29/1/25

Encaixando melodías

 "A música pode cambiar o mundo porque pode cambiar ás persoas." Bono, cantante da banda británica U2

O CEIP Rosalía de Castro, dentro do programa educativo no que participa chamado "Polos Creativos", realizou unha actividade utilizando o primeiro material recibido neste curso 2024-2025.

Trátase dun proxecto musical chamado “Encaixando melodías” no que o alumnado tiña a tarefa de crear música. Para iso, o material incluía un kit onde podiamos atopar unha pequena máquina musical, cintas musicais e o perforador, grazas ao cal os cativos gravaban a melodía escollida nas cintas.

As máquinas de música programables mediante tarxetas foron uns dos primeiros autómatas empregados pola humanidade. As tarxetas, perforadas por pequenos buratos, foron usadas en teares no mundo téxtil e tamén, con posterioridade, nos primeiros ordenadores. Neles, os pequenos anacos de cartolina proporcionaban información e eran un medio para o ingreso de datos na computación.

Este material foi utilizado nas clases de música onde participaron alumnos e alumnas de todos os cursos, adaptando a dificultade e o nivel a cada un deles, facendo así uso das metodoloxías activas e o deseño universal para o aprendizaxe (DUA).

Neste caso en concreto, podemos ver aos alumnos de 5º de Educación Primaria que grazas a este material, complementan a súa formación e asimilación das cancións “Jingle Bells” e “O Himno da Alegría” de Beethoven que estiveron a traballar neste trimestre. Os nosos pequenos e pequenas artistas, son capaces de realizar a lectura da partitura, interpretalas coa súa voz, transcribilas nas tiras de cartón para poder así interpretalas coa “pianola”. Grazas a todo isto, traballouse ritmo, melodía, historia da música, linguaxe musical e interpretación dun xeito ameno, diferente e divertido.

No hay comentarios:

Publicar un comentario