están entrando en fase de esgotamento. A Axencia Internacional da Enerxía sinalou o ano 2006 como o ano de superación do pico do petróleo convencional. A partir dese momento iníciase unha curva descendente na capacidade de extracción, que se pretende substituír con petróleo de fontes non convencionais como as areas bituminosas ou derivados froito do fracking. Outros investigadores sinalan o ano 2050 como a data na que a demanda de minerais como ouro, prata, chumbo, cinc, cobre ou níquel, será superior ás reservas totais dos mesmos.
Son moitos os sinais que temos hoxe en día: á profunda crise que vive o capitalismo globalizado, o proceso de esgotamento dos recursos minerais e enerxéticos tradicionais, a progresiva degradación ambiental e as desigualdades locais e mundiais configuran un panorama crítico diante do que semella que non temos máis que dúas respostas. A primeira resúmese nunha fuxida cega cara a diante, pechando os ollos á realidade. A segunda, unhas infundadas esperanzas nunhas supostas tecnoloxías que virán resolver os problemas, é dicir, o tecno-optimismo. Case que unha relixión na actualidade.

9/3/16

Galicia, auga e literatura

http://promociones.lavozdegalicia.es/concursofotografia/bases_concurso.pdf
Preténdese que os escolares destaquen pasaxes estelares ou momentos cumbre das grandes obras da literatura gallega (un verso, estrofa, poema) nas que esté presente a agua; asociarlle unha foto que facemos e un pequeno comentario de por que a escollemos.
Para ler as bases do concurso vai ó enlace.
Envialo por correo postal antes do 10 de maio.

Celebramos o día da muller traballadora.



 8 de Marzo: DÍA DA MULLER TRABALLADORA
 
  Na BIBLIOTECA, nas horas de lecer e tempo de lectura, visionado dalgúns documentais:
1.  Rosa Caramelo
2.  Hai algo máis aburrido que ser una preincesa rosa?
3.  O príncipe Ceniciento
4.  Unha brancaneves diferente

5/3/16

Estivemos con Antón Riveiro Coello, amigo e admirado escritor limiao





 Onte, venres tivemos a sorte de estar con Antón Riveiro Coello en Ítaca, onde se presentou a súa última obra "Os elefantes de Sokúrov". Na mesa acompañárono: o representante de Galaxia, Fernando Fernández González; o escritor Xesús Laíño; o xerente do café Ítaca, Gonzalo Peláez e  concelleiro de Turismo de Xinzo, Carlos Gómez. Amig@s, coñecid@s e veciñ@s, ninguén quixo perderse a oportunidade de escoitar a Antón Riveiro Coello falando sobre a súa nova obra. O local quedouse pequeno. 
 As fotos que poñemos aquí (gracias a Fernando, de Galaxia) recollen a un grupo de alumn@s deste curso e do curso pasado que quedamos ó final para que nos asinara os libros e para falar con el; xa lle dixeron (queriamos que fose un segredo, pero...) que temos moitos textos del polo Ceip adiante (microrrelatos) e convidámolo a vir ó Rosalía de Castro.  Moitas grazas, Antón! Moitas grazas por tanta complicidade e por compartir tantos soños.