31/1/24

Aprende que comes

“A nutrición óptima é comer as cousas adecuadas”. Siim Land.

Alimentes é o programa educativo de Gadis para fomentar hábitos de consumo responsable e de alimentación saudable. É importante ter en conta que o factor máis importante para conseguir o obxectivo é a organización. Elaborar con antelación menús semanais e a lista da compra pode marcar a diferenza para que logres manter unha dieta variada e equilibrada e para reducir ao máximo o desperdicio alimentario.

O prato ALIMENTES é a guía visual que creamos para axudar a deseñar comidas equilibradas e pode ser unha ferramenta moi útil para a planificación dos menús. Ademais, pódese consultar algunhas das ideas de almorzos, merendas, comidas e ceas que fomos publicando no noso blogue, ás que ir engadindo as propias propostas para ampliar o abanico de posibilidades, adaptándoas aos produtos de tempada.

No que respecta a a preparación do material e os últimos detalles para a volta ao cole, deixámosche algunhas claves para fomentar a sustentabilidade:

Opta por materiais e recipientes reutilizables para o tentempié: unha botella termo que, ademais, axudará a manter a auga fresca; unha friameira ou un envoltorio para bocadillos reutilizable; pano de mesa de tea…

Reutiliza todos os materiais que estean en boas condicións do curso anterior.

Pregunta a familia e amigos para aproveitar roupa e material que xa non utilicen.

Procura que as túas compras sexan sostibles, apostando por criterios de proximidade, de respecto polo medio ambiente e pola xustiza social. Confírma que os artigos inclúen a marcado CE que garante o cumprimento dos requisitos de fabricación e de seguridade esixidos pola Unión Europea.

Fomenta o coidado das pertenzas, sendo exemplo para que os teus fillos e fillas vaian aprendendo e asumindo as súas responsabilidades. Se algo se estraga, trata de reparalo con eles e elas antes de pensar en comprar un novo.

Se algo xa non se pode utilizar, entón tocará reciclar. Asegúrate de depositar os residuos no contedor adecuado.

Involucra aos máis pequenos na planificación das súas merendas saudables. Busca a variedade e aposta polos produtos de tempada.  (https://www.gadis.es/saludable/una-vuelta-al-cole-sostenible-con-alimentes/

O noso alumnado de sexto B visitou ao abeiro deste programa o supermercado que GADIS ten no CC Ponte Vella de Ourense, onde puideron comprobar de primeira man todo o que na plataforma virtual figura como elementos de sostibilidade na cadea alimentaria da multinacional galega e ter unha xornada de aprendizaxe relacionada cos ODS2030 no referente a Saúde e Benestar (ODS3) e Producción e Consumo Responsables (ODS12)


Oliñas veñen e van ...

"Un pobo sen tradición é un pobo sen porvir. "Alberto Lleras Camargo (1906-1990) Político, xornalista e diplomático colombiano.

O noso alumnado de sexto de Educación Infantil segue transitando polo ciclo do Entroido máis grande do mundo.

Desta volta, visitaron o Museo Galego do Entroido, onde Carlos foi o seu "Cicerone" e presentou ás nosas nenas e nenos de cinco anos os fermosísimos traxes representativos de moitos dos Entroidos espallados por toda Galicia e Portugal  cos que este magnífico noso museo conta, sempre co mesmo agarimo e trato afable que Carlos nos dispensa cada vez que imos ata o MUGAE.

E como non!! Chegado o segundo domingo/luns do noso Entroido foi tempo de xogar coas olas, co resultado final que era de esperar... centros de cachiños de cerámica espallados polo patio de Educación Infantil!!!

30/1/24

Pecha os ollos ... Pensa na Paz!

"Non hai camiño para a paz; a paz é o camiño". - Mahatma Ghandi -

O 30 de xaneiro celébrase este día, dedicado a conmemorar nos centros educativos unha cultura de non violencia e paz.

A educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz son motivos para lembrar o 30 de xaneiro. No Día da Paz, os centros educativos comprométense como defensores da paz e entendemento entre persoas de distinta procedencia e modos de pensar.

Nese día celébrase o aniversario da morte do Mahatma Gandhi (India, 1869-1948), líder pacifista que defendeu e promoveu a non violencia e a resistencia pacífica fronte á inxustiza e que foi asasinado por defender estas ideas.

Unha educación inspirada nunha cultura de non violencia e paz permite ao noso alumnado adquirir coñecementos, actitudes e competencias que reforcen o seu desenvolvemento como cidadáns globais críticos e comprometidos cos seus dereitos e os doutras persoas. (https://www.unicef.es/educa/dias-mundiales/dia-escolar-no-violencia-paz)

Este ano no noso cole quixemos pechar os ollos e plasmar a primeira palabra, debuxo, frase, ... que se nos viñera á cabeza ao escoitar o termo PAZ.

Con todas elas fixemos un fermosísimo mural que estes días podedes ver na entrada das aulas de Educación Infantil. 

Non quixemos rematar doutro xeito que cantar a pulmón cheo que somos nenas e nenos que respectamos aos que temos preto e que fundimos os rancores que se quedan dentro... Para seguir crecendo!!

27/1/24

Non importa o lugar... O importante é ler!!

 Lemos para saber que non estamos sós.William Nicholson (Escritor británico)

Dentro das distinas actuacións que leva a cabo o Equipo da Biblioteca Escolar do centro e coa inestimable colaboración do alumnado axudante, sacamos os títulos máis atractivos do noso fondo bibligráfico ao patio, desta volta para que o alumnado de Ed. Infantil puidesen gozar deles.

O sol acompañou e a convocatoria foi todo un éxito! Sen dubida... Repetiremos!





24/1/24

Primeira nevarada no noso cole !!!

“Gústame a xente con ese átomo de tolemia que fai que a existencia non sexa monótona, aínda que sexan persoas desgraciadas e estean sempre nas minchas.” Carmen Laforet. Escritora.

Seguindo co afondamento no noso gran ciclo do Entroido, o alumnado de sexto de Ed. Infantil, "sufriu" desta volta os efectos da primeira gran nevarada no patio de recreo. O Fareleiro Infantil é o primeiro gran domingo dos cinco que completan o Entroido máis longo do mundo! Unha toma de contacto que, sen dúbida, non é a primeira vez para el@s, pero que foi unha mañá chea de ledicia e diversión cos resto d@s súas compañeir@s!!!

22/1/24

Coñecemos como se fai a nosa fermosa máscara!

 “Ver traballar a un artesán dame acougo, ancórame na terra, inspírame. Lémbrame a extraordinaria importancia que neste mundo ten o traballo ben feito.” Andre Agassi, tenista profesional norteamericano.

O pasado venres, 19 de xaneiro, tivemos a enorme fortuna de poder visitar Arrebol, o taller dos artesáns Aurora e Santi, que con tanto agarimo  e durante tantos anos levan facendo para moitísimas xeracións de limiás a súa pantalla.

O noso alumnado de sexto de Educación Infantil foi quen de poder descubrir todo o proceso dende que se colle esa chapeu de feltro ata que se chega á grandiosidade na nosa bela pantalla.

Queremos manifestar a nosa máis grande gratitude a Aurora e a Santi polo agarimo, proximidade e trato marabilloso que nos brindaron esta maña na que será, sen dúbida, unha experiencia e aprendizaxe que endexamais se borrará deste grupo de nenos e nenas que teñen este traxe e esta máscara como algo seu … como #unsentimento!!!

14/1/24

Non son un mal estudante, só aprendo de maneira diferente

"Non vexas a dislexia como unha debilidade, senón como unha habilidade diferente." 

Levamos a cabo unha nova xornada de formación sobre situacións de necesidades educativas específicas que están presentes en parte do noso alumnado. Desta volta tivemos o provilexio de contar no noso centro, con Paula Outón Oviedo, profesora titular do Departamento de Pedagoxía e Didáctica na área de Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación da Universidade de Santiago de Compostela e un dos maiores referentes a nivel nacional no estudo e intervención nos casos de dislexia.

Ao longo de máis de dúas horas, Paula foi debullando todos os aspectos máis significativos a tratar cando temos que facer fronte a alumnado que teña esta condición especial de aprendizaxe. Empezou definindo dislexia, as súas orixes físicas, as súas consecuencias na adquisición da linguaxe oral e escrita para proseguir coas distintas estratexias para tomar por parte do profesorado e as familias para minimizar os efectos que a dislexia pode causar no alumnado que a presenta.

Todas as persoas que asistimos a esta sesión de formación (profesorado e nais e pais do centro) chegamos a conclusión que, poñendo os medios necesarios, a dislexia non pode ser un obstáculo para o noso alumnado que lle impida acadar todas as metas que se propoña, sendo Paula Outón, que ela mesma se recoñeceu como disléxica, claro exemplo desta premisa.