Que é o Correlingua?
Desde a Asociación Cultural Correlingua vimos organizando unha
actividade de carácter nacional que transita dunha a outra localidade
cun denominador común que é a normalización lingüística da mocidade e a
infancia. Para isto contamos coa axuda loxística da CIG-Ensino, a Mesa
pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega,
así como coa colaboración das deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo
e os concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense,
Pontevedra, Vigo e Lugo, entre outros.
CORRELINGUA, denominación que adoptaron de maneira común as diversas
carreiras en prol do idioma que se convocan no país, é unha proposta de
carácter lúdico-educativo que pretende convidar á mocidade e á infancia e
aos centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación
do dereito a medrar en galego e tamén a exercer de maneira efectiva como
galegos e galegas a través do uso do noso idioma, única forma de
garantir o seu futuro.
O Correlingua, que xa vai pola súa décimo oitava edición, alcanzou ao
longo destes anos unha alta participación dos centros de ensino e do
alumnado, así como o apoio de persoeiros e organizacións de todo tipo.
Por que naceu o Correlingua?
O interese que ten a normalización lingüística entre a mocidade é
evidente se temos en conta a importante perda de falantes que se está a
producir entre a poboación máis nova, situación que confirman os
diversos estudos que se teñen realizado, como os datos recollidos e
analizados polo IGE no 2013. É preciso, xa que logo, chamar a atención
de todas as instancias político-sociais a respecto da necesidade de
intervir de maneira efectiva no mantemento e difusión do idioma e
facelo, pola súa vez, coa participación activa das propias
destinatarias: a mocidade e a infancia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario