Cada libro que o alumnado ten
a oportunidade de ler é unha ocasión para ampliar a súa imaxinación e aumentar
os seus coñecementos, de aí a importancia
da selección de lecturas que se pon ao seu alcance. A
ilustradora encargada este ano de interpretar o lema elixido foi Bea
Lema, quen nos ofrece unha imaxe evocadora deses mundos
imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír.
En tempos confusos como os
que estamos a vivir cómpre volver ás orixes, ao fundamental: a lectura e toda a
súa potencialidade, sen esquecer outras oportunidades da biblioteca escolar
para unha formación integral do alumnado. Atravesar o mapa da lectura pode
facerse desde distintas ópticas, comezar a viaxe desde distintos portos:
- Pescudar nas lecturas que
convidan a viaxar, a explorar, a investigar. Lecturas que nos permiten chegar
lonxe sen movernos da escola (ou da casa). Lecturas que axudan a incentivar o
inconformismo, a necesidade de coñecer outros mundos, de ampliar a nosa visión,
de "ler o mundo".
- Configurar o
itinerario lector como punto de partida da nosa xeografía lectora.
- Debuxar o mapa das nosas
curiosidades, exploracións e descubrimentos a través das lecturas.
Descubrir as relacións entre identidade e lectura.
- Observar o modo en que
cambiou a nosa xeografía lectora durante o período de confinamento (os nosos
hábitos, as nosas lecturas...).
- Saber que somos os nosos
propios cartógrafos, os que organizamos o noso espazo lector (e o noso
"liberespazo", o sistema de lecturas que imos creando ao longo da
vida).
- Observar o noso corpo como
un mapa de coñecemento, achegarnos á práctica da lectura a través do propio
corpo. Descubir a capacidade reparadora da lectura.
- Deixarse levar polas
relacións entre cartografía e literatura, que convidan á aventura
(debuxar espazos peritextuais, con mapas e planos que crean expectativas e
acompañan na aventura lectora, debuxar mapas que representan mundos coñecidos e
mundos imaxinarios, relacionar as nosas lecturas a través de "constelacións literarias", en
función da temática, os personaxes...).
No hay comentarios:
Publicar un comentario