12/9/17

Aprender a pensar coa biblioteca escolar

"Aprender a pensar coa biblioteca escolar" é o lema escollido para os materiais que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria edita a comezos do curso 2017/2018 con destino ás bibliotecas escolares dos centros educativos galegos. O ilustrador Xosé Tomás foi o encargado, nesta ocasión, de realizar a  interpretación gráfica do lema anual. 

Atender a biblioteca escolar do centro supón, para comezar, o reto de deseñar un espazo no que poidan pasar cousas. Un espazo que acolla a todos e todas e que mesmo (como na ilustración de Xosé Tomás), teña a capacidade de "abducir" as persoas usuarias, de trasladalas a situacións gratas de aprendizaxe. Seleccionar os materiais, organizar os recursos, facilitar o seu uso e organizar as actividades para a biblioteca escolar son tamén actuacións que, segundo o enfoque e o criterio co que se realice, poden facilitar ou dificultar esas aprendizaxes posibles. 

Unha biblioteca  escolar actualizada no seu modelo, nos seus recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu pensamento crítico, a "aprender a pensar".
 
Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos  para desenvolver o pensamento complexo.
Aprender a pensar nas clases de filosofía, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio. 

A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir. 

                                                                      http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/

No hay comentarios:

Publicar un comentario