Despois da presentación feita ao Concello de Xinzo de Limia dos materiais elaborados (máis de 30 pictos cos edificios de servizos públicos) no curso pasado dentro do Proxecto de Formación Permamente do Profesorado (PFPP) na súa liña de Sistemas de Comunicación Alternativos e Metodoloxía TEACCH, implantadas no funcionamento da Aula Específica do noso centro, chegou o día de velos colocados por toda a nosa vila.
Nunha primeira visita por parte do alumnado e o profesorado desa aula ao concello, onde foron recibidos pola alcaldesa da nosa vila, xunt@s percorreron algúns dos edificios nos que se colocaron estes signos gráficos.
No día de hoxe o alumnado da aula de sexto curso de EP, grupo no que se integra e convive o noso alumnado con NEE, recibiu unha sesión de formación conxunta sobre que son os pictos, para que se empregan e para que tomen conciencia da súa importancia na comunicación destas persoas ás que fundamentalmente vai destinado, así como o respecto e coidado por estes sinais que a partir de agora poderán atopar nos edificios públicos de servizo na nosa vila.
E despois saímos a... CAZAR PICTOGRAMAS polas rúas da nosa vila !!!!
Resaltar tamén que Xinzo de Limia convértese no primeiro concello da provincia de Ourense e un dos poucos de toda Galicia que ten este sistema alternativo de comunicación para identificar os seus edificios, e que en breve aparecerá así identificado na páxina oficial de ARASAAC (http://aulaabierta.arasaac.org/mapa-de-arasaac-visual), do que informaremos puntualmente cando así se produza.
Dar as grazas ao Concello de Xinzo de Limia e ao persoal da súa Brigada de Obras pola súa total colaboración neste proxecto e dar os nosos parabéns ao resto de persoas deste proxecto, especialmente ás profes de Xavi e Valeria, Ana, Elena e Luz, pola súa implicación e compromiso neste e noutros moitos proxectos levados a cabo con este alumnado tan especial!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario