24/5/19

Aprendendo ó aire libre


No patio, na horta, na rúa, no parque... nas moitas saídas que cada semana facemos: sempre aprendendo e mellor ó aire libre. Aquí temos ó alumnado de 6º de ed. Infantil na horta e no espazo onde están algúns dos animais que baixamos estes días da incubadora: ocas, pato indio, pavos e poliños.

Esta semana, o día 23 de maio, celebrouse o Día das clases ó aire libre. E o alumnado de 4º de Ed. Infantil estivo en Lodoselo; velaquí un enlace á web do CDR O Viso onde os podemos ver amasando e preparando a fornada de pan no forno comunitario, dando un paseo no carro que tira o burro Fariñeiro, no recuncho do "Carballo con Botas", cos patos, poliños, coellos, ovellas...

23/5/19

I Certame de fotografía





Exposición I certame de fotografía "Así è a miña vila así é a miña xente".

 Aberta dende o luns 20 de maio ata o venres 30 de maio no hall do colexio.


Celanova: Poetas, Arte e Música.

Este pasado mércores, 22 de Maio, os/as alumnos/as de terceiro ciclo do CEIP “Rosalía de Castro” de Xinzo de Limia fomos de excursión a Celanova onde visitamos a Casa Museo do poeta Curros Enríquez, a Capela Mozárabe de San Miguel e o Mosteiro de San Salvador, onde participamos no “X Ciclo de Concertos Didácticos de Órgano”, no cal a profesora de Órgano do Conservatorio de Ourense, Marisol Mendive, nos explicou o segredos deste espectacular instrumento.
O que máis nos gustou foi tocar dúas pezas coa frauta acompañados polo órgano, intepretadas polo alumnado de quinto e sexto coa frauta e por Marisol Mendive e o noso profe de Música co órgano. Tocamos o “Vals dos Vellos”, un vals tradicional da música galega, e “A Herba de Namorar”, do grupo Luar na Lubre.
Foi unha experiencia extraordinaria poder participar nun concerto de frauta e órgano. Grazas Pablo. 

21/5/19

Todo preparado para termos o galiñeiro coas aves que están nacendo na incubadora









E velaquí a transformación das gaiolas... Moita man de obra, algunha máis especializada que outra: grazas a tod@s os que participaron; tamén a Fran.
E seguimos gozando, día a día do nacemento de aves (porque ademais de diferentes razas de galiña, tamén naceron ocas, pavo común, este pato indio... e estamos agardando por máis galiñas (cruces de araucana, kikas, moñuda holandesa, barmeverdel ),  faisáns, perdices e pavo real.
Nesta semana agardamos poder ir baixándoos para estas gaiolas. 

Contos populares, patrimonio inmaterial galego e A. Fraguas


Na xornada deste mates 21 de maio o alumnado de 2º, 3º e 4º de Primaria estivemos na Casa de Cultura de Xinzo para gozar cun Contacontos Musicado. Os artistas foron Charo Pita e Xoan Curiel que baixo o título " Canta miña pedra, canta" nos agasallaron cun espectáculo que xira ao redor de relatos populares e cancións de Antonio Fraguas. A actividade, cun custe de 5 €, levaba incorporada a entrega a cada participante no acto dun exemplar de  " O fillo do rei e outros contos populares" de Maruxa Barrio e Henrique Harguindey  (ed. Galaxia). 

15/5/19

Seguimos celebrando o Día das Letras

Hoxe e todos os días.


A poesía invade as rúas de Xinzo para celebrar o día das letras


 O alumnado dos institutos e colexios da vila pintou nos pasos de peóns versos de escritores da comarca para conmemorar o día das Letras Galegas deste ano.
 Por Beatriz G. Caneda | Xinzo de Limia | 15/05/2019 |
 O alumnado dos centros de primaria e secundaria de Xinzo de Limia saíu este mércores 15 de maio á rúa co obxectivo de "poetizar a vila". A iniciativa, que consistiu en escribir versos de autores da comarca nos pasos de peóns da capital limiá, parte dos departamentos de Dinamización Lingüística dos centros educativos da vila.
 O alumnado dos centros de Xinzo 'poetiza' as rúas da vila  En total "poetizáronse" 12 pasos de peóns, os dous máis próximos aos centros de primaria e outros dez nunha das rúas principais. Os versos foron elixidos polo profesorado atendendo a que tivesen un sentido completo e fixeran referencia á comarca con topónimos ou xentilicios. Os poetas seleccionados teñen un forte vínculo coa comarca e entre eles atópanse Xabier XiI Xardón ou Chus Pato.
 O obxectivo do proxecto é "crear un sentimento identitario respecto á lingua e á comarca a través das palabras de autores próximos" explicou Asun Caneda, profesora e integrante do equipo de Dinamización Lingüística do IES Cidade de Antioquía. "Intentamos buscar un sentido identitario nos versos a través de topónimos como Antioquía ou referencias aos habitantes", engade.
 Na actividade participou alumnado dos IES Cidade de Antioquía e Lagoa de Antela e dos CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro, contando coa colaboración do Concello da vila.
http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/94141-poesia-invade-ruas-xinzo-celebrar-dia-letras

Vermú literario no Espazo Lector Nobel


14/5/19

Comprometid@s coa Lingua e a Cultura, seguindo a Antón Fraguas










Con motivo do Día das Letras temos unha manchea de actividades nas que estamos a traballar estes días: - O Escape Room: co alumnado do segundo e terceiro ciclo artellando a maneira de "abrir os cadeados" que Geli pacientemente preparou, na Biblioteca, cunha combinación que nos levará a averiguar moita información de Antón Fraguas.
         - Poetizando os pasos de peóns: co profesorado e alumnado de 6º nunha actividade na que tamén participan os outros centros da vila. 

E máis... Si, actividades na rúa, nas aulas, polos corredores...
Na nosa biblioteca e nas bibliotecas escolares galegas. 
E, un nome: Antón Fraguas.
Actividades relacionadas co autor e o seu compromiso coa lingua e a cultura galegas, destinadas a pór en valor o patrimonio material e inmaterial do noso país:

4 Retos para a Biblioteca Escolar 2020

O sábado 23 de marzo celebrouse en  Santiago de Compostela  unha  xornada técnica organizada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos), para pensar a biblioteca escolar do 2020. Esta xornada de traballo reuniu a persoas expertas no ámbito das bibliotecas en xeral, das bibliotecas escolares en particular xunto a representantes das CCAA presentes na Comisión Técnica de Bibliotecas Escolares e do Ministerio, un dos organismos integrantes do Consejo de Cooperación Bibliotecaria a nivel estatal.

Organizáronse grupos de traballo e análise entre profesionais e persoas expertas que debateron e profundizaron sobre diferentes aspectos da situación actual das bibliotecas escolares. 

Extraéronse 4 retos concretos para a biblioteca escolar 2020:
Reto 1: Dotar de estabilidade ás bibliotecas escolares.
Reto 2: Promover un modelo de biblioteca escolar como espazo educativo á medida do proxecto de centro.
Reto 3: Concebir a biblioteca escolar como mediadora das lecturas no centro e situala no centro neurálxico das políticas públicas centradas na lectura, en todos os formatos, para todas as finalidades.
Reto 4: Promover unha visión da biblioteca escolar como o contexto privilexiado para o desenvolvemento das competencias mediáticas e informacionais, a alfabetización mediática (AMI) e como requisito para a construción do pensamento crítico.

Como resultado de todo isto, elaborouse un documento de urxencia para seguir a traballar pola Biblioteca Escolar. http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/

7/5/19

Reutilización: gaiolas para galiñas

O pasado venres trouxemos para o colexio unhas gaiolas de galiñas para exterior, regaladas si e  bastante deterioradas. Temos andado, coa axuda de Fran, poñéndoas a punto... E xa só nos queda lixar un pouquiño e pintar.
Este espazo, no que estaba o depósito de gas, e unha vez quitado, porque xa se emprega o gas cidade, fómolo acondicionando; tamén coa axuda de dous operarios do Concello de Xinzo; agora metemos estas dúas gaiolas para pasar aquí algúns do poliños que están nacendo na incubadora.
Aquí estamos: reutilización dos espazos e de materiais. Graciñas a todas as persoas que están colaborando: Manuel da ferretería Gregorio, Kisco (ANPA), Fran...




 

Capoeira no Ceip

A semana pasada tivemos unhas sesións de Capoeira no colexio. Estiveron con nós Sasqwat e Pocahontas para aprendernos e amosarnos esta arte marcial que provén de Brasil. 

Coa práctica deste deporte desenvólvense calidades físicas: flexibilidade, forza músculos; desenvólvense a coordinación e a axilidade, ademais de traballar en gran medida a resistencia cardiovascular. Tamén é un bo traballo de autocoñecemento, autoestima e desexo de superación. Un camiño para chegar ao equilibrio entre corpo, mente e alma.

Aínda que a capoeira teña movemento danzarios, está dentro das artes marciais. Moitos opinan que ten connotacións relixiosas; descríbena como fusión do corpo e mente e está estreitamente ligada ao espiritismo xa que hai cantos e rituais desa índole.

A capoeira execútase nun círculo dentro do cal se enfrontan dúas persoas finxindo que lanzan e esquivan os golpes da loita ao son de berimbau. As pelexas consisten en pasos, patadas, golpes diferentes, varridas, lanzamentos, técnicas de escape e acrobacia. Os practicantes deben pelexar co ritmo da música. Os instrumentos utilizados para tocar a música chámanse: Berimbau, Atabaque e Pandeiro,entre outros.

2/5/19

2ª Xornada de fútbol sala

Hoxe desenvolveuse a última xornada comarcal de fútbol sala no pavillón municipal de Xinzo de Limia, concretamente coa categoría alevín.
Xuntanza de rapaces da zona pertencente aos colexios de Rairiz, Vilar de Barrio e Xinzo
O vindeiro sábado 11 de maio disputarase o campionato provincial no pavillón dos Remedios no que participarán parte destes deportistas.