30/4/23

Fixemos un maio cheo de flores, con palabras bonitas de tódalas cores!

Aí vén o maio

de frores cuberto ...

Puxéronse á porta

cantándome os nenos; ...

Manuel Curros Enríquez (Celanova 1851, A Habana 1908)

Esta mañá, o alumnado de 6° de Infantil, da Aula Específica e das aulas de 1° e 2°C de Primaria celebrou a festa dos Maios.

Cada participante aportou dúas flores con cadansúas palabras. Fixéronse equipos mixtos buscando a interrelación entre etapas.  Ademais, participaron nunha actividade de exploración polo recinto da escola para atopar al flores e fomentar o coñecemento e a interacción co seu entorno máis próximo.

A actividade rematou coa creación dun fermoso Maio cheo de cores primaverais e feito con materiais reciclados.



29/4/23

Que bonito é compartir unha boa lectura!

O pracer de ler é dobre cando se vive con outra persoa coa que compartir os libros.  Katherine Mansfield (1888-1923) Escritora neozelandesa. 

... E chegou un dos días grandes ao noso cole!!! Como colofón a esta Semana do Libro compartimos un Apadriñamento/ Amadriñamento lector que non tiñamos feito dende antes da pandemia. Todo o alumnado e o profesorado en distintos lugares do centro compartindo unha boa lectura! E a verdade é que resultou ser unha actividade espectacular!

@s máis grandes lendo @s máis pequenos, tod@s compartindo momentos emocionantes que será difícil para el@s esquecer! Só nos queda por ver as caras de felicidade nunh@s e nos outr@s gozando do fermoso momento de compartir un libro... Imos alá!

26/4/23

Xogar para non esquecer!!

Todas as aprendizaxes máis importantes da vida, fanse xogando! (Francesco Tonucci, Fano, 1940. Pensador, psicopedagogo e debuxante italiano.)

Tivemos a fortuna un ano máis de poder contar cos educadores do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e o seu obrdadoiro didáctico de Xogos Populares. 

Este programa ten como obxectivo recuperar, divulgar e revitalizar xogos e modos de divertimento hoxe esquecidos polos nosos nenos e mozos. Mediante a organización de cursos nos que se forman monitores especializados en xogos populares, así como obradoiros que se levan a todos os colexios da provincia de Ourense, o Obradoiro de Xogos Populares conta cun equipamento que lle permite poñer en práctica actividades como a billarda, a porca, o xogo de aros, a chave, etc.(http://www.ccpxaquinlorenzo.es)

O noso alumnado de sexto de EP tivo a oportunidade de aprender distintos bailes, ditos, ... xa case perdidos hoxe en día e practicar un "deporte"  tan galego, que algúns e algunhas debido á nosa idade aínda recordamos, como é o xogo da Porca.

Dous sesións cheas de aprendizaxe e divertimento que, de seguro, estas nenas e nenos serán quen de manter nas súas lembranzas e contribuír así a que este patrimonio cultural inmaterial endexamais caia no esquecemento!

25/4/23

Como funcionan as nosas Institucións de goberno?

“A liberdade só reside nos estados nos que o pobo ten o poder supremo.” (Cicerón. Orador, político y filósofo latino. Arpino, actual Italia, 106 a.C. - Formies, id., 43 a.C.) 

Coñecer as nosas institucións democaráticas e coñecer como funcionan tanto o noso poder lexislativo (Parlamento de Galicia) como o executivo (Xunta de Galicia), as súas funcións e maneiras de proceder é a misión deste programa educativo que xurdiu  dun convenio de colaboración asinado entre o Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade o 14 de xaneiro de 2022  e que permite organizar visitas guiadas conxuntas ás sedes deses poderes para o alumnado de 5º e 6º de educación primaria e alumnado de educación secundaria obrigatoria de centros educativos de titularidade pública da Comunidade Autónoma.

O noso alumnado de quinto de Educación Primaria tivo a oportunidade de coñecer as tres funcións do Parlamento de Galicia, a lexislativa, a electiva e a de control ou como as nosas parlamentarias e parlamentarios pertencen a disitintos partidos políticos e se reúnen para acordar melloras para toda a cidadanía, tendo a "palabra" como única ferramenta para chegar a acordos cos demais.

Tamén puidemos visitar as distintas estancias do Pazo do Hórreo, sede actual do Parlamento de Galicia e observar todas as obras de arte (máis de 300 pezas) que constitúen unha autentica sala de exposicións de artistas galegos de todos os tempos.

Agradecer a presenza e a compaña do único parlamentario da nosa vila, Carlos Gómez Salgado Vedmar, que nos tratou con ese cariño e atención especial que sempre ten con tod@s nós.

Trasladámonos logo á sede da Xunta de Galicia no Edificio Administrativo de San Caetano, antigo centro educativo para nen@s xord@s sendo hoxe o emplazamento de case a totalidade das Consellerías que forman o goberno galego, traballando alí máis de 3000 persoas ao servizo d@s cidadáns.

Visitamos a sala de reunións dos secretarios técnicos de todas as áreas de goberno, e alí nos explicaron que son el@s realmente quen toman a maioría das decisións importantes, que son refrendadas ao día seguinte polo conxunto de Conselleir@s na súa habitual reunión dos xoves.

Finalizamos esta xornada tan especial na casa da "nosa" Rosalía de Castro en Padrón. Alí observamos as estancias e os aveños que ela e a súa familia empregou nos derradeiros anos da súa vida.

Foi unha xornada para non esquecer!! Aprendizaxes significativos no medio que se producen!

23/4/23

"Para viaxar lonxe, non hai mellor nave que un libro." Emily Dickinson (1830-1886) Poetisa estadounidense.

A orixe do Día do Libro remóntase a 1926. O 23 de abril de 1616 falecían Cervantes, Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega. Tamén nun 23 de abril naceron – ou morreron – outros escritores eminentes como Maurice Druon, K. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo. Por este motivo, esta data tan simbólica para a literatura universal foi a escollida pola Conferencia Xeral da UNESCO para render unha homenaxe mundial ao libro e os seus autores, e alentar a todos, en particular aos máis novos, a descubrir o pracer da lectura e respectar a irreemplazable contribución dos creadores ao progreso social e cultural.

A idea orixinal da celebración do Día do Libro partiu de Cataluña, do escritor valenciano Vicente Caravel Andrés, propoñéndoa á Cámara Oficial do Libro de Barcelona en 1923 e aprobada polo rei Alfonso XIII de España en 1926. O 7 de Outubro de 1926 foi o primeiro Día do Libro, pouco despois, en 1930, instáurase definitivamente a data do 23 de abril como Día do Libro, onde este día coincide con Sant Jordi - San Jorge, patrón de Alemaña, Aragón, Bulgaria, Cataluña, Etiopía, Xeorxia, Grecia, Inglaterra, Líbano, Lituania, Países Baixos, Portugal, Eslovenia e México. É tradicional regalar unha rosa ao concluír unha lectura, evento ou pregón e que os namorados e persoas queridas intercámbiense unha rosa e un libro. (https://www.diadellibro.eu/)

Na nosa Bilblioteca Escolar poderedes atopar un montón de títulos que vos farán viaxar a un sinfín de lugares que doutro xeito non poderiades visitar e coñecer personaxes que seguro que fan desta gran aventura de ler unha experiencia inesquecible! Creamos novos espazos para que vos sexa máis doado escoller esas aventuras que tedes/temos por facer! Animádevos a coñecelos!! #DiadelLibro2023 #diadilibro2023 #ODS4






18/4/23

Aprendendo a aproveitar a agua

Aqualogia é un programa educativo da Escola da auga destinado a centros escolares de educación primaria co que transferimos e compartimos coñecementos sobre a auga e o medioambiente. A través de varios recursos interactivos como vídeos, xogos e experimentos, mergullámonos no universo da auga desde unha perspectiva sostible e tomamos conciencia da súa importancia e dos seus ciclos natural e urbano.

O noso alumnado de cuarto de Ed. Primaria tivo a oportunidade de participar neste programa, levado a cabo polo persoal da compañía VIAQUA. e tivemos a oportunidade de comprobar como traballan día a día en levar a auga ás nosas casas e cales son os procesos que son necesarios para potabilizala e para despois do seu uso devolvela en óptimas condicións aos nosos ríos. 

Aprendizaxes moi significativos adquiridos mediante a experimentación persoal e a observación directa da realidade científica!















3/4/23

ECO-RETOS VOZ NATURA: #concienciamos

No mes de abril, o reto é: Concienciamos para sensibilizar sobre as consecuencias que poden ter as nosas accións no medioambiente e fomentar a acción social para coidar o planeta. Hashtag: #RetoConcienciamos

É dicir, ás fotos ou vídeos dos retos que subades ás vosas redes sociais, ao longo deste mes de abril, debedes engadir: #AccionVozNatura #RetoConcienciamos (ademais de etiquetarnos con: @voznatura).





1/4/23

#LlamémosloPorSuNombre

O 2 de abril celébrase o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, unha data instaurada por Nacións Unidas para visibilizar ás persoas con trastorno do espectro do autismo (TEA) e contribuír a promover o exercicio efectivo dos seus dereitos. 
Cada ano, o movemento asociativo do autismo en España promove unha campaña de sensibilización co obxectivo de que a cidadanía coñeza mellor a especificidade do autismo, empatice coas persoas no espectro e as súas familias, e contribúa así a mellorar a súa calidade de vida e a participar na sociedade en igualdade de condicións. 
O autismo non é lineal, senón que é un espectro, unha condición diversa.
Aínda que as persoas autistas comparten o mesmo diagnóstico, cada unha delas é diferente ás demais e ten as súas propias capacidades, necesidades e intereses. Por iso, precisa duns apoios individualizados e especializados que se axusten a cada etapa do seu ciclo vital para promover a súa participación social en igualdade de condicións. 
A gama de cores mostra tamén esa gran diversidade, especificidade e singularidade que hai dentro do espectro autista.
Nós queremos visibilizar a todas esas persoas, en especial ás nenas e aos nenos que teñen este espectro autista e darlles o noso maior apoio nas súas reinvindicacións de necesidade dunha atención específica dentro do mundo escolar e, por susposto, en todo aquilo que fagan no seu día a día. E xa sabedes... 
#LlamémosloPorSuNombre  #DiaMundialAutismo



Encontros PLAMBE 2022/2023

Asisitimos un ano máis ao Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, celebrados este ano o 31 de marzo no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.

Foi todo un día de experiencias e foros abertos onde as novas estratexias para este veterano Plan (do que o noso centro forma parte dende o curso 2008/2009) foron os temas chave que artellaron a unha selecta escolla de ponentes expert@s no seus ámbitos de traballo.

Comezamos a sesión matutina de traballo (despois da inauguración oficial dos Encontros por parte do Conselleiro de Educación, Román Rodríguez González) cunha primeira ponencia por parte de Carlos Alberto Scolari, profesor da Univeridade Pompeu Fabra de Barcelona. Scolari propuxo 10 interesantes tesis sobre a Intelixencia Artificial e todo o relacionado co tan renomeado ChatGPT.

De seguido, foi a quenda dos ambaxes do novo programa de xestión de BE Koha, da man de María Begoña López Soto, profesora de linguas no IES Fernando Esquío de Neda, titora en cursos PLATEGA sobre este tema e ponente habitual en xornadas e encontros de BE.


Para rematar esta mañá de traballo, Anna Juan Cantavella, docente, investigadora, asesora, promotora da lectura e editora no mundo da literatura infantil, fixo un relatorio titulado "O conto de nunca acabar: sobre selección, literatura, infancia e escola" na que nos convidaba a ter moi presente os paspectos plenamente literarios dos libros que pomos ao alcance do noso alumnado, porque como ela mesma dixo : "La selección de libros es la primera elección que tomamos con nuestros usuarios de la biblioteca". "Los libros no siempre tienen que tener una finalidad, la literatura de ellos es una finalidad en sí misma", dijo la autora do blog La coleccionista.


Comezamos a sesión vespertina con Alicia Sellés Carot e o seu "refrán", "O bo coñecido e o bo por coñecer: tendecias e innovación en bibliotecas". Esta documentalista castellonenca defendeu con moito ímpeto todas as novas estratexias que en moitas partes do mundo están sendo tendencia no traballo de cotío dos distintos tipos de bibliotecas. Porén... púxonos tarefa!! Participar no programa SocialBiblio!!


"Mirar, ler e pensar", era o atraínte título da ponencia de Ellen Duthie, interesada na práctica da filosofía con nenos, fai cousas en Wonder Ponder, en Filosofía a la de tres e en Filosofía de cuento. Ela misma di que "estos libros tienen muchas preguntas y ninguna respuesta". Nas súas obras, son @s propi@s lectores @s que teñen que buscar a resposta a esas preguntas que Ellen propoñe ... e facer un montón de preguntas máis. Filosofía en estado puro para nen@s de o a 99 anos ... que máis pedir!


E para rematar por todo o alto... Helena Villar Janeiro. Que dicir da "vicedecana da Literatura Galega", tal e como ela mesma se define. A poeta de Becerreá enfundouse no seu rol de pedagoga para darnos unha charla maxistral titulada "As bibliotecas, memorias paralelas", sobre as bibliotecas da súa vida e como eses espazos foron chave para formar a artista que hoxe é, facendo toda esta súa exposición empregando o seu máis grande tesouro, a súa voz,  "sen powerpoints nin chorradas desas" como ela manifestou! Arrancou moitisimos aplausos ao longo da súa intervención e deixounos abraiados coa súa definición de biblioteca como o "conxunto de saberes atesourados en libros" e falounos do valor "propedeútico" das Bibliotecas Escolares, porta de entrada a disciplinas ou estudos máis profundos. 
Non cabe dúbida que Vilar Janeiro é unha das máis grandes figuras da Literatura Galega actual, pero despois de escoitala hoxe, tamén podemos afirmar que ten unha filosofía pedagóxica que compartimos na súa totalidade!

Non queda máis que felicitar a todo o Equipo da Asesoría das Bibliotecas Escolares, por acadar un ano máis este nivel de excelencia nas ponencias e nos ponentes propost@s para unha xornada de intensas aprendizaxes. Xa estamos expectantes cos próximos Encontros PLAMBE, sinal de distinción e calidade e referencia entre todas as Biliotecas Escolares de España e de Europa.