Ademais de animar á cidadanía a agasallar un libro en galego e unha flor nese día, a AELG convoca para o día 24 de febreiro deste 2014 o programa GraffitiRosalía, dirixido a toda a sociedade galega, e especialmente aos centros de ensino de toda Galicia, para realizaren nos propios centros ou en espazos públicos coa colaboración dos concellos, ademais de lecturas da obra rosaliana, unha acción colectiva en torno á figura de Rosalía de Castro co obxectivo de visibilizar os seus versos en espazos públicos e comunitarios.
Así pois, proponse a todos os centros educativos de Galicia para que, en muros ou paredes habilitadas a tal efecto, nos propios centros de ensino ou nas súas proximidades, grafiteen algún verso de Rosalía de Castro, de modo que o alento da súa voz se faga presente continuo para toda a cidadanía galega.
Esta intervención visual e artística poderá ir acompañada do recitado dos seus versos, ou de calquera outra actividade que contribúa a dinamizar e dar pulo á obra poética de Rosalía de Castro, en canto símbolo colectivo.
Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega póñense á disposición dos centros de ensino os seus medios dixitais e de comunicación e difusión nas redes sociais para recompilar e difundir todas aquelas ligazóns onde as comunidades escolares dispoñan as súas actividades organizadas para este día. Para isto é preciso que desde os centros confirmen á AELG a súa participación no desenvolvemento destas actividades e, en segundo lugar, fagan chegar este material para amplificar o seu coñecemento e visibilidade ao seguinte enderezo: oficina@aelg.org

http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=g_tEH4K8rqM

Todas con Rosalía

"Rosalía non entende de donos; naceu libre e está viva".

Un grupo de escritoras galegas quixo unirse para continuar dando vida a Rosalía. Así, organizándose espontaneamente a través das redes sociais, decidiron colaborar na gravación dun vídeo colectivo no que teñen cabida escritoras e non escritoras, nenas, mozas e vellas, feministas, transfeministas, actrices, vendedoras, estudantes, afectadas polas preferentes, libreiras, mulleres contra o maltrato, mestras, profesoras, persoal sanitario, ecoloxistas... Mulleres falando de mulleres, e ao tempo, falando de todos, falando dos que aquí e agora sofren. Este vídeo coral pretende seguir o exemplo de conciencia e rebeldía da grande escritora ao recitar os seus versos desde o presente. As gravacións amateurs foron montadas e editadas pola cineasta Raquel Rei. Participan, entre moitas outras, Mónica Caamaño, María do Cebreiro, María Xosé Queizán, Teresa Seara, Helena Villar Janeiro, Xulia Alonso, Eva Veiga, Yashmina Shawk, Begoña Paz, Mónica Bar, Rosa Enríquez, Lucía Novas, Inma López Silva, Estíbaliz Espinosa, Laura Bugalho, Rosalía Fernández Rial, Verónica Martínez, Rexina Vega ou Comba Campoy.


">

Rosalía de Castro


More PowerPoint presentations from biblioteca vales villamarin