Mostrando entradas con la etiqueta dias mundiais. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta dias mundiais. Mostrar todas las entradas

20/3/24

#DíadaNarraciónOral. Contos para nunca esquecer!

“Os detalles son a esencia dunha boa narración… e dunha vida ben exposta.”  César Fernández García, escritor español.

Cada 20 de marzo conmemoramos en todo o mundo o  #DíadaNarraciónOral, onde queremos poñer en valor a transmisión oral desas historias que forman parte do noso patrimonio inmaterial como son os contos e fábulas populares. Ese traspaso de xeración en xeración garante a súa viveza e continuidade no tempo.
Hoxe tivemos a grande sorte de poder contar no cole co avó de Icía e Antón. Benito foi quen lles contou a el@s e ás súas compañeiras e compañeiros unha chea de historias onde raposas, cegoñas, aves rapaces, cárabos, lobos, ferreiros, ... e outros moitos personaxes  son os protagonistas de fermosas fábulas onde sempre hai unha ensinanza agochada e un punto de humor. 
E para rematar o alumnado de cuarto de primaria preguntaronlle  pola súa infancia, os seus xoguetes favoritos, como os construía, como era daquelas ir ao cole, que estudaban... e unha morea máis de cuestións que Benito respostou cun grande agarimo e dando unha chea de detalles que o noso alumnado seguro que non esquecerá! 
Moitas grazas por acompañarnos esta mañá e converterse nun novo #PisaCharcas do noso centro!


30/1/24

Pecha os ollos ... Pensa na Paz!

"Non hai camiño para a paz; a paz é o camiño". - Mahatma Ghandi -

O 30 de xaneiro celébrase este día, dedicado a conmemorar nos centros educativos unha cultura de non violencia e paz.

A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz son motivos para lembrar o 30 de xaneiro. No Día da Paz, os centros educativos comprométense como defensores da paz e entendemento entre persoas de distinta procedencia e modos de pensar.

Nese día celébrase o aniversario da morte do Mahatma Gandhi (India, 1869-1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas.

Unha educación inspirada nunha cultura de non violencia e paz permite ao noso alumnado adquirir coñecementos, actitudes e competencias que reforcen o seu desenvolvemento como cidadáns globais críticos e comprometidos cos seus dereitos e os doutras persoas. (https://www.unicef.es/educa/dias-mundiales/dia-escolar-no-violencia-paz)

Este ano no noso cole quixemos pechar os ollos e plasmar a primeira palabra, debuxo, frase, ... que se nos viñera á cabeza ao escoitar o termo PAZ.

Con todas elas fixemos un fermosísimo mural que estes días podedes ver na entrada das aulas de Educación Infantil. 

Non quixemos rematar doutro xeito que cantar a pulmón cheo que somos nenas e nenos que respectamos aos que temos preto e que fundimos os rancores que se quedan dentro... Para seguir crecendo!!

27/11/23

Feliz Día d@ Mestr@!!

“Unha boa mestr@ pode crear esperanza, acender a imaxinación e inspirar amor pola aprendizaxe” Brad Henry, político estadounidense


O 13 de agosto de 1948 José de Calasanz foi declarado patrón universal das escolas cristiás no mundo polo papa Pío XII. A igrexa católica considérao o santo patrón dos educadores e mestres, xunto con Juan Bautista da Sáelle. 
O 27 de novembro celébrase en España o día dos mestres na súa honra.​ Nesa data de  1597, este sacerdote aragonés tivo a idea de abrir unha escola para nenos pobres en Roma: a asistencia era voluntaria, pero en 1618 xa atendía a uns 1500 nenos romanos, polo que llo considera o fundador da escola pública gratuíta moderna en Europa.

22/11/23

"A música é a poesía do aire"

 "A música pode dar nome ao innombrable e comunicar o descoñecido". Leonard Bernstein, Músico estadounidense

O 22 de novembro celébrase o Día Internacional da Música, como unha data dedicada a todos os músicos e amantes da música.

Nesta data conmemórase a morte de Santa Icía, patroa dos músicos. Esta mártir cristiá foi retratada no século XV polos artistas da época, sempre tocando o arpa ou outros instrumentos musicais. Por iso vinculóuselle tanto a esta arte da música. (https://www.diainternacionalde.com/ficha/dia-internacional-del-musico)

A música, entre outros moitos beneficios, é capaz de reducir a ansiedade e o estrés, contribúe a reducir a sensación de dor física, axúdanos a mellorar a nosa memoria, sóbenos o estado de ánimo volvéndonos máis optimistas, activa a segregación de óxido nítrico no noso sangue e axúdanos a mellorar a circulación e serve de tratamento para algunhas lesións cerebrais.

Ademais, dános acubillo, acompáñanos e mesmo ás veces, algunhas cancións sérvennos de espello para que cheguemos a ser conscientes de cales son os nosos problemas e que é o que de verdade nos importa.(https://los40.com/los40/2021/06/20/musica/1624020280_204601.html)



17/11/23

Reflexionar e traballar sobre os nosos dereitos

'O marabilloso da infancia é que calquera cousa é nela unha marabilla'. Gilbert Keith Chesterton. Ensaísta inglés.

Seguimos a preparar a nosa participación no Día da Infancia 2023 que se vai celebrar o vindeiro luns, 20 de novembro, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, organizada pola Plataforma de organizacións de Infancia de Galicia (POIG), onde conmemoraremos tamén a sinatura da Convención sobre os Dereitos d@ Nen@ das Nacións  Unidas.

Seguimos traballando con Lucía, Mila e Estela, do CDR O Viso, as que queremos agradecer o seu compromiso e a súa dedicación con este proxecto para preparar a nosa intervención diante dos demáis centros onde reflexionaremos sobre que condiciona as posibilidades de ocio e cultura entre a poboación infantil e adolescente e nas contornas onde se desenvolve a súa vida e proporemos algunhas solucións.

Estamos aprendendo un xeito distinto de traballar, onde somos os verdadeiros protagonistas de todo o proceso e chegamos a conclusións que, doutro xeito, sería máis complicado alcanzar.

11/11/23

Os lugares onde venden soños e ilusións

"Unha librería é unha das poucas evidencias que temos na actualidade de que a xente segue pensando." Jerry Seinfeld (cómico e escritor estadounidense)

Nunha época na que cada vez é máis frecuente os envíos a domicilio por Amazon ou calquera outro servizo, bótase en falta o contacto que dá acudir á librería de barrio, charlar co libreiro de quenda e, sobre todo poder sentir os libros fisicamente, de primeira man, e pasar as súas follas ata decidir cal levar a casa. É este un marabilloso ritual que se está perdendo cos anos e que con esta festa tod@s temos a oportunidade de recuperar.

Nós seguimos recomendando as  librarías da nosa vila: Libraría Saraiba, Libraría Follas Novas, Libraría Naville, Libraria Galaica, Libraría Vidal, Libraría Carlin e  Libraría Espazo Lector Nobel para adquirir todos eses "marabillosos artefactos" que nos permiten viaxar e coñecer outros mundos: os libros. Falar con esas persoas, os libreiros e as libreiras,  que coñecen mellor que ninguén todas as posibilidades que temos ao noso alcance e deixarnos aconsellar por elas, sabemos que é un éxito seguro á hora de comezar a ler calquera título literario.

O ilustrador madrileño Javier Navarrete, coñecido como "El Chico Llama", foi o encargado de deseñar a ilustración da edición deste ano do Día das Librerías, coa que quixemos destacar que nas librerías hai vida.

Sobre a ilustración Javier cóntanos:

“Na gran maioría das miñas ilustracións sempre inclúo persoas lendo… Son instantes individuais e privados que non adoitamos dar importancia, pero que entrañan beleza en si mesmos. Sempre tiven as librerías como un espazo case máxico cargado de historias que che convida a abandonar o trafego das rúas e a viaxar a lugares remotos simplemente cruzando a porta. Ter a oportunidade de ilustrar o cartel do Día das Librerías 2023 foi unha sorte porque me permitiu, en certa maneira, poder recrear esa sensación e representar con vectores o que sinto ao visitar unha librería de toda a vida, onde un libro en si mesmo convértese en librería e ábreche as súas portas a un mundo cheo de aventuras.” (https://www.diadelaslibrerias.es/presentacion/)

1/4/23

#LlamémosloPorSuNombre

O 2 de abril celébrase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, unha data instaurada por Nacións Unidas para visibilizar ás persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e contribuír a promover o exercicio efectivo dos seus dereitos. 
Cada ano, o movemento asociativo do autismo en España promove unha campaña de sensibilización co obxectivo de que a cidadanía coñeza mellor a especificidade do autismo, empatice coas persoas no espectro e as súas familias, e contribúa así a mellorar a súa calidade de vida e a participar na sociedade en igualdade de condicións. 
O autismo non é lineal, senón que é un espectro, unha condición diversa.
Aínda que as persoas autistas comparten o mesmo diagnóstico, cada unha delas é diferente ás demais e ten as súas propias capacidades, necesidades e intereses. Por iso, precisa duns apoios individualizados e especializados que se axusten a cada etapa do seu ciclo vital para promover a súa participación social en igualdade de condicións. 
A gama de cores mostra tamén esa gran diversidade, especificidade e singularidade que hai dentro do espectro autista.
Nós queremos visibilizar a todas esas persoas, en especial ás nenas e aos nenos que teñen este espectro autista e darlles o noso maior apoio nas súas reinvindicacións de necesidade dunha atención específica dentro do mundo escolar e, por susposto, en todo aquilo que fagan no seu día a día. E xa sabedes... 
#LlamémosloPorSuNombre  #DiaMundialAutismo



2/4/22

Rompamos xunt@s barreiras!

Este dous de abril, baixo o lema «Unha feliz viaxe pola vida», a campaña do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo 2022 pon o foco no dereito das persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e as súas familias para gozar dunha vida feliz.

Moitas delas enfróntanse a un nivel moi alto de discriminación en todos os aspectos da vida, debido en boa medida á falta de concienciación sobre o  TEA. É preciso eliminar os prexuízos existentes e  empatizar co colectivo. Coñecer e comprender as súas necesidades para poder facilitarlles os apoios específicos que lles permitan vivir felices e participar na sociedade en igualdade de condicións respecto ao resto da cidadanía. (https://diamundialautismo.com/)

No noso centro quixemos pór en valor este día e ás persoas que teñen este trastorno cunhas grandes gafas que serven visualizar esta e tantas outras situaicóns que fan de cada un de nós, alguén particular, moi especial e á/ao que merece moito  a pena acercarse e coñecel@ moito mellor!!

Rompamos xunt@s as barreiras que non nos permiten ver máis alá !!

Fotografías: Profesorado do CEIP Rosalía de Castro

Música: Autismo, mi historia. (Respirar – Bebe)



5/6/21

Conmemoramos o Día Internacional do Medio Ambiente no río Limia

O 5 de xuño conmemórase o Día Mundial do Medio Ambiente. Este ano o seu "leiv motive" é "Xeración Restauración: reimaxina, recrea, restaura", onde se pretende que tomemos conciencia de que "restaurar os ecosistemas significa previr, deter e reverter este dano, pasar de explotar a natureza para curala. Para iso, e precisamente neste día, arrincará o Decenio das Nacións Unidas sobre a Restauración de Ecosistemas (2021-2030), unha misión global para revivir miles de millóns de hectáreas, desde bosques ata terras de cultivo, desde a cima das montañas ata as profundidades do mar. Só con ecosistemas saudables podemos mellorar os medios de vida das persoas, contrarrestar o cambio climático e deter o colapso da biodiversidade.

Neste día tan sinalado, o alumnado de sexto de Primaria, tivo a súa derradeira xornada do proxecto "Me gusta mi río", onde todas e todos eles convertíronse en "coidadores oficiais" do noso benquerido río Limia. Nesta xornada estiveron en dous escenarios distintos. Primeiramente visitaron a ETAP (Estación de Tratamento de Auga Potable) de Xinzo de Limia, onde, da man do técnicos de Viaqua, coñeceron todo o proceso dende que a auga é sacada dos pozos subterráneos ata que chega ás billas dos nosos fogares.

Despois desprazáronse ata a desembocadura do río Faramontaos no río Limia (lugar tamén das outras dúas xornadas), onde conmemoraron este Dia Mundial do Medio Ambiente acompañad@s de distintas autoridades, entre as que estaban o Presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e a Alcaldesa de Xinzo de Limia. A entrega de identificacións como coidador@s do río, a colocación dunha caixa niño nas marxes do río e a realización de diversos xogos foron algunhas das actividades que levou a cabo o noso alumnado, sempre da man de Manuel, Teresa, Diego e Olmo, que como nas anteriores xornadas, foron uns extraordinarios "mestr@s" e aos que queremos amosar o noso profundo agradecemento polo trato recibido estas tres marabillosas xornadas.

Esperamos e solicitamos que este proxecto teña continuidade en vindeiros anos porque non hai aprendizaxe máis motivante que aquel que se fai a carón do medio natural do que estamos a estudar...




2/5/21

"Quérote máis... que á tortilla de patacas con xamón!!"

Nada podería resumir mellor iso que todos sentimos pola persoa que nos deu a vida e que está sempre presente cando temos problemas, dificultades, ... e cando temos motivos para festexar, celebrar, ... que a vida é marabillosa!

Para todas as nais e para todas as persoas que tamén asumen ese rol de "nai" da nosa comunidade educativa, vai dedicado esta pequena homenaxe que o alumnado de cuarto A preparou para ás súas nais e que desde aquí facemos extensible a todas as demáis!



17/3/21

"Chanzo a chanzo ata a igualdade"

... E como actividade final para conmemorar o Día Internacional da Muller, todo o alumnado do centro colaboramos na elaboración dun mural baixo as directrices do artista Xosé Eladio, para ter presente esta data tan sinalada no calendario e recordarnos que é labor de todas e todos nós acadar esa igualdade de deberes e dereitos que debe estar presente na sociedade na que vivimos. Esperamos que gocedes tanto deste vídeo que fixemos coma todas e todos nós pintando os muros do noso cole!!




6/3/21

Que estaremos preparando no cole??

Achéganse novidades e actividades para os vindeiros días das que vos iremos informando puntualmente...

De momento recomendarvos este enlace onde poderes atopar á Banda da Loba homenaxeando a Xela Arias cun novo videoclip no marco da programación das Letras Galegas da Xunta de Galicia, e onde se define á poeta de Sarria como "unha autora intensa de vocación feminista, transgresora e pioneira, tanto na estética como na poética",  tan de actualidade nestas datas que están por chegar.... Un pouco de boa música e a poesía de Xela Arias para comezar este fin de semana!


20/2/21

«Os galegos somos o que falamos e falamos como somos, construímos o noso universo coa palabra»

Esta cita de Isidoro Rodríguez Pérez, profesor universitario e  especialista en folclore galego, nado no barrio de Magoi (Lugo) en 1958, pon en valor a importancia da lingua na que aprendemos a falar e a que nos trasmitiron os nosos proxenitores dende o berce.

A idea de celebrar o Día Internacional da Lingua Materna foi unha iniciativa de Bangladesh. Foi aprobado na Conferencia Xeral da UNESCO de 1999 e observouse en todo o mundo desde o ano 2000.

A UNESCO cre na importancia da diversidade cultural e lingüística para as sociedades sostibles. No marco do seu mandato en prol da paz, traballa para preservar as diferenzas de culturas e idiomas que fomentan a tolerancia e o respecto dos demais.

A diversidade lingüística atópase cada vez máis ameazada cun maior número de linguas que desaparecen. Cada dúas semanas, como media, unha lingua desaparece, levándose coa súa desaparición todo un patrimonio cultural e intelectual.

Con todo, grazas á comprensión da importancia que teñen as linguas maternas, alcanzáronse logros en materia de educación plurilingüe baseada nestas, en particular desde os primeiros estudos e o compromiso cada vez maior de que evolucionen na esfera pública.

As sociedades multilingües e multiculturais existen a través das súas linguas, que transmiten e preservan os coñecementos e as culturas tradicionais de maneira sostible.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia é unha das institucións que está adscrita á Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD), e tamén se suma á conmemoración da UNESCO e lanza desde os seus perfís de Twitter e Facebook unha produción audiovisual que incopora a lingua galega.

Dito audiovisual compila expresións de cultura oral nas diferentes linguas dos membros da NPLD. As tradicións e expresións orais úsanse para transmitir idiomas, coñecementos, valores culturais e sociais dunha xeración a outra. Abranguen unha enorme variedade de formas faladas: adiviñas, contos, rimas infantís, cancións, poemas, cantos, lendas e moito máis e, polo tanto, representan un papel crucial para manter vivos os idiomas. A referencia ao idioma galego faise neste vídeo a partir do minuto 09:05


A propia SXPL organiza este ano unha actividade de dinamización lingüística que se emitirá en streaming o vindeiro 21 de febreiro ás 11.00 desde a Cidade da Cultura de Galicia.

Trátase de "Puño, puñete", de Baobab Teatro, unha orixinal proposta dirixida a nenos e nenas de 1 a 7 anos e ás súas familias, que está orientada a ofrecerlles a estas recursos para cantar e contar en galego cos seus fillos e fillas. Se queres acceder a ela preme na imaxe.


Outra das iniciativas que loitan día a día a prol da difunsión  da literatura popular infantil de Galicia para que siga sendo unha ferramenta educativa e de lecer para os/as galegos/as do século XXI é orellapendella.gal



Neste repositorio atoparemos infinidade de ditos, recitados, cancións, etc. que acompañaron desde hai séculos ás brincadeiras dos/as nenos/as ou ás relacións entre os membros maiores da familia e os máis pequenos.

Máis información e recursos en:

https://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/conmemoracions/dia-internacional-da-lingua-materna

https://es.unesco.org/commemorations/motherlanguageday

https://orellapendella.gal/




18/2/21

Que teñen en común Andy Warhol, Steven Spielberg, Tim Burton, Daryl Hannah, Bill Gates ou Greta Thunberg?

Tod@s el@s conviven co Síndrome de Asperger demostrando que non é ningún impedimento para triunfar no seu día a día!

O Día Internacional da Síndrome de Asperger, conmemórase cada 18 de febreiro, en honra ao aniversario do seu descubridor, o psiquiatra  austríaco,  Hans Asperger, quen identificou un comportamento similar e pouco frecuente nun grupo de nenos aos cales describiu da seguinte maneira:

"Estes nenos presentan a miúdo unha sorprendente sensibilidade cara á personalidade dos seus profesores (…) Poden ser ensinados, pero soamente por aqueles que lles ofrecen unha comprensión e un afecto verdadeiros, xente que lles trata con agarimo e tamén con humor (…) A actitude emocional subxacente do profesor inflúe, de modo involuntario e inconsciente, no estado de ánimo e comportamento do neno".

A pesar que os seus estudos foron publicados en 1943, non sería ata a década dos 90, que as súas notas e descricións cobrasen valor para os estudosos do autismo e enfermidades neurolóxicas en xeral. 

Na nosa Charca temos ao dispor do noso alumnado "A nena do vestido de Flores" de Manuel Fontemoura, onde nos amosa dun xeito fermosísimo e próximo o día a día dunha nena que ve o mundo dende esa realidade con esa sensibilidade tan sorprendente! Moitas grazas Manolo por darlle tanta visibilidade a estas persoas tan singulares!!!



15/2/21

"Os verdadeiros superheroes son os que loitan cada día pola súa vida!"

Hoxe, 15 de febreiro, conmemoramos o Día Mundial contra o Cancro Infantil. Estas doenzas tan graves parecen máis inxustas, se pode ser, cando afectan á infancia. Debemos, polo tanto, dar visibilidade a todas esas familias que loitan xuntas contra esta enfermidade que tenta, sen conseguilo, borrar o fermoso sorriso das pequenas facianas das nenas e nenos que pelexan día a día contra estas doenzas como verdadeir@s superheroes.

Son moitas as asociacións sen ánimo de lucro que lle botan un man (cando non as dúas) a todas estas familias para facerlle frente a todas as contixencias económicas, sociais, de concialiación, ... que aparecen cando estas enfermidade é diagnósticada. Este ano queremos destacar a Bicos de Papel, xa que ten como ámbito de actuación, entre outros, o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, centro oncolóxico infantil de refencia para a provincia de Ourense, e onde estiveron e están, ingresados e atendidos aquelas nenas e nenos da nosa vila e provincia que están pasando esta enfermidade. Todos os anos organizan unha Gran Gala contra o Cancro Infantil (xa van pola cuarta edición) e este ano, debido ás condicións sanitarias, realizarase de maneira virtual. Convidamos a todo o mundo a que pase unha tarde distinta con esos sete grandes artistas que participarán nela e ao mesmo tempo colaboremos nesta causa tan xusta mercando unha entrada para ese evento. Nós xa temos a nosa! 

Moito ánimo para tod@s es@s pequen@s superheroes nesa batalla na que loitan co mellor del@s día a día!




13/2/21

Somos o que lemos... e tamén o que escoitamos! Feliz Día da Radio!

Proclamado en 2011 polos Estados Membros da UNESCO e adoptado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2012 como Día Internacional, o 13 de febreiro converteuse no Día Mundial da Radio ( DMR).

A radio é un medio poderoso para celebrar a humanidade en toda a súa diversidade e constitúe unha plataforma para o discurso democrático. No plano mundial, a radio segue sendo o medio de maior consumo. Esta capacidade única de chegar á máis ampla audiencia significa que a radio pode dar forma á experiencia de diversidade dunha sociedade, erixirse como un escenario para que todas as voces exprésense, estean representadas e sexan escoitadas. As emisoras de radio deben servir a comunidades diversas, ofrecendo unha ampla variedade de programas, puntos de vista e contidos, e reflectir a diversidade de audiencias nas súas organizacións e operacións.

« Porque  necesitamos  máis que    nunca  este medio      de comunicación  universal,  humanista, portador de liberdade. Porque, sen a radio, o dereito á información, a  liberdade  de expresión    e,  con ela,    as  liberdades  fundamentais,  veríanse    debilitados; tamén a diversidade cultural, xa que as radios comunitarias son as voces de quen non teñen voz. »

Mensaxe da Sra. Audrey  Azoulay, Directora Xeral da UNESCO, con motivo do Día Mundial da Radio

Máis información en https://es.unesco.org/commemorations/worldradioday



29/1/21

30 de Xaneiro: Embotellando tolerancia e convivencia

Dentro das actividades propostas para a celebración do Día da Paz, todo o alumnado do centro estivo a traballar estes días nos valores que fan da convivecia, tolerancia e respecto cara @s demáis, elementos distintivos de toda a nosa Comunidade Escolar. Queredes ver o que fixeron? Non perdades este vídeo....



24/1/21

24 de xaneiro: Día Internacional da Educación

"A educación é un dereito humano, un ben público e unha responsabilidade colectiva."

"A Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 24 de xaneiro Día Internacional da Educación (enlace ao documento), en celebración do papel que a educación desempeña na paz e o desenvolvemento. Sen unha educación de calidade, inclusiva e equitativa para todos e de oportunidades de aprendizaxe ao longo de toda a vida, os países non lograrán alcanzar a igualdade de xénero nin romper o ciclo de pobreza que deixa atrasados a millóns de nenos, novos e adultos.

Na actualidade, 262 millóns de nenos e mozos seguen sen estar escolarizados, 617 millóns de nenos e adolescentes non poden ler nin manexan os  rudimentos do cálculo; menos do 40 por cento das nenas do África Subsahariana completan os estudos de secundaria baixa e uns 4 millóns de nenos e novos refuxiados non poden asistir á escola. O dereito á educación destas persoas vese afectado e iso é inaceptable" (https://es.unesco.org/commemorations/educationday)


No seguinte enlace (fai clic na imaxe)  podemos coñecer outras realidades ben distintas ás nosas. Reflexionemos sobre o que nós podemos aportar para mellorar a formación d@s máis débiles e facer que as súas expectativas vitais melloren exponencialmente. Que afortunad@s somos... Apreciemos e valoricemos o que temos... Educación pública, universal, laica, gratuita e de calidade!!




2/12/20

03/12: Día Internacional das Persoas con Discapacidade. #BaixoOMesmoParaguas

En 1992, ao termo do Decenio das Nacións Unidas para os Impedidos (1983-1992), a Asemblea Xeral proclamou o día 3 de decembro Día Internacional das Persoas con Discapacidade. O Decenio fora un período de toma de conciencia e de medidas orientadas cara á acción e destinadas ao constante melloramento da situación das persoas con discapacidades e á consecución da igualdade de oportunidades para elas. Posteriormente, a Asemblea fixo un chamado aos Estados Membros para que destacasen a celebración do Día, e así fomentar unha maior integración na sociedade das persoas con discapacidades. 

Dentro destas actuacións máis de 80 entidades sociais de toda Galicia decidiron conmemorar dende fai cinco anos esta data conxuntamente baixo o lema #BaixoOMesmoParaguas. 

Este ano, debido as condicións sanitarias, convídannos a facernos unha foto cun paraugas e un lema, para visibilizar a todas esas persoas con habilidades distintas e que teñen o mesmo dereito que os demais a ser consideradas dentro da normalidade, con igualdade de oportunidades e xustiza social.



24/10/20

DÍA DA BIBLIOTECA

Nesta data celebramos o día do saber, da imaxinación, do pracer, do estudo, da cultura… Conmemoramos neste día 24 de outubro o Día da Biblioteca.

A iniciativa desta conmemoración remóntase a 1997, onde a asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil, co apoio do Ministerio de Cultura, promove esta homenaxe ás bibliotecas tras a destrución da biblioteca de Saraxevo en 1992 durante o conflito balcánico. Querían con isto retratar e resurxir a importancia da biblioteca como lugar de encontro de lectores de todas as idades, como lugar de convivencia, de formación e de cultura.

Certo é que as bibliotecas achegan o poder da lectura a tódolos públicos, independentemente da súa idade, posición e condición social, facendo que a cultura esté ao alcance de todos, e converténdose así nun axente igualitario da nosa sociedade. Hoxe en día as bibliotecas contan con recursos tanto en papel como dixitais, dotando aos usuarios da posibilidade de desenvolverse e acceder a tódolos contidos do mundo actual.

No eido educativo a biblioteca non fai mais que apartacións positivas ao noso colectivo. Convértese nun lugar de pesquisas interminables e saciador de curiosidades, nun lugar máxico onde perderse atopando libros, nun espazo de reflexión e aprendizaxe…  dándolle a posibilide a tódolos alumnos e alumnas de sentir voar a súa mente con cada parágrafo, con cada páxina… sendo cada libro unha viaxe a súa fantasía onde o único límite que teñen é a propia imaxinación.

Gozar do silencio exterior que rodea unha lectura chea de voces, persoaxes e aventuras, onde a inmersión lectora fará que perdas a noción do tempo, tempo o cal posibilitou vivencias e viaxes que na realidade física serían imposibles.


Vive mais, únete ao apaixoante mundo da lectura!