1/10/20

A lectura alimenta as caldeiras do cerebro

Ler non é un gran placer. ÉCHE UNHA obriga moral. Para pensar e reflexionar. E pescudar ata chegar ás propias conclusións. Tamén para gozar. Para perderse na viaxe interminable dun libro, extensión da imaxinación e da memoria, dicía Borges. Importante é o camiño, a festa do verán, xoias e perfumes no mercado de cada porto, cantan os versos de Kavafis. Todo o que atesoura a viaxe é preferible a Ítaca. Case é o itinerario que percorre entre as follas cada libro.

Ler é unha necesidade. Se non lemos, como imos aprender a escribir? Se non sabemos escribir, como imos pensar? E se non sabemos pensar, xamais chegaremos a ser humanos. No corazón do libro late o rumor do poderoso silencio. Percorres inéditas sendas do pensamento. Descobres o mundo e tamén o mundo dos outros. E se persistes, ata os propios adentros.

A cunca das mans que sosteñen o libro énchese co dourado po da beleza, a textura do tempo, todos os aromas dos ociosos paseos polo xardín das palabras. E que máis? vestidos adolescentes da primavera, a morna luxuria do sol, todas as esculturas que desnuda o inverno, o viño novo do outono. E que máis? Ulises e Safo. A estilizada beleza de Nefertiti e os seis mil crucificados con Espartaco. Cervantes da man de Shakespeare. A tantos filósofos desfalecidos na procura da verdade. Nos libros late o medo que queimou a bruxas que só querían ser mulleres. Figuras como Gandhi, a nosa Rosalía, Marie Curie, Olof Palme vivirán sempre nos libros.

E que máis? A pólvora dos canallas. Versos quentando o corazón. Dragóns nos contos infantís. Bolboretas e todas as alas do ceo. Soños. E realidades: en 2018 editáronse 62.180 títulos. Medran os lectores aínda que un 38,2% non le nunca. Mágoa, pero ler, como amar, non soporta o imperativo.

Non poden gañar os desprogramadores do cerebro, ese big bang con cen mil millóns de neuronas. Enleadas en billóns de sinapses, nelas aniña a intelixencia e a fantasía. E os odios. As pulsións do sexo e os latidos da solidariedade. Creatividade para recrear un mundo onde importan todas as veciñanzas dos seres vivos.

Cada libro éche unha viaxe a rexións xamais visitadas. Por exploradores vacinados contra as enfermidades dos fundamentalismos, ou o camiño unidireccional. Do fascismo, ou o matonismo da violencia e do odio. Do fanatismo ou nada máis que a miña verdade. Por iso, a primeira lección do ler é a dúbida razoable. A lectura alimenta as caldeiras do cerebro. Contra os manipuladores e sicofantes e a feligresía onde medra o ruído, os berros, os fanatismos inventáronse os libros. Son baratos. Gratuítos nas bibliotecas públicas. Nunca excesivos. Duran toda a vida. Sempre volvemos a eles. Algúns terán un lugar privilexiado nos faiados da memoria.

Si, ler non é un gran placer. É moitísimo máis. E tamén un gran placer.

Un artigo do amigo

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario