No patio do Ceip temos asistido estes últimos días a un espectáculo da Natureza; unha das plantas que leva aí uns 25 anos, nesta primavera, aproveitando que estamos confinados, deulle por botar un enorme brote central que nos deixou atónitos. Deseguida Aurora nos preguntou: que está a pasar? Así que acudimos ó noso amigo e admirado Tomás (autor tamén dos paneis que xa hai varios anos puxemos no Centro sobre as árbores que temos no patio). E velaquí este texto de Tomás García. Moitas grazas!
O agave, maguei ou pita do CEIP Rosalía de Castro
Esta planta, agave, maguei ou pita,
Agave americana; procede de México e pertence a un grupo numeroso, unhas
300 especies, do xénero Agave. Foi moi estendida por todo o mundo, practicamente
dende a chegada dos colonizadores a esa
zona do mundo habitada que lle deron por chamar América. Os múltiples empregos
que se realizaban dela, xa en orixe, por culturas ancestrais anteriores a esa
colonización, facilitaron a súa expansión polo mundo. Un alto valor ornamental,
con diferentes variedades para xardinería, a obtención de numerosos subprodutos,
(quen non coñece o tequila ou as fibras téxtiles (sisal)?);o seu emprego en
medicinas tradicionais ou a investigación médica na actualidade.
É unha planta suculenta, resistente
a factores ambientais moi extremos, xeadas, altas temperaturas e falta de auga,
permitiu a súa introdución en zonas áridas para o seu cultivo, pero tamén, dada
a súa facilidade para expandirse está considerada como invasora. Se a
plantamos, temos que controlar o seu cultivo.
Estes días, no patio do CEIP
Rosalía de Castro, un maguei está a chegar á plenitude, despois de vivir máis
de 25 anos está a dar unha inflorescencia múltiple para producir sementes e
morrerá a roseta basal, a que foi usada pola súa beleza. A vida continuará
doutro xeito, a través de pequenas plántulas que foron nacendo na base ou a
través das sementes, pero aquí é difícil que cheguen a formarse xa que nos
falta a especie de morcego que a poliniza no seu lugar de procedencia, México. Esta inflorescencia espectacular, que
pode acadar máis de 10 metros, crece cunha rapidez extraordinaria, e case a
competir en altura co abeto de Douglas que ten de compañeiro; case a veríamos medrar se a
estiveramos a observar fixamente. Os rapaces, rapazas, traballadoras e
traballadores deste colexio perderon ver en directo este regalo da natureza, quizais
despois do confinamento vexan seca a roseta basal e a flor que a levou ata o
seu ocaso. Ao mellor unha nova pequena roseta sega este proceso de vida no
lugar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario