C. PROFESIONAL, DEREITOS INFANCIA
O ben-estar/estar-ben un dereito da infancia
In ReflexionArte on 19/11/2016
Con motivo da conmemoración do Día Universal do Neno, as redes sociais e medios de comunicación encheranse de denuncias de situacións de vulneración dos seus dereitos, de ausencia flagrante na atención ás súas necesidades máis básicas, de manifestos, de declaracións, de citas, de exposicións, de xestos, de contos, de curtametraxes e de outras moitas accións necesarias pero non suficientes.
De calquera modo, en moitos casos non pasa de aí. Pasou o día e pasou a romaría.
Nós, hoxe, queremos fixar a mirada no día a día, no cotiá, no que temos preto de nós, no que vemos (ou no que non queremos ver) nas escolas: a carencia de benestar de moitos nenos e nenas, entendendo o benestar como estar-ben ou ben-estar, o que sería o resumo e finalidade última de todos os dereitos.
Levar moitos anos no ensino e ter xa anos dabondo permítenos unha mirada comparativa da calidade de vida dos nenos. Calidade, esa palabra tan polisémica e de natureza tan multifactorial que nos últimos tempos se asocia á existencia de condicións en moitos casos irrelevantes. Calidade de vida e benestar no noso contexto fai referencia ao cumprimento dunhas características sobre o estilo de parentalidade que establecen os pais/nais cos fillos; ao establecemento dunhas normas axustadas á idade dos cativos; á atención que se lle dispensa para a cobertura das súas necesidades de hixiene, alimentación, descanso, movemento, sanitarias, educativas, relacionais, afectivas, emocionais e de apego positivo; e como non, á existencia duns referentes adultos que sexan modelos de fala, de actitude, de valores, de ser e de estar na vida.
Pois aquí é onde nos atopamos o problema: no noso mundo, na nosa sociedade (non noutras distantes ou descoñecidas), hai cada vez máis nenos e nenas que carecen do anteriormente exposto. E a isto non se lle está a prestar a debida atención; non queremos dicir que pase desapercibido pero, como hai outras cuestións máis urxentes, pasa a formar parte da normalidade, dicimos que é contextual.
Os docentes temos indicios dabondo para detectar todas esas situacións: a falta de aseo ou de sono, a inxesta con voracidade, o comportamento dos pequenos, as expresións, as anécdotas ou episodios familiares que nos contan, a falta de hábitos adecuados aos distintos momentos, etc; o que podemos complementar coa imaxe que nos causan os proxenitores e coas escenas nos que os vemos xuntos (cando se despiden, cando os recollen ou cando os recibimos en titoría).
Non fai falla ser moi sagaces para conformarse unha idea bastante aproximada do seu estilo e condicións de vida así como da forma na que educan e se relacionan.
Coméntase na escola, laiámonos da mala sorte dalgúns pequenos, reprobamos a algúns pais pero pouco máis facemos. A razón é sempre a mesma, pensamos que a nosa opinión está sometida á nosa subxectividade e que é demasiado drástica a adopción de medidas xa protocolizadas polos servizos sociais. Ninguén quere meterse en conflitos cos proxenitores e argumentan que para chegar á denuncia por maltrato deben existir riscos de maior gravidade. Adoitamos dicir que non pretenden facerlle mal intencionadamente aos fillos, tan só que non saben ser pais/nais.
Poden valernos todas esas xustificacións, agora ben, cómpre recordar que o noso principal obxectivo é o benestar do neno ou nena, independentemente de que sexamos quen de comprender as adversas circunstancias dos seus pais.
A neglixencia no trato aos nenos está tipificada coma unha forma de maltrato infantil, así como o abandono educacional, sendo moito máis frecuentes do que pensamos, abonda con ver algunhas das súas formas:
-Neglixencia física cando non se lles prové de alimentación adecuada, vestido e condicións de salubridade no fogar, de supervisión adecuada para evitar riscos físicos ou accidentes por descoido, ou cando deixalos sen comida é unha ameaza ou castigo.
-Neglixencia educativa, tanto por non levalos á escola con regularidade e normalidade de horarios, como polo tempo que se lle permite aos cativos a exposición ás pantallas.
-Neglixencia psicolóxica e emocional, cando aos pequenos se lles ignora, se lles deixa sos ou en soidade, cando as ameazas e os abusos verbais forman parte da súa cotidianeidade.
-Neglixencia médica, cando os coidados sanitarios son inapropiados á idade e condicións de saúde dos nenos ou cando non se seguen os procedementos e instrucións recomendadas polos médicos.
Desafortunadamente seguro que moitas e moitos de nós a estas alturas xa temos un neno ou nena en mente, e que podemos facer desde a escola?
Non é unha inferencia nin unha intromisión velar polo benestar dos nenos. Escoitar e falar cos pais, aconsellalos, facerlles ver que nos decatamos de esas anomalías na atención dos seus fillos, mesmo facilitarlles os contactos con organismos e institucións que poden axudalos ao tempo que, advertilos que de persistir esas situacións de risco, antepoñeremos o benestar do neno ou nena sobre todas as demais cousas.
Insistimos unha vez máis en que na escola hai que educar nos dereitos, pero tamén cumprir coa nosa responsabilidade de garantir o acceso de todos os nenos a eses dereitos. Non é unha cuestión de valentía senón de compromiso profesional.
No hay comentarios:
Publicar un comentario