27/5/23

A importancia de "moverse" !!

"Os movementos non os facemos só por movernos, cada movemento ten o seu propósito" 

María Montessori (Pedagoga e humanista coñecida  pola súa filosofía de educación)

Durante esta etapa infantil é moi importante traballar e potenciar a psicomotricidade para conseguir un desenvolvemento completo, favorecendo as habilidades motrices, creativas, cognitivas, afectivas e expresivas dos mais pequenos. 

Coas actividades realizadas melloran a memoria, a atención,  control dos seus movementos, coordinación, equilibrio e orientación entre outras destrezas.

Durante as sesións de psicomotricidade os nenos coñecen e relaciónanse cos seus compañeiros  e o mesmo tempo coñécense mellor a eles mesmos sendo capaces de afrontar os seus medos e superalos.

Un curso de duro traballo cuns resultados acadados dos que estamos moi orgullosas e  que nos motivan para fixar novos e ambiciosos retos e obxectivos cara o curso que vén!!




26/5/23

"Patio de luces", unha novela infantil que soa a jazz...

Recoñezo que non hai ningún outro pracer como a lectura! Non hai nada que canse menos que un libro! "Orgullo e prexuízo" (1813), Jane Austen

Hoxe tivemos a sorte de contar no noso centro coa visita de Erica Esmorís. Esta gran  escritora  de literatura infantil coruñesa  achegouse  para  expoñernos  o proceso creativo do seu libro “Patio de luces” (XI Premio Ciudad de Málaga 2020), exemplar que traballamos como actividade programada     ao levar a cabo o Proxecto Lector de Centro do curso 22-23 nas aulas de 3º de E.P. 

"Suena una melodía de jazz cuando abres “Patio de luces”. Como si estuvieras en una antigua comedia de Hollywood, en donde aparece un edificio al inicio de la película. Con cada vecino en su apartamento. Lea, la protagonista de esta historia está dispuesta a conocer a cada uno de ellos. Tiene tiempo libre y mucha curiosidad." https://amerendarconmama.es/2022/03/patio-de-luces-erica-esmoris/

Desfrutamos moito da súa exposición na que nos falou da súa fonte de inspiración nas experiencias diarias. Tamén xogamos a ser improvisados escritores/as nunha charla moi emotiva  e participativa. Finalmente  tivemos a oportunidade de charlar con ela e presentarlle os nosos libros que asinou moi amablemente. Este tipo de actividades anímannos a seguir progresando como ávidos lectores/as. Unha experiencia extraordinaria!





20/5/23

Nunca perdas a ilusión por escribir!

"Tes que amar a lectura para poder ser un bo escritor, porque escribir non empeza contigo."

Carlos Fuentes. Escritor mexicano (Panamá 1928 - 2012) 

Dentro das actividades realizadas para conmemorar o Día das Letras Galegas no noso cole, o alumnado de 4º de  Ed. Primaria B que participou no VII Concurso de Narración Curta "Carlos Casares", organizado polo Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares, compartiu os seus traballos c@s súas compañeir@s e coas nenas e nenos de 4º Ed. Infantil A.

Foi un ratiño de escoita e lectura moi de preto, onde Enma, Antón, Xoel e Emma lles contaron a@s máis pequen@s do cole os seus marabillosos relatos, mentres tod@s @s demais prestaban unha extraordinaria atención a esa sucesión de personaxes e feitos.

Rematou esta sesión coa entrega por parte das mestras dun pequeno asagallo para tod@s, tantos relatores como ouvíntes e cun recordo especial en forma de bolígrafo dedicado para @s catro escritor@s, comvidando a tod@s @s demáis a participar en vindeiras convocatorias, tendo aínda un montón destes instrumentos de escritura esperando por el@s!!!






19/5/23

Seguimos traballando pola inclusión!

Excelente resposta por parte do Concello de Xinzo de Limia á petición deste centro para pintar coa sucesión en pictogramas (PARA – MIRA – COCHE PARADO/SEMÁFORO – CRUZA) todos os pasos de cebra dos camiños escolares para que o noso alumnado con NEE e todas as  persoas que presentan algún tipo de  dificultades de comunicación ou na lingua (en especial a xente do espectro TEA) xa podidan beneficiarse deste sistema de comunicación aumentativa.

Esta actuación súmase ás xa contempladas e levadas a cabo do noso Proxecto de Formación Permanente do Profesorado (FFPP) coas que colocamos pictogramas en todos os espazos comúns do noso centro e, coa mesma colaboración co Concello, en todos os edificios públicos e de interese xeral da nosa vila, incluíndo a esta no "Universo ARASAAC" (http://aulaabierta.arasaac.org/mapa-de-arasaac-visual). 

Desta volta, o noso centro púxose en contacto con TEAVIAL, grupo multidisciplinar formado por Doctores universitarios, docentes e directores de centros de ensino, membros de Policía Local, persoal sanitario, enxeñeiros de obra pública, alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e familiares de mozas/os con TEA de Sevilla para adquirir as plantillas á empresa TECMAPRO, asumindo o coste das mesmas, para que posteriormente o Concello de Xinzo de Limia fora o encargado de pintar todos os pasos de cebra dos camiños escolares, facéndose cargo dos gastos que esta actuación leva consigo.

Na actualidade,  Xinzo de Limia é  unha das poucas vilas da provincia en contar con estas axudas de apoio visual nos seus edificios e a única, a día de hoxe, en ter estes novos pictos nos seus pasos de cebra en todo Ourense, uníndose deste xeito as poucas entidades municipais que en toda Galicia apostan deste xeito pola inclusión de todas e todos.  











17/5/23

Unha fermosa mañá de premiad@s!

No Día das Letras Galegas, o Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares aproveitaron unha marabillosa mañá chea de sol para facer entrega dos premios dos distintos concursos que convocaran co gallo da celebración desta data.

Por unha banda, tiñamos o concurso de debuxos “AS LARANXAS MÁIS LARANXAS DE TODAS AS LARANXAS” , no que Mael Pinto acadou o segundo premio co seu debuxo "Pío"  e Abigail Alonso foi a gañadora, ambos en categoría Infantil, con "Lila. Elena Paz recibiu o primeiro premio na súa categoría de primeiro e segundo de EP con "As laranxas máis laranxas de todas as laranxas" e na categoría de quinto e sexto, Leo Rodríguez gañou o primeiro premio co seu debuxo.

No concurso “UNHA CUBERTA PARA FRANCISCO F. DEL RIEGO”, Leo Rodríguez acadou o primeiro premio na súa categoría.

Dentro do concurso literario de narración curta "CARLOS CASARES", o gañador na categoría 5º e 6º de Primaria foi Leo Rodríguez co seu texto "En que momento". Na categoría de terceiro e cuarto de EP, o gañador foi Antón Rodríguez con "Que poliño tan curioso", quedando en segundo lugar Emma Rodríguez e a súa obra "Aventuras de avós". Na categoría Infantil, a gañadora foi Navea Gil e o seu fermoso debuxo "Latexos".

Moitos parabéns para todo o alumnado e profesorado do centro que participou nestes certames e un recoñecemento especial para tod@s est@s alumn@s do centro polos premios acadados!














Aquí podedes atopar tod@s @s premiad@s!: 

Cantarte hei, Galicia, / na lengua gallega / ... Cantares gallegos, 1863

"Legáronnos ansia de coñecemento e superación, vocación de loita sabida previamente desigual"

Francisco Fernández del Riego (1913 - 2010)

Conmemoramos un ano máis este o noso Día das Letras Galegas, recordando este ano ao intelectual e activista cultural de xenerosa e inesgotable entrega a Galicia nado na Lourenzá Francisco Fernández del Riego

Entre outras actividades levadas a cabo no centro, este ano a cada nivel se lle asignou un elemento relacionado co mar, inspirándonos na obra do autor lucense "A pesca galega de mar a mar". Posterioremente cada grupo escollería unha pintora ou pintor famoso e faría unha interpretación dalgunha das súas obras, incluíndo ese elemento mariño.

Maruja Mallo, Piet Modrain, Hilma Af Klint, René Magritte, Vasili Kandisky, ou Salvador Dalí entre outr@s, foron @s artistas escollidos e o resultado non puido ser máis espectacular! Letras e Arte xuntos son unha mistura perfecto para conmemorar a gran festa das nosas Letras.

E como último ingrediente para este combinado non podía faltar a música. Desta volta, a banda sonora escollida e que tod@s cantamos foi  a canción de Dakidarria "Somos Nós", que  usa partes dos poemas de Manuel María  "A Fala", un poema que está no libro "As rúas do vento ceibe" e "Galicia" que aparece na súa obra "Os soños na gaiola".

Que o eloxio soñado por Álvaro Cunqueiro no seu discurso en Vigo en 1980 sexa o obxectivo de tod@s nós...

“Eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis”.

15/5/23

A nosa primeira gran viaxe

"Non se lembran os días, lémbranse os momentos"

 (Cesar Pavese. Escritor italiano. 1908 - 1950)

E chegou o momento de emprender a súa primeira gran viaxe... Nada menos que a Lodoselo e con tod@s @s compañeir@s e as mestras!!

Un día cargado de emocións, de vivencias, de querer estar en todos os sitios e de non querer perder nin un só detalle!

Cando todas estas nenas e nenos medren, non recordarán se foi xoves ou martes ou luns... Só lembrarán ese día tod@s xunt@s, fóra do cole, pasándoo xenial ... 

E por suposto que nas súas memorias estarán eses primeiros grandes momentos que gozaron o  día que por primeira vez saíron de clase!




14/5/23

É hora de facer voar a túa imaxinación!

 "O que coñecemos é unha pinga, o que non coñecemos é un océano."

Isaac Newton. Físico, teólogo, inventor, alquimista y matemático inglés (1643-1727)

Galiciencia consiste na organización e o desenvolvemento dun certame científico que ten como público obxectivo estudantes de Primaria, Secundaria e Bacharelato; e que permanece aberto para o público en xeral. Todos teñen a posibilidade de participar tamén en charlas, talleres, concursos e moitas outras actividades paralelas que se renovan cada edición.

Aeronáutica e  o Aeroespacial foron este ano os dous eixes que vertebraron todos os proxectos presentados e que o noso alumnado de sexto de Ed. Primaria tivo a oportunidade de visitar.

Fixeron varias experiencias e non deixaron nin un só centro educativo sen percorrer e comprobar como o traballo de todo un curso estaba alí exposto.

Non descartamos que con este tipo de experiencias, moitas vocacións científicas esperten en moit@s del@s!!!








Coidando do noso horto

Coa chegada do bo tempo chega a hora de aumentar os coidados ao noso horto e garatir que todo o que alí sementamos reciba todo o traballo necesario para que nas vindeiras semanas poidamos comprobar como medrar as nosas plantas e como nos meses que están por chegar poderemos recoller os froitos que elas darán.

Desta volta podemos ver o alumnado de terceiro como fan labores de limpeza de herbas, rego e demais labores necesarios para que o seu bancal teña o lustre que merece!!






Vexo, Veo Xacobeo 2023

" O camiño é o que nos ensina a mellor forma de chegar e enriquécenos mentres o estamos cruzando." Paulo Coelho - "El peregrino de Compostela"

Un ano máis, o noso alumnado de sexto curso de Educación Infantil participou no Programa Vexo Veo , Xacobeo dentro do Plan Proxecta do noso centro.

Este programa educativo multidisciplinar achega ao alumnado o significado e os valores do Camiño de Santiago e do Xacobeo e traballa, dende as primeiras etapas, estes conceptos que forman parte da súa contorna social e cultural e consta dun conxunto de actividades que mostran a riqueza do patrimonio cultural e  natural do Camiño de Santiago, e traballa os valores que o definen como son o esforzo, a solidariedade, a hospitalidade e o respecto das diferenzas.

Unha xornada de aprendizaxe na contorna do colexio, ao aire libre e traballando valores que son fundamentais no ideario do noso centro.


13/5/23

Apagamos a nosa incubadora

Co fin do mes de maio damos por rematado o traballo da nosa incubadora no que ao longo deste dous meses todo o noso alumnado tivo a oportunidade de seguir todo o proceso de nacemento dos nosos poliños. 

E como estaba esa zona nos tempos de baixar ou subir ao patio ou en algúns cambios de clase!!! Ninguén quería perderse os paseíños que estas pequenas aves se daban pola súa primeira casa.

Este ano foi a quenda do alumnado de terceiro e cuarto de Ed. Primaria os encargados de "amadriñar/apadriñar" un ovo, observando día a día como o embrión se formaba dentro da casca, seguido do proceso de eclosión para finalmente levar a ese pequeno pitiño para os seus fogares onde seguirá o seu proceso de desenvolvemento.

Agradecer, como non pode ser doutro xeito, ao profe Toño que foi o encargado de supervisar, limpar, alimentar e dar todos os agarimos posibles a estes pequenos durante a súa curta estancia no noso cole, evitando en todo momento que houbera un excesivo número de poliños no nacedoiro ou que permanecesen nel máis tempo do imprescindible. Sen el, está actividade sería case imposible de levar a cabo!!!

Estes aprendizaxes en directo e en contacto directo coa realidade forman unha parte moi importante do  currículo básico da nosa escola.







Bendita diversidade !!!

"A diversidade na familia humana debería ser causa de amor e harmonía, como o é na música onde diferentes notas fúndense logrando un acorde perfecto." `Abdu'l-Bahá, líder relixioso. (1844 - 1921)

O pasado 9 de maio, todo o alumnado de Educación Infantil foi ao Auditorio Municipal de Ourense para asistir á posta en escea da obra "Feo", Premio María Casares ao mellor espectáculo Infantil 2016, da man da Caramuxo Teatro, grazas á área educativa de AFundación.

Nesta obra, Caramuxo Teatro presenta "Feo" un espectáculo de pequeno formato inspirado en "O parrulo feo" de Hans Christian Andersen.

A pequena fábrica de parrulos de goma de “Il Papero Guiallo” produce tódolos días centos e centos de parrulos do mesmo tamaño e cor, mais un día sae un parrulo diferente...

“Feo!” é un canto á diversidade e á esencia de un mesmo, unha comedia para toda a familia.

Foi unha mañá chea de aprendizaxes e de novas experiencias, retomando pouco a pouco todas as actividades que facemos tod@s xunt@s !!




12/5/23

Visita o teu súper!

Da man dos supermercados Eroski participamos un ano máis no seu programa "Visita o teu súper", baseado en  "actividades socioeducativas próximas, pedagóxicas, lúdicas e gratuítas nas que os escolares poden aprender de forma práctica e divertida os valores que achega levar unha alimentación sa e hábitos de vida saudables"
Queremos agradecer a todo o persoal do Supermercado Eroski da Avenida de Celanova polo trato dispensado ao noso alumnado e a Eva da Fundación Eroski por facilitarnos un ano máis poder participar nesta iniciativa.





6/5/23

Convertémonos en viquing@s !!!

No Clube Náutico de Castrelo de Miño e da man do Servizo de Deporte Escolar co seu programa Xogade, o noso alumnado de sexto de Educación Primaria participaron na actividade "Navegamos en drakkars", onde as nosas nenas e nenos convertéronse en brav@s e temibles viquing@s dispostos a saquear o litoral do norte e oeste de Europa por un día!!
Esforzo físico, cooperación no traballo, sincronización, empatía, bo rollo e sobre todo moita diversión foron os principais ingredientes desta marabillosa actividade ao aire libre que non podía rematar doutro xeito que con un bo mergullo nas "mornas" aguas no noso Río Miño! 



3/5/23

ECO-RETOS VOZ NATURA: #RetoReciclamos

No mes de maio, o reto é: Reciclamos para reducir residuos, conservar os recursos naturais, protexer os nosos hábitats e fomentar o consumo responsable. 

Hashtag: #RetoReciclamos

É dicir, ás fotos ou vídeos dos retos que subades ao longo deste mes de maio, debedes engadir: #AccionVozNatura, #RetoReciclamos (ademais de  etiquetarnos con: @voznatura).


2/5/23

Compartindo libros c@s no@s maiores!

“A vellez existe cando se empeza a dicir: nunca me sentín tan novo”, Jules Renard (1864-1910), escritor e dramaturgo francés. 

Dentro das actividade programadas para a conmemoración do Día do Libro, esta foi quizais, a que nos fixo máis ilusión poden levar a cabo.

En colaboración co Centro de Día de Xinzo de Limia, organizamos unha lectura a viva voz do conto de Inma Jardón Rivero e ilustrado por María de Santiago Lama titulado "DE QUE TRATA O AMOR”, presentado na biblioteca do no noso cole fai uns días.

Foi o alumnado de quinto A o encargado de compartir coas persoas maiores deste centro unha mañá chea de literatura e xogos. Aprender d@s nos@s maiores é algo que nos enriquece como persoas e el@s son unha fonte inesgotable de novas aprendizaxes por realizar.

Unha experiencia que, de seguro, será moi difícil de esquecer para tod@s el@s!








1/5/23

Imos ao circo !!! Todas e todos contamos!!!

Cando tod@s son incluídos, tod@s gañan.- Jesse Louis Jackson (8 de outubro de 1941). Activista estadounidense polos dereitos civís.

Nun contexto onde a superación das desigualdades sociais é xustamente a base na que se fundamenta a articulación dunha economía social, desde Afundación lanzamos un programa presencial para os centros de toda Galicia co que, a través de diferentes actividades culturais, escolares de toda Galicia participarán do valor da diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal.

É importantísimo que os nenos e nenas vexan desde a súa infancia que a diversidade funcional non é unha fronteira, senón unha invitación para comunicarse, a aprender e a crecer. Por iso, levar estas actividades aos centros supón unha evolución lóxica do noso compromiso coa cultura e coa sensibilidade social.

É de vital importancia normalizar o papel das persoas con diversidade funcional na sociedade, poñer en valor a diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal, educar en valores: esforzo, empatía, aceptación da diferenza, autoestima, respecto, ..., mellorar a sensibilidade afectiva e emocional, favorecer unha sociedade equitativa, xusta e diversa, facilitar o establecemento de relacións interpersoais, achegar a creación artística en diferentes formatos desde unha vertente práctica. e fomentar a creatividade.

Nesta actividade, CIRCUITO CIRCENSE,  nun espazo amplo crean o seu propio circo. Colocaron un circuíto con diferentes estacións nas que o noso alumnado tivo que realizar actividades de equilibrio, puntería e acrosport. As actividades circenses destacan polo seu carácter innovador e motivador. Fomenta valores educativos como a mellora da convivencia, a cooperación, o aumento da autoestima persoal e grupal, o coñecemento e control do propio corpo e a superación de límites.

TODAS E TODOS CONTAMOS nace para converterse nun referente de boas prácticas aliñado cos valores de sensibilización social no marco dos centros escolares. 

O seu desenvolvemento leva a cabo en colaboración coa Fundación Igualarte dedicada a traballar en favor do colectivo de persoas con diversidade funcional e a súa inclusión.

É imprescindible sensibilizar e dar exemplo poñendo en marcha iniciativas que poñan en valor a diversidade como elemento de enriquecemento social e persoal, e este programa nace nese marco como unha iniciativa pioneira, innovadora e completa, que se converte nunha achega creativa ao devandito obxectivo.

VARIADO é unha empresa de lecer e tempo libre que presenta unha oferta de animación diferente e exclusiva, onde o punto para destacar é a inclusión real. Isto é así porque o equipo está formado por artistas e auxiliares de monitores/as de lecer e tempo libre con diversidade funcional.

El@s entenden a arte como un dereito que pertence a tod@s, que axuda a coñecerse e explorarse desde novas facetas, sempre desde unha perspectiva lúdica, servindo de motor para o desenvolvemento de experiencias sensoriais, físicas e emocionais.

Así mesmo, cren firmemente na importancia do contacto co medio que nos rodea, facendo chegar esa esencia en todo o seu traballo.