5/10/24

¡Ourense sobre rODaS!

"Cada un de nós podemos facer cambios na forma en que vivimos e ser parte da solución ao cambio climático.  Al Gore, exvicepresidente dos EUA"

A Deputación inicia a campaña Ourense sobre rODaS!, que achegará os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible a concellos e centros educativos da provincia, no marco do proxecto OU DS Axenda 2030 – financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.Esta campaña permitirá achegar os ODS a 12 concellos e 18 centros escolares, difundindo e sensibilizando á poboación ourensá co desenvolvemento sostible.
Nos centros escolares dos 18 concellos participantes haberá actividades dirixidas ao alumnado de infantil e primaria e, entre os maiores, promoverase a importancia de coidar o medio ambiente e a natureza, temas asociados ás metas 13, 14 e 15 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030, mentres que os máis pequenos poderán gozar de fantásticos conta contos. (https://21noticias.com/2024/09/16/comienza-la-campana-ourense-sobre-rodas/)
O alumnado de 5º de Educación Infantil do noso centro foi o destinatario desta campaña e puideron realizar unha sesión de contacontos co título de Capitán Verdemán, un novo superheroe para un novo mundo que nunha pequena cidade que está a afogarse nas cheas de lixo, pola preguiza e o malgasto dos seus habitantes aparece  para rescatar á cidade e demostrar que a reciclaxe é divertido.
Posteriormente todas as nenas e nenos de catro anos realizaron un obradoiro con distintas actividades relacionadas coa reciclaxe e  todo o que acababan de aprender nese conto.

2/10/24

BENQUERER: A nova aposta de Xinzo pola igualdade e o respecto

"Un home só ten dereito a mirar a outro cara abaixo, cando ha de axudarlle a levantarse." Gabriel García Márquez, escritor colombiano.

O Concello de Xinzo de Limia, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres, puxo en marcha BENQUERER: un programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero.

Esta iniciativa do Concello de Xinzo de Limia ten como obxectivo promover a igualdade de xénero e a prevención da violencia de xénero a través da educación nas prácticas e valores de bo trato como modelo alternativo ao maltrato para a construción de vínculos igualitarios. Dende BENQUERER fomentarase a resolución positiva de conflitos, o reparto de tarefas e responsabilidades, o diálogo, a non discriminación e o respecto á diversidade.

O programa inclúe obradoiros dirixidos o público en xeral que complementarán no mes de setembro con actividade nos colexios e institutos de Xinzo coordinadas dende o CIM. Nesta ocasión, foi o alumnado de sexto de Educación Primaria do noso centro o que participou nestes obradoiros.

Este proxecto do Concello de Xinzo de Limia, a través da Concellería de Servizos Sociais e Igualdade e o Centro de Información ás Mulleres está financiado pola Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Ademáis, O programa BENQUERER inclúe tamén a Liña Malva, un servizo de atención continuada a través dunha liña telefónica para a información, asesoramento e primeira atención en situacións de maltrato, relacións, saúde e sexualidade. Un servizo posto a disposición en horario amplo (de 9 a 21h) no 669945220, atendido por profesionais especializadas que brindan escoita, cercanía, confianza, libres de xuízos e facilitando a comunicación e a atención.

1/10/24

Primeira reunión do Consello da Infancia

"En cada neno deberíase poñer un cartel que dixese: Tratar con coidado, contén soños." Mirko Badiale, filósofo italiano.

Este  curso desde o Equipo de Convivencia propuxemos a creación do Consello da Infancia, un órgano que pretende ser a voz do alumnado para mellorar a convivencia no centro. 
Despois de levar a cabo dentro de cada aula de Educación Primaria todo o proceso de elección de representantes do alumnado, o noso Consello da Infancia reuniuse por primeira vez no Espazo Creativo do centro.
unha vez feitas as presentacións, e coa presenza do director e da orientadora do centro, este Consello pasou a escoller a súa/o seu presidenta/e e secretaria/o. 
Comprobando que a maioría dos seus membros querían participar activamente dentro deste órgano, decidiuse por unanimidade que ambos cargos serían rotativos ao longo de todo o curso escolar.
Rematamos esta primeira sesión co encargo da tarefa de recoller entre todo o alumnado do centro aquelas iniciativas que poidan mellorar a convivencia no centro.