26/10/15

No Samaín traballamos este sentimento

O medo
Cando o corvo da noite se pousaba
nas derradeitas luces do solpor,
os meus ollos de neno
enchíanse de bágoas e de lóstregos.
O vento que fungaba nas vereas
era un home langrán envolto en brétema
cun fol ó lombo pra levar meniños. 
Os albres semellaban
pantasmas de cabalos desbocados
agallopando os eidos.
Un medo que me viña das
raíces do mundo
tremíame no sangue.
Pasaba o xornaleiro asubiando
con dous luceiros prendidos na eixada,
i eu tiña medo.
Pasaba o cazador
con bafexantes cans
arrecendendo a toxos e carqueixas
i eu tiña medo.
Pasaban de ruada os fortes mozos
que voltaran da guerra tan contentes,
i eu tiña medo.
Ao pasar ó meu lado e verme os ollos,
alporizados, pasmos, decíanme:
“Non teñas medo”,
 i eu tiña medo
Soio cando chegaba ós meus ouvidos
a doce voz de mel da miña vella,
xa non tiña medo.
Agora non comprendo
como aquil ser cativo,
aquela vella nena tan endébel,
(nos eus ollos azures
había luces de amenceres novos)
podía escorrentar tan grande medo.

O soño sulagado, Celso Emilio Ferreiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario