9/2/23

Sentimento... Tradición... Respecto!!!

Hoxe estiveron con nós no noso centro Carlos e Leticia, da Asociación Cultural "A Pantalla"

Esta asociación naceu en Xinzo de Limia no Entroido do ano 1996. A súa finalidade é a protección, promoción e difusión do noso símbolo de identidade cultural máis significativo, a Pantalla.

Despois de moitos anos traballando duramente, a Asociación Cultural A Pantalla comeza en abril do 2017 un novo rumbo.

Renóvase a directiva realzando de novo o labor da asociación, ampliando o número de socias e socios e reconducindo unha vez máis o traballo para acadar os obxectivos xa mencionados e ampliando os campos de actuación.

Este novo período que vive a asociación está cargado de actividades e novas iniciativas, que se desenvolven en diferentes campos e ámbitos de traballo, para chegar a trasmitir a verdadeira esencia de ese Entroido máxico e tradicional que herdamos dos nosos antepasados.

Recollendo palabras de Castelao: "A verdadeira tradición non emana do pasado, non está no presente, nin se alvisca no porvir; non é serva do tempo. A tradición é a alma eterna de Galicia, que vive no instinto popular e nas entrañas graníticas do noso chan. A tradición non é a historia. A tradición é a eternidade e revélase no idioma, no espírito, na cultura, na arte , no xeito de vivir e pensar". (http://apantalla.gal/)

O alumnado de terceiro e cuarto contaron tamén coa participación de Anxo, de quinto de Educación Primaria, que ensinou @s seus compañeir@s o xeito perfecto de como vestir o noso traxe por excelencia para o Entroido!

Unha gran rolda de preguntas puxo fin á exposición que Carlos e Leticia fixeron, aos que non nos queda máis que agradecer poder contar con el@s un ano máis. Que comece a festa! Que empece o tempo de Entroido! #unsentimento






No hay comentarios:

Publicar un comentario