27/6/23

Xunt@s... Acadamos retos!!

"Eendracht maakt macht"

 (A unión fai a forza, lema empregado por primeira vez pola República Holandesa en 1550)

Despois de superar todas as adversidades climatolóxicas que se puxeron no seu camiño, o "aguerrido" grupo do alumnado de cuarto de EP dispúxose a gozar cun día cheo de retos e de aprendizaxes que, desta vez, tiñan como fin principal pasar unha mañá moi divertida e na que o traballo en grupo ía marcar moitas das actividades que fixeron.

Son, sen dúbida, unha promoción onde o compañeirismo e a solidaridade entre el@s marcou todo un ano de logros, tanto académicos como persoais.

Parabéns, mozas e mozos, tedes ben merecida unha xornada como esta que pasastes e moitas máis!! Feliz verán!!

Unid@s... Sempre somos máis fortes

»Chegar xuntos é o principio. Manterse xuntos, é o progreso. Traballar xuntos é o éxito».

Henry Ford

Despois dun longo curso de moitos cambios, adaptacións e novas experiencias non hai nada mellor que sentirse parte dun grupo e medrar todos xuntos.

Con xornadas coma esta  decatámonos do imprescindible que é a unión famila- escola .

Esta é a primeira de moitas!!!

25/6/23

Asturias... Patria querida!

«Un libro, como unha viaxe, comézase con inquietude e termínase con melancolía».

José Vasconcelos, escritor mexicano.

Derradeiras experiencias para unha gran promoción. Video longo... pero non quixemos deixar nada fóra!



23/6/23

Novos comezos!

"O ensino que deixa pegada non é a que se fai de cabeza a cabeza, senón de corazón a corazón" (Howard G.Hendricks)

Tarde de despedidas e de novos comenzos... Pouco máis que engandir. Moitas grazas por tanto. Sempre Rosalian@s!!!



18/6/23

Parabéns para tod@s @s premiad@s !!!

“A auga é a forza motriz de toda a natureza”. Leonardo Da Vinci


Presentamos ás gañadoras/es do I Concurso de Poesía Escolar “Auga en Versos”, convocado pola Biblioteca Escolar do noso centro:
Etapa de Educación Infantil:
  • Navea Gil Medeiros. 5° Infantil A
  • Non se presentaron máis traballos

Etapa do 1° Ciclo de Ed. Primaria:

  • Iria Fonseca Doval. 1° B
  • Amaya Casas Taboada. 1° B.
  • Sara Conde Moure. 2° B

Etapa do 2 ° Ciclo de Ed. Primaria:

  • Emma Jurado Bustos. 3° B
  • María Lucía Rodríguez Picón. 4° A
  • Iván Conde Carrera. 4° A

Etapa do 3° Ciclo de Ed. Primaria:

  • Non se presentaron traballos

Todas elas/eles recibirán o seu premio no Festival Fin de Curso que se celebrará o vindeiro mércores, 21 de xuño, na Pista Polideportiva do noso cole.


17/6/23

Unha mañá chea de arte!

  "El cambio constante no supone la aceptación de todas las vanguardias, sólo es una investigación y una ruptura por el arte conservador". Xaime Quessada

Despois de todo o curso traballando sobre este grandísimo artista ourensán, o noso alumnado de 2º EP C, tivo a oportunidade de visitar a FUNDACIÓN XAIME QUESADA BLANCO e coñecer de primeira man todo o legado que Xaime Quesada deixou para o deleite de todos nós, así como levar a cabo un taller relacionado coa mesma.

Esta Fundación foi creada no ano 2007 para manter a memoria e a obra dos pintores, Xaime Quessada Porto e Xaime Quesada Blanco e entre os seus obxectivos figuran preserva-lo patrimonio artístico dos dous autores e a súa unidade como parte do patrimonio desta fundación, e que formará parte do patrimonio artístico de Galicia; fomenta-lo coñecemento da súa obra pictórica e escultórica e preserva-la súa memoria artística dentro da Historia da Arte Contemporánea de Galicia, promove-la proxección didáctica e historiográfica desta obra e a súa aplicación nos programas de estudios de diferentes niveis educativos  e suministrar todo tipo de información historiográfica e didáctica sobre calquera tema relacionado coa obra de Xaime Quesada Blanco e Jaime Quesada Porto.

Despois desta interesantísima actividade, o noso alumnado achegouse ata o Centro Cultural Marcos Varcárcel en Ourense, onde visitaron “NO INTERIOR DO ABANDONO", de Carlos Lorenzo e Baldo Ramos, unha exposición fotográfica e poética que é unha viaxe visual polas aldeas do rural galego que están a sufrir o despoboamento e a desmemoria. Os lugares que somos. Os lugares que nos definen como pobo.

Non temos a máis mínima dúbida que entre as nenas e nenos que hoxe participaron nestas actividades estarán, a ben seguro, algún das grandes artistas do día de mañá!!

16/6/23

Nasci à beira do Rio Lima, Rio saudoso, todo cristal;

“Abrazamos para que nos abracen” / “Abraçamos para que nos abracem”
J. M. Coetzee escritor y novelista sudafricano
Rematando o XI Abrazo ao Río Limia só queda agradecer a todas as entidades e persoas que fan posible ano a ano que esta xornada de convivencia entre o alumnado destas dúas vilas irmanadas polo noso río, sexa un éxito rotundo.
En primeiro lugar queremos agradecer ao noso persoal de cociña e colaborador do comedor escolar por duplicar esforzos e facer moitísimo máis do que o seu traballo e horario laboral lles corresponde.
Por suposto, destacar a colaboración do persoal da Brigada de Obras, da Concellería de Cultura e do Concello de Sarreaus que sempre están aí cando lles solicitamos a súa presenza.
Dar as grazas tamén ao persoal da Area Protegida das Lagoas de Bertiandos e S. Pedro d'Arcos co que a coordinación sempre é moi sinxela e facilitaron moitísimo todo o traballo levalo a cabo no día de hoxe.
Sinalar, de igual xeito, que todo o persoal do Museo Galego do Entroido e do Festival Internacional de Xardíns de Allariz nos brinda sempre a súa total dispoñibilidade e destacar o especial agarimo con que sempre nos tratan.
Dar as grazas á Banda De Gaitas Xinzo de Limia. É un inmenso privilexio poder contar con ela e todo un orgullo poder presumir diante dos nosos convidados do extraordinariamente ben que fan as cousas!!
Destacar especialmente á Emerxencias Xinzo de Limia e á Policía Local de Xinzo de Limia, que nos acompañaron durante toda a xornada e que sen eles, todo isto sería case imposible levalo a bo termo. Este ano tamén contamos coa colaboración de Protección civil Vilar de Barrio para a poder visitar con toda seguridade o nacemento do río. Moitas grazas!
E por suposto facer o recoñecemento máis que merecido ao Concello de Xinzo de Limia, e especial a Elvira Lama Fernandez, a nosa alcaldesa, que tanto nos días previos como hoxe, foi a encargada de avisar, coordinar e supervisar que todo estivera preparado para que tanto os nosos centros de ensino como os portugueses só tiveramos que preocuparnos por ter unha magnífica xornada de convivencia. Agradecer, do mesmo xeito, aos membros das corporacións municipais, tanto de Xinzo de Limia como de Ponte de Lima, que compartiron con tod@s nós este Abrazo tan especial.
E por último, resaltar tanto ao profesorado como ao alumnado do centros de ensino participantes (CEIP Rosalía de Castro, CEIP Carlos Casares, CE das Lagoas e EB1 de Ponte de Lima). Ao primeiro, pola súa dedicación e compromiso en brindar a est@s nen@s ocasións e experiencias únicas como as de hoxe, sen importarlle distancias nin horarios.
E ao noso alumnado, polo seu comportamento exemplar e polas súas ganas de aprender e mergullarse nesta actividade única, onde nenos e nenas que non se coñecen de case nada son quen de estar xogando xunt@s ao pouco rato de coincidir nun mesmo espazo e, normalmente, cunha pelota polo medio … sen discutir, sen enfadarse ... Canto temos que aprender del@s …
O Abrazo é unha ocasión única para darnos conta que un río nunca separa territorios ... un río sempre une persoas!

13/6/23

Unha mañá chea de "emocións"

«Cantar é a miña forma de expresar a miña alma, o meu espírito, as miñas emocións.» Beyoncé

Dentro dos programas de Innovación Educativos aos que está adherido o noso centro, este ano comezamos a traballar en coordinación coa Fundación Botín no seu programa Educación Responsable.

O Coro das Emocións é un recurso educativo, englobado dentro deste proxecto, deseñado para desenvolver, por medio do canto en grupo, as competencias emocionais, sociais e creativas que constitúen o verdadeiro obxectivo de todos/as os/as participantes. 

Trátase dun recurso musical progresivo ideado para ser implementado desde 4º de Educación Infantil ata sexto de Educación Primaria, centrándoo nós en toda a etapa de Educación Infantil coa idea de consolidar un “coro” dentro do noso cole.

Traballouse dende xaneiro ata maio en seis sesións de traballo, que culminaron hoxe nunha actuación final, facendo partícipes a todas as familias do brillante resultado final desta actividade 

Aínda que é importante ter ben presente que o recurso non se fixa como meta última a conquista da excelencia coral, o Coro das Emocións céntrase nese mesmo canto coral, entendido como unha actividade atractiva, alcanzable e enriquecedora para todo o alumnado, con independencia dos dotes vocais ou musicais de cada cal.

Tivemos unha mañá chea de aprendizaxes e de posta en escea de tantas horas de traballo levadas a cabo polas mestras. ás que debemos agradecer a súa implicación neste proxecto, e polo alumnado de Educación Infantil, verdadeiro protagonista do noso gran Coro das Emocións!

11/6/23

#AtrapaElGlobo

"Axiña, cando todo estea ben, vas mirar cara atrás e estarás contento de ver que nunca te rendiches." Brittany Burgunder

Cada once de xuño recordamos a todas as persoas que teñen a Síndrome KBG. Esta síndrome  é unha enfermidade rara causada por mutacións no xene ANKRD11, cuxa proteína se atopa nas células do cerebro (neuronas). O xene atópase localizado dentro do brazo longo (q) do cromosoma 16. A transmisión é autosómica dominante.
Debemos dar unha gran visibilidade a esta e a todas as #EnfermadadesRaras, xa que é o único xeito de que os Estados e Gobernos tomen conciencia da importancia de dar soporte económico á investigación nunha cura para todas elas.
Dende o noso centro queremos brindar o noso total apoio a todas as  familias que están nesta situación, en especial ás do noso cole, para que sintan que non están solas  e que contan con nós para todo aquilo no  que poidamos axudar.
Por esta razón , todo o alumnado e o persoal colaborador do comedor escolar sumámonos  ao reto #YoBailoPorElKBG, marcando  no calendario esta data dun xeito especial!!
#AtrapaElGlobo 

10/6/23

A cidade onde ninguén é forasteiro

 Vivimos nun mundo marabilloso que está cheo de beleza, encanto e aventura. Non hai fin ás aventuras que podemos ter, se só as buscamos cos ollos abertos. 

(Jawaharlal Nehru,  primeiro Primeiro Ministro da India, de 1947 a 1964)

Non hai dúbida que A Coruña é unha da cidades de Galicia que máis variedade de actividades nos ofrece para facer unha vez temos a fortuna de visitala.

Desta volta escollimos un par de clásicos e unha grata novidade. Primeiro fomos o Aquarim Finisterrae,  onde da man de Miriam, coñecimos cada detalle de Gastón, a gran quenlla touro do acuario coruñés e de todos os peixes que conviven con el, aos que puidemos observar dende o gran salón do Nautilus do Capitán Nemo. Tamén estivemos na súa Sala Maremagnum, onde están clonados cinco grandes ecosistemas dos fondos mariños que temos ao noso redor.

Trasladámonos logo á Casa das Ciencias e ao seu Planetario, onde despois de contemplar unha magnífica proxección sobre os exoplanetas, experimentamos nas súas salas inferiores "o puro swimg", "a física en acción" e a "astronomía como cha contan". Vivencias e comprobacións científicas en primeira persoa.

E para rematar visitamos o Museo de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT). Un gran espazo dedicado aos descubrimentos científicos e os máis famosos inventos de todas as épocas históricas. Vimos unha lavadora de madeira, a primeira enciclopedia electrónica (feita por Ángela Ruiz Robles, unha mestra, escritora e inventora galega de corazón de principios do século XX), un moto-tren, un Seiscentos e ata un Boeing 747 de verdade!! Un obradoiro sobre química e unha gran visita a todas as súas salas, son experiencias moi aconsellables e que seguramente repetiremos.

Como diciamos nun principio, A Coruña é unha cidade chea de oportunidades, de magnificas experiencias e  de moitas moitas aventuras ... algunha delas, mesmo chea de piratas!!!



8/6/23

Tras probar o mel, nada sabe ben!

"Os libros son as abellas que levan o pole dunha intelixencia a outra.“

James Russell Lowell poeta, crítico, editor e diplomático estadounidense.

Apípolis sitúase nunha leira de 10.000 m2- É un centro para a comprensión das relacións existentes entre os seres humanos e as abellas, que se encadra dentro dos Equipamentos para a Educación Ambiental. Pretende facilitar o achegamento a determinados procesos naturais, posibilitando que os visitantes poidan vincular as súas vivencias cotiás a eles, así como ás problemáticas que lles afectan.

O seu obxectivo principal é mostrar, mediante as relacións entre as abellas e os seres humanos, a importancia que estas teñen para nós e para o medio no que nos desenvolvemos. Para conseguilo deseñan unha exposición chea de elementos atractivos, ata 34 diferentes actividades encamiñadas a reforzar as mensaxes que se transmiten, ademais de programas de autoavaliación, multicarteles, abellas en colmeas que permiten a súa detallada observación, maquetas, reprodución de escenas a tamaño real, vídeos, un completo apiario, un xardín melífero, zonas de esparexemento…

Un día moi productivo para o noso alumnado de segundo de EP, onde coñeceron moito mellor todo o que rodea o fascinante mundo  destas esforzadas traballadoras e grandes protagonistas do mantemento dun ecosistema equilibrado!

Premio ben merecido!

“Os reis non poden ter gardas máis fieis que o afecto dos súbditos.” 
Periandro. Soberano de Corinto (s.VII a. C)

O pasado venres, 2 de xuño tivo lugar na EGAP de Santiago de Compostela a entrega de premios da 42ª edición do concurso "Que es un Rey para ti", onde Tatiana e Xavi, presentábanse como finalistas. 
Desta volta non superaron esta fase autónomica, pero to@s levaron un bonito agasallo e un gran recordo desta xornada que será difícil de esquecer. Moitos parabéns, Xavi e Tati!!!





7/6/23

Banksy asolaga Verín

"Un muro é unha arma moi grande. É unha das cousas máis desagradables coas que podes golpear a alguén". Bansky 

O pasado luns, 5 de xuño o noso alumnado de quinto de Ed. Primaria percorreu durante máis de dúas horas  o proxecto que puxo en marcha o Concello de Verín  que consta dun total de 23 obras do artista "callejero" Banksy.

Esta iniciativa  ten por obxectivo rehabilitar espazos degradados da vila e eliminar eses "feísmos" cun roteiro que recolle gran parte da  obra do artista. 

Contamos desta volta co grande privilexio de contar co artista responsable desta iniciativa,  Alex Araújo, quen nos deu todo tipo de explicacións tanto sobre as obras orixinais como sobre como el enfrontou o difícil reto de ser o máis leal posible nas súas reproduccións.

Tamén o alumnado participou na presentación dalgunhas das obras que visitamos, xa que nas semanas previas tiñan traballado sobre o grafiteiro e a súa obra na área de plástica, impartida na sección bilingüe pola súa mestra Rochi.

Unha mañá chea de aprendizaxes, feitas no propio entorno e co seu protagonista como "mestre" excepcional! Moitas grazas, Alex polo agarimo e empatía con que nos trataches!



6/6/23

“A mellor praia do mundo”. The Guardian (Rotativo británico)

“Mientras tanto la lancha se alejaba cada vez más de tierra sin perderla de vista. Las islas Cíes nos esperaban en medio del océano, y destacándose en el fondo azul del cielo como tres mudos gigantes, guardadores de la apacible ría que visitábamos."

Manuel MurguíaEl Heraldo Gallego: semanario de ciencias, artes y literatura. 23 de julio de 1874

O día 5 de Xuño tivemos a excursión de fin de curso co alumnado de 3º de Ed. Primaria visitamos o Parque Nacional Atlántico marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, concretamente a Illa de Monteagudo (a do Norte) e a Illa do Faro, unidas pola praia de Rodas e a “lagoa dos Nenos”.

Estas illas foron nomeadas polos romanos como “Illas dos Deuses” debido a ser un paraíso natural impresionante e nós tivemos a sorte de podelas pisar ben forte.

Puidemos desfrutar de todas as especies botánicas que vimos no percorrido a través do Roteiro I que pasa arredor do cámping , tamén preto  da  Praia de Nosa Señora e sube ata o Faro da Porta.

Vimos moitas especies mariñas que dúas monitoras se encargaban de recoñecer e que nos animaban a observar contándonos todo sobre a súa especie, modo de vida ....sempre adornadas con historias feiticeiras. Observamos as aves, as furnas, os cantís...Un entorno extraordinario!

Rematamos a viaxe probando a mergullar os pés na auga cristalina e xélida do Atlántico na praia de Rodas ,a máis grande das Illas, para logo facer a viaxe de volta no catamarán ata Vigo. Foi o colofón dunha ansiada visita na que tivemos a grande sorte de contar cun tempo atmosférico magnífico. Estamos ansiosos/as de que chegue a excursión do ano vindeiro!



2/6/23

Onde o mundo se chama Celanova

Cantiga pra durmir a un neno

"Celanova ten un vento,

Celanova un vento ten,

un vento peleriñante,

un vento que vai e ven." 

Celso Emilio Ferreiro

Da man de Fundación Curros Enríquez, hoxe o noso alumnado de sexto de Ed. Infantil participou na activadade "Vén coñecer a Celanova de Curros e Celso Emilio"

Durante toda a xornada e acompañados por Paula Conde e as súas mestras visitaron Vilanova dos Infantes, onde descubriron bonitos recantos e monumentos, como a torre do Homenaxe e a cova de San Vivián para despois coñecer en Celanova o Mosteiro de San Salvador, onde desfrutaron dun contacontos amenizado por música do impresionante órgano.

Tiveron tempo tamén de divetirse nos brinquedos e de pasar unhas horas de gran compañeirismo e moitas aprendizaxes nunha xornada que a ben seguro será difícil de esquecer para tod@s el@s!!!




1/6/23

Gran concerto! Parabéns @s artistas!!

"A música é a vida emocional da maioría da xente". Leonard Cohen.

Un ano máis, convidad@s polo Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia, aistimos ao seu marabilloso Concerto Didáctico "Soñando Melodías" no Auditorio Ángel Cocho da Casa da Cultura de Xinzo de Limia.

Máis de hora e media de pezas coñecidas dos máis grandes mestres da música clásica, tales como Mozart, Beethoven, Bizet o Vilvaldi foron interpretadas por est@s pequen@s grandes artistas, moitos del@s compañeir@s de clase do noso alumnado que asistiu como público.

Unha oportunidade única, en moitos casos, para achegarse a este máxico mundo das melodías clásicas e que xa forma parte do noso currículo escolar. Moitos parabéns ao CXMUS  por esta iniciativa e a tod@s quen participaron nela!!







Tedes máis imaxes do concerto en :

Chega o verán... Libros ao patio !!!