"Os bibliotecólogos non teñen todas as respostas, pero, sen dúbida, saben como atopalas"
O alumnado de sexto xoga un papel fundamental dentro da nosa Biblioteca Escolar e do Espazo Creativo do centro. El@s son os encargad@s de colaborar no préstamo de libros, na colocación dos exemplares devoltos, aconsellando ao alumnado máis pequeno na escolla de títulos e outras moitas funcións que desenvolven ás mil marabillas!
Este ano contamos cunhas novas prendas que os identifican e que son máis sinxelas de usar e, tal como podedes comprobar, son moitísimo máis visibles.
Dende aquí, agradecer ese rol que este alumnado fai, "sacrificando" o seu tempo de lecer para atender e axudar a tod@s @s seus/súas compañeir@s!!!
"Unha librería é unha das poucas evidencias que temos na actualidade de que a xente segue pensando." Jerry Seinfeld (cómico e escritor estadounidense)
Nunha época na que cada vez é máis frecuente os envíos a domicilio por Amazon ou calquera outro servizo, bótase en falta o contacto que dá acudir á librería de barrio, charlar co libreiro de quenda e, sobre todo poder sentir os libros fisicamente, de primeira man, e pasar as súas follas ata decidir cal levar a casa. É este un marabilloso ritual que se está perdendo cos anos e que con esta festa tod@s temos a oportunidade de recuperar.
Nós seguimos recomendando as librarías da nosa vila: Libraría Saraiba, Libraría Follas Novas, Libraría Naville, Libraria Galaica, Libraría Vidal, Libraría Carlin e Libraría Espazo Lector Nobel para adquirir todos eses "marabillosos artefactos" que nos permiten viaxar e coñecer outros mundos: os libros. Falar con esas persoas, os libreiros e as libreiras, que coñecen mellor que ninguén todas as posibilidades que temos ao noso alcance e deixarnos aconsellar por elas, sabemos que é un éxito seguro á hora de comezar a ler calquera título literario.
O ilustrador madrileño Javier Navarrete, coñecido como "El Chico Llama", foi o encargado de deseñar a ilustración da edición deste ano do Día das Librerías, coa que quixemos destacar que nas librerías hai vida.
Sobre a ilustración Javier cóntanos:
“Na gran maioría das miñas ilustracións sempre inclúo persoas lendo… Son instantes individuais e privados que non adoitamos dar importancia, pero que entrañan beleza en si mesmos. Sempre tiven as librerías como un espazo case máxico cargado de historias que che convida a abandonar o trafego das rúas e a viaxar a lugares remotos simplemente cruzando a porta. Ter a oportunidade de ilustrar o cartel do Día das Librerías 2023 foi unha sorte porque me permitiu, en certa maneira, poder recrear esa sensación e representar con vectores o que sinto ao visitar unha librería de toda a vida, onde un libro en si mesmo convértese en librería e ábreche as súas portas a un mundo cheo de aventuras.” (https://www.diadelaslibrerias.es/presentacion/)
"Chegará un día que os nosos recordos serán a nosa riqueza."
Paul Géraldy (1885-1983) Poeta e dramaturgo francés.
"En la Agrupación Comarcal nº1 de Ginzo de Limia y bajo la presidencia de la Inspectora Dña. Mª Pura Sánchez con asistencia de ..." Así comeza a acta nº 1 do primeiro Libro de Actas do noso centro, que recolle a primeira reunión do claustro do profesorado celebrada alá polo novembro do 1974...
Segundo nos relata Gonzalo Iglesias Sueiro, segundo director dos catro que ata o de agora ten tido o noso cole, o centro recibiu o primeiro alumnado un frío luns, 11 de novembro, San Martín de Tours, do 1974, fai hoxe corenta e nove anos...
Son moitas as vivenzas e anécdotas que tod@s nós poderiamos contar do acontecido estes anos e moitas as mestras, mestres e sobre todo, nenas e nenos que teñen pasado polo noso centro, hoxe algúns e algunhas máis recoñecid@s e outr@s máis anónim@s.
Pero non cabe dúbida que tod@s el@s (familias, persoal docente e non docente e todo o alumnado) son o máis importante do noso cole e xa forman parte da historia del e hoxe, 11 de novembro de 2023, queremos recordalos e darlles unha forte aperta como rosalian@s que tod@s somos.
Os recordos son a nosa riqueza, di Géraldy, e non temos ningunha dúbida que a infancia de moit@s está forxada en gran parte polas boas lembranzas que viviron dentro desta nosa "Agrupación Comarcal nº1 de Ginzo de Limia"... O noso cole Rosalía!
"O que coñecemos é unha pinga, o que non coñecemos é un océano." (Isaac Newton)
Celebrado cada 10 de novembro, o Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento destaca o importante papel da ciencia na sociedade, e a necesidade de involucrar a diversas audiencias nos debates sobre temas científicos emerxentes. Tamén subliña a importancia e relevancia da ciencia na nosa vida cotiá.
Este ano 2023, o Día Mundial da Ciencia celébrase baixo o lema: Xerar confianza na ciencia.
A ciencia só pode asumir plenamente o seu papel na configuración do noso futuro colectivo se xera confianza. De feito, é a confianza na ciencia o que impulsa o desenvolvemento e a aplicación de solucións baseadas en evidencia para resolver os múltiples desafíos do noso mundo.
A confianza na ciencia é unha cuestión complexa. Afecta a forma en que traballan os científicos e a forma en que a sociedade percibe a ciencia. Ademais, xerar confianza na ciencia tamén fortalece as decisións políticas baseadas na ciencia e o apoio social para a súa implementación. (https://www.unesco.org/es/days/science-peace-development#theme)
Para aprender máis e ter lecturas moi amenas e axeitadas a cada idade as #bescolaresgalegas, mediante a súa plataforma de préstamos dixitais para as Bibliotecas Escolares (E-LBE.2) pon ao dispor de todo o noso alumnado unha gran selección de títulos relacionados co campo da ciencia. Preme na imaxe para acceder ao catálogo e co teu carné da Biblioteca do cole poder acceder ao préstamos deses libros. Un xeito distinto de conmemorar este Día Mundial da Ciencia.
O espazo creativo da nosa Biblioteca Escolar... non para! Ademáis da hora que cada grupo ten asiganada semanalmente para facer outro tipo de aprendeizaxes neste espazo, é moito o alumnado que, por quendas, emprega este lugar para pasar o seu recreo.
Espazos de aprendizaxe diversos para acadar destrezas competenciais mediante actividades lúdicas!!
Seguindo o fío do mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, queremos lanzar unha nova actividade relacionada con este eido. Desta volta pensamos nun concurso que mesture creatividade a través da fotografía e o uso da tecnoloxía con fins creativos e divulgativos. Para tal fin, lanzamos para a nosa Comunidade oI Concurso de Montaxe Fotográfica e Ciencia.
Para participar deixamos a información no seguinte cartel e a continuación do mesmo as bases do concurso. Esperamos que o disfrutedes en familia e que vos animedes a participar.
1. Pode participar todo o alumnado matriculado no CEIP Rosalía de Castro.
2. Podemos entregar unha proposta de montaxe fotográfica por alumno ou alumna.
3. As propostas teñen que ser orixinais ( montadas e fotografiadas por nós mesmos) e non poden incluir imaxes de persoas nin imaxes copiadas e pegadas da Internet.
4. Podemos utiliza programas de edición de fotografía mesturados con imaxes reais montadas por nós.
5. As montaxes deben estar relacionadas coa temática da Ciencia e o ámbito científico.
6. As propostas enviaránse por correo electrónico antes das 23.59 do día 26 de novembro de 2023 a:
acharcadoslibros@gmail.com
Indicando: nome e apelidos do alumno/a autor/a, curso e título da proposta.
Debemos engadir nun arquivo adxunto a imaxe en formato jpg ou png.
Faremos unha exposición de propostas no blog da charca dos libros e no propio Centro unha vez selccionadas e valoradas polo Equipo de Biblioteca.
HABERÁ PREMIO PARA AS TRES PROPOSTAS MELLOR VALORADAS!
"O patrimonio cultural inmaterial ou “patrimonio vivo” refírese ás prácticas, expresións, saberes ou técnicas transmitidos polas comunidades de xeración en xeración" UNESCO
Este ano 2023 cúmprense 20 anos da aprobación da Convención da UNESCO do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) e consideramos un bo momento para reflexionar sobre os efectos da sua aplicación despois de dúas décadas de funcionamento, e tamén sobre o papel da educación superior na identificación, valoración, interpretación e dinamización do PCI a través da educación, entendida esta nunha perspectiva holística.
A organización “Ponte....nas ondas!”, ONG consultora da UNESCO desde 2015 e recoñecida en 2022 como modelo de boas práticas do PCI na UNESCO, o Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo, a “Facultade de Educación e Traballo Social” da Universidade de Vigo e a Universidade Trás-Os-Montes e Alto Douro (UTAD), organizan este 6º Congreso Internacional en colaboración coas institucións, universidades e outras organizacións do PCI co propósito de dar impulso ao uso educativo do PCI.
Sempre é un bo momento para achegar ó alumnado á Ciencia e aprender a través da experimentación. Con esta proposta pretendemos que a BIBLIOTECA e o ESPAZO CREATIVO faciliten este tipo de experiencias durante este mes e, por suposto, o longo de todo o curso.
No mes de novembro, o reto é: investigamos para coñecer a importancia da fauna e flora e conservar a nosa biodiversidade, os diferentes hábitats e o patrimonio natural. Hashtag: #RetoInvestigamos.
É dicir, ás fotos ou vídeos dos retos que subades ás vosas redes sociais, ao longo do mes de novembro, debedes engadir: #AccionVozNatura #RetoInvestigamos (ademais de etiquetarnos con: @voznatura).
"Un mapa do século XVIII no que se agocha un segredo. Unha carta escrita por un home ás portas da morte. A antiga lenda dunha cidade asolagada baixo as augas da lagoa de Antela. Unhas antigas torres que protexen e limitan un mundo diferente. Un mundo onde se agochan os exércitos de cínifes que seguen a agardar polo seu rei Artur. Un mundo no que o tempo non existe. Un mundo no que, de atopar a entrada, acadas algo inimaxinable: a inmortalidade"
Edicións do Cumio publica O trasmundo de Antioquía, novela que o ourensán Rafael Laso ambienta nun mítico mundo oculto baixo as augas da lagoa de Antela. Valéndose dunha íntima conxunción entre realidade e ficción, entre o histórico e o fabulado, Rafael emprega a narración legada por un avó ao seu neto para conducirnos polo fabuloso trasmundo da lagoa. Deste modo arranca unha viaxe chea de probas, perigos sobrenaturais e sobre todo historias, as cales entroncan con aquelas crenzas populares que sobreviven neste mundo e coa mitoloxía artúrica.
Unha obra chea de imaxinación na que a esperanza e a crenza de que hai un lugar onde as historias que nos contaban de nenos nunca morren se convirten pouco a pouco no tema central e último do libro. (http://culturagalega.gal/lg3/novidade.php?Cod_prdccn=1702)
Estamos tod@s convidad@s á presentación desta nova novela do autor nado na nosa vila e que nos achega a espazos moi recoñecibles para tod@s nós. Para non perder!!
“É paradoxal que moitos educadores e pais aínda diferencien entre un tempo para aprender e un tempo para xogar sen ver a conexión vital entre os mesmos."
Leo Buscaglia (profesor no Departamento de Educación Especial da Universidade do Sur de California)
O Equipo de Dinamización Lingüistica do noso centro preparou unha xincana, aproveitando o circuito permanente de orientación instalado por Trictrark no patio do cole, onde o alumnado ten que buscar unha serie de preguntas relacionadas, neste caso coa celebración do Samaín, guiándose por un mapa, acadando unha puntuación que se sumará ao final da proba no punto de reunión.
Un xeito distinto de aprender de maneira lúdica, cambiando os espazos tradicionais de aprendizaxe e traballando distintas competencias educativas.
”Calquera podía ver que o vento era un vento especial esta noite, e a escuridade adquiría un cariz especial porque era a véspera de Todos os Santos”.
Ray Bradbury. escritor estadounidense de ciencia ficción
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor.
Todo o alumnado do centro participou da celebración desta data, vindo disfrazado ao cole e facendo actividades relacionadas con estas datas (cata de alimentos de outono, visionado de películas, ...)
A nosa ANPA tamén contribuiu coa entrega a todo o alumnado de Ed. Infantil e Primaria dunha bolsa "terrorífica" cunha pequena "merenda" de media mañá, que puideron tomar no recreo.
De igual xeito no comedor, da man das nais/pais colaboradoras, tamén tivemos unha decoración "terrorífica" e algún que outro sustiño...
Pero, sen dúbida, todo o alumnado de Educación Infantil foi o que máis gozou desta xornada. Todas as súas mestras prepararon un "escape room" con moitas estacións onde pasaron moi bos ratos de entretemento e de moita diversión. Queredes vel@s? Non perdades este video...
“Aceptar e respectar a diferenza é unha desas virtudes sen as que non se pode escoitar.” Paulo Freire. Pedagogo e filósofo brasileiro
Iniciamos unha serie de xornadas de formación e actualización sobre diferentes temas que están presentes no día a día no noso centro.
Desta volta foi a quenda de todo o relacionado co alumnado de espectro TEA: nocións básicas para identificar as súas principais características, estratexias de aprendizaxe con el@s, pautas de actuación ante distintas situacións que poidan aparecer na aula, ...
Foi unha sesión impartida por Paula Carreiro e Rita Reza de AGAMPI onde puxemos de manifesto que o labor do profesorado debe contemplar as individualidades que ten na aula e darlle, na medida das súas posibilidades e contando cos apoios necesarios, esa atención especial que este e o resto do alumnado precisa. En resumo, a inclusión de todas e todos neste longo camiño de estadía escolar como elemento distintivo do noso centro educativo.
"Porque todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben." Rosalía de Castro. "La hija del mar", 1859
Tiñamos pendente do curso pasado unha actividade englobada dentro do Plan Proxecta do centro, un contacontos pola igualdade, dentro da actuación Donas de Si.
Con ela pretendemos dar visibilidade e empoderamento ás mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega e como punto de partida para traballar nas nosas aulas a igualdade e os estereotipos de xénero.
O escritor Enrique Mauricio presentou ao alumnado de 2º de Educación Primaria a obra e vida da “nosa” Rosalía de Castro, referente máis que coñecido para to@s nós!
Ademais, a ilustradora Tania Solla deunos pautas para crear as nosas propias ilustracións de Rosalía. Resultou unha sesión ben interesante!
"A democracia é o goberno do pobo, polo pobo, para o pobo."
Abraham Lincoln (1808-1865) Político estadounidense.
O pasado venres 28 de outubro e da man do Programa “Coñece as túas institucións”, convenio de colaboración asinado entre o Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade que permite organizar visitas guiadas conxuntas ás sedes do poder lexislativo e do poder executivo galegos para o alumnado de 5º e 6º de educación primaria e alumnado de educación secundaria obrigatoria de centros educativos de titularidade pública da Comunidade Autónoma. Na compaña d@s compañeir@s do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira visitamos o Parlamento de Galicia e o Edificio Administrativo da Xunta deGalicia en San Caetano .
No primeiro coñecemos moitas curiosidades da sede do poder lexislativo de Galicia. Recordamos que as 75 deputadas e deputados que o forman teñen tres funcións básicas e comprobamos, percorrendo dúas das súas tres plantas, que o noso Parlamento é un verdadeiro museo de arte galego con máis de 300 obras de artistas galegos dos séculos XIX, XX e XXI entre os que podemos destacar a Laxeiro, Quesada, Buciños ou Acisclo Manzano entre outros.
Acompañounos o deputado da nosa vila Carlos Gómez Salgado, quen respondeu a un montón de dúbidas que tiñamos sobre o funcionamento e outras moitas curiosidades da nosa Cámara de Representantes. Grazas por acompañarnos sempre que visitamos o Parlamento e polo cariño e atención especial co que sempre nos tratas!
Xa na sede da Xunta de Galicia explicounos Alejandra como este Edificio de San Caetano tivo moitos usos ante de albergar os servizos centrais do goberno autonómico. Foi un instituto para nenas e nenos xordos, hospital militar durante a guerra civil e ata chegou a funcionar como cárcere. Fixemos de secretarios xerais e dos distintos conselleiros que constitúen o noso goberno e aprendemos os ámbitos de xestión dos que se ocupan as distintas consellerías.
Finalizamos esta xornada tan especial na casa da "nosa" Rosalía de Castro en Padrón. Alí observamos as estancias e os aveños que ela e a súa familia empregou nos derradeiros anos da súa vida.
Outra xornada para non esquecer cunha chea de cousas gravadas na nosa memoria, moi difíciles de esquecer.
"A lectura a todos fainos inmigrantes. Lévanos lonxe de casa… pero o máis importante é que nos atopa fogares en todas partes." Jean Rhys (Novelista anglo-caribeña)
Abrimos a nosa biblioteca escolar a novos espazos dentro do cole para
achegarvos aínda máis a posibilidade de poder facer viaxes
marabillosas a través dunha escolla de libros nos que seguro
atopades a oportunidade de coñecer outras realidades. Non dubidedes
en pasar polo Patio das Bolboretas ou polo Patio Inglés de Infantil
para atopar esa escolma de libros que fixemos para vós.
"As emocións son a esencia da vida. Cando temos tempo libre procuramos realizar actividades que activen en nós emocións que nos satisfagan. Sen emocións seriamos como máquinas."
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, foi quen inaugurou o Congreso de coordinadores de benestar e convivencia, onde salientou a aposta da Xunta de Galicia “por garantir que ningún alumno se sinta discriminado e por ofrecer á comunidade educativa unha contorna saudable na que se prime o benestar, a tolerancia e a convivencia positiva”.
Neste encontro, no que participan 1.000 profesionais, destacou que a Xunta ten en marcha a Estratexia Galega de Convivencia Escolar, unha folla de ruta deseñada para orientar aos docentes de cara a mellorar a educación emocional e fortalecer o bo clima de cohesión grupal nas aulas, así como o novo Plan de Benestar Emocional, un documento publicado a inicio de curso que amplía e mellora a estratexia existente, facilitando aos centros, con indicacións prácticas e sinxelas, a aplicación das diferentes medidas.
O congreso contou coa presenza dun dos maiores expertos en educación emocional, o doutor Rafael Bisquerra Alzina, e coa achega de Cristina Gutiérrez Lestón, investigadora no campo das competencias emocionais, que abordou os recursos prácticos que se poden aplicar nos centros neste eido. Así mesmo, houbo un espazo para o intercambio de prácticas exitosas en centros educativos de Galicia, a través da participación de representantes de cinco centros educativos, en concreto os colexios CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco) e CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia), e dos instituto IES Isaac Díaz Pardo (Sada), Maximino Romero de Lema (Zas) e Xograr Afonso Gómez (Sarria).
O encontro pechouse coa actuación musical de alumnado do instituto IES Xesús Taboada Chivite (Verín), representación da actividade que desenvolven no marco do Programa Educación Responsable.
A grandeza dunha nación e o seu progreso moral pode ser xulgado pola forma en que os seus animais son tratados (Mahatma Gandhi)
Contamos hoxe no noso centro con David, representante da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), que é unha federación de asociacións sen ánimo de lucro que se constitúe en febreiro de 2001 e que naceu coa finalidade básica de conservar e recuperar o patrimonio zooxenético que representan as razas autóctonas en perigo de extinción dentro da nosa comunidade.
Falounos un pouco máis polo miúdo da raza “ovella galega”, a mascota da nosa aula, que ten na Asociación de Criadores da Raza Ovella Galega (Asovega), constituída en xuño de 2000 como asociación sen ánimo de lucro e con seis socios fundadores, a súa gran defensora. A partir desa data foi congregando numerosos gandeiros que ingresaron como socios, todos coa preocupación común de recuperar a raza Ovella Galega e levala ao lugar que se merece como patrimonio xenético e cultural da nosa comunidade. Asovega conta co recoñecemento oficial por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar para o Programa de Recuperación da Ovella Galega e a xestión do seu Libro Xenealóxico.
Non queda máis que seguir aprendendo sobre estas razas para poñer en valor todo o que é noso de seu! Anímaste a botarnos unha man?
Comezamos este espazo onde procuraremos actualizar tódalas semanas unha proposta para o espazo creativo da nosa Biblioteca nos recreos.
Nesta etiqueta tamén faremos propostas para cando o alumnado vai nas súas titorías nas horas asignadas o seu grupo (onde tamén poden aproveitar a proposta semanal dos recreos ou plantexar outras dinámicas propias).
Tamén aproveitaremos este novo espazo para visualizar e difundir actividades que levemos a cabo no espazo e moito máis que vaia xurdindo ó longo do curso.
"É inmensamente triste ver como a natureza está a falarnos e os humanos non escoitamos." Victor Hugo
“Unha ameaza chegada dun espazo exterior” é unha exposición itinerante, creada coa financiación da Deputación da Coruña, que trata a problemática da flora exótica invasora no curso medio dos ríos galegos, procurando sensibilizar, educar e motivar cara a acción ambiental responsable no eido das invasións biolóxicas provocadas pola flora alóctona" (https://www.amabul.org/divulgacion-ambiental/)
Da man de Miriam percorremos esta interesantísima exposición onde se nos amosan os perigos aos que a nosa contorna se enfronta diariamente e aprendemos como podemos actuar nós diante desas ameazas.
Unha mañá chea de aprendizaxes e xogos diferentes ao redor do que nos é máis próximo, traballando os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, promulgados pola ONU o 25 de setembro de 2015, onde os líderes mundiais adoptaron un conxunto de obxectivos globais para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todos como parte dunha nova axenda de desenvolvemento sostible. Cada obxectivo ten metas específicas que deben alcanzarse nos próximos 15 anos.
Francesco Tonucci (Pensador, mestre, sicopedagogo e debuxante italiano)
Volve o Espazo Creativo da Biblioteca Escolar a tomar forzas para acoller a todo o alumnado do centro con todos os seus recunchos de aprendizaxe cheos, xa sexa nos tempos de recreo ou nas horas que cada grupo ten asignadas no seu horario.
Xogos de construcción, creación artística, xogos de destreza mental, ... son algunhas das moitas posibilidades que todas as nenas e nenos do noso cole poden atopar neste espazo pensado e feito para aprender xogando e para xogar aprendendo!
"A cura para calquera cousa é auga salgada: a suor, as bágoas ou o mar. "
Isak Dinesen. (Escritora danesa)
Convidad@s polo equipo directivo do IES Lagoa de Antela, asistimos á inauguración oficial do seu Mar de Antela, un traballo interdisciplinar onde estiveron implicad@s 105 alumnas e alumnos do 1º curso da ESO do curso pasado, moit@s del@s, rosalian@s!
É todo un orgullo para nós comprobar como o noso alumnado segue mantendo esa gran capacidade de traballo que xa tiñan na escola, esas ansias de aprender, ese non conformarse co "académicamente" correcto e sempre buscar algo máis.
Non nos queda máis que dar os nosos inmensos parabéns a todo o profesorado implicado e ao equipo directivo do centro neste fermosísimo traballo que esixe horas e horas fóra de horario lectivo e amosa un compromiso co seu traballo e o seu alumnado alén do establecido.
E, por suposto, felicitar a eses 105 nenas e nenos que nos demostran día a día que aprender pode e debe ser divertido e gratificante e que levar adiante proxectos como estes que perdurarán no tempo deixan, sen dúbida, unha pegada difícil de borrar!
"A convivencia non é a ausencia de conflitos, senón a habilidade de lidar con eles de maneira pacífica." Ronald Reagan
Celébrase mañá, 18 de outubro, en Santiago de Compostela o Congreso de Coordinadoras/es de Benestar e Convivencia de todos os centros de ensino de Galicia, onde ademáis da asistencia da nosa coordinadora, tamén fomos escollidos como un dos seis centros que levan a cabo Boas Prácticas neste ámbito tan fundamental na convivencia escolar.
Moi orgullos@s da ponencia que van a levar a cabo Rita e Estefanía diante d@s compañeir@s de toda a Comunidade Escolar!
"A creatividade non se gasta. Canto máis usas, máis tes".
Maya Angelou (escritora, poeta, cantante e activista polos dereitos civís)
Asistimos á xornada de formación de Polos Creativos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
Vencellar o mundo tecnolóxico á creatividade e dotar ao alumnado en igualdade de oportunidades das destrezas e competencias do século XXI son dúas das liñas principais de traballo desta nova iniciativa de innovación educativa na que o noso centro xa leva traballado a través do Espazo Creativo da nosa BE.
A implementación deste novo equipamento que chegará ao noso cole nos vindeiros meses vai supor un salto cualitativo e cuantitativo moi significativo no ámbito de formación tecnolóxica de toda a Comunidade Educativa.
Non queda máis que actualizarse neste proceso de formación continua que as novas estratexias da Consellería propón e coas que estamos convencid@s que o noso alumnado vai adquirir novas ferramentas e competencias coas que afrontar os novos retos educativos que temos por diante.
"O rio tem uma grande sabedoria e sussurra os seus segredos ao coração dos homens”. Mark Twain.
Un ano máis fomos convidados pola Câmara Municipal de Ponte de Lima, a través do Serviço da Area Protegida das Lagoas de Bertiandos e S. Pedro d'Arcos, a participar no XII Abraço ao Rio Lima.
Desta volta estivemos acompañados na propia xornada do Abraço polo CEIP Carlos Casares e para os dous días que alí permanecemos, tamén quedaron en Ponte de Lima @s compañeir@s do CEIP Plurinlingüe das Vendas da Barreira. Tamén estiveron con nós, representando ao Concello de Xinzo de Limia, o concelleiro de Cultura, Turismo, Educación e Relacións Institucionais, Carlos Gómez Salgado e o de Promoción Económica, Emprendemento, Emprego, Participación Cidadá, Festexos e Xuventude, Ricardo Sieiro Opazo. Moitas grazas por compartir estes encontros con nós e facer posible estas fermosas xornadas.
Debemos dar as grazas tamén a todo o persoal do CE das Lagoas que tan ben nos mimou en todo o que respecta a intendencia, coordinados perfectamente por Ana e Sara do Serviço da Area das Lagoas.
Amosar un fondo sentimento de agradecemento ao CE da Feitosa, que nos acompañou en todas as actividades que fixemos. Estamos esperando por vocês e as turmas do CE das Lagoas o vindeiro mês de maio em Xinzo de Limia!
Felicitar a todo o alumnado que tomou parte neste XII Abraço polo seu comportamento exemplar que tiveron estes dous días. Felicitáronos alá onde fomos e a súa participación en todas as actividades que fixemos foi case de dez! Tamén foi destacable a boa harmonía e compañeirismo que houbo no grupo, incluíndo ás cinco alumnas do CEIP Plurinlingüe das Vendas coas que tivemos o pracer de compartir estas dúas xornadas.
E por suposto agradecer especialmente ás titoras do grupo, Pepa, Manuela e Mari e a profe Ana do CEIP Plurinlingüe das Vendas polo seu compromiso, unha vez máis, co traballo que fan, moito máis alá de calquera obriga que poidan ter. Sen elas....nada disto sería posible...Grazas, compañeiras!
E pouco máis. Aquí tedes unha pequena mostra do que vivimos tan intensamente estes dous días, só agardando que chegue maio para darlle unha continuidade a esta fermosa unión que o Rio Lima nos brinda ano a ano…
Hoxe, por fin abrimos a Biblioteca para comezar coas actividades.É interesante que vexades e comentedes a seguinte presentación na vosa clase e cos vosos mestres e mestras titores.
ESPERÁMOSVOS!!!
Co gallo da celebración do XII Abraço ao Rio Lima, o vindeiro martes 10 de outubro o noso alumnado de cuarto de Educación Primaria desprazarase, xunto cos centros CEIP Carlos Casares e CEIP das Vendas da Barreira, á localidade portuguesa de Ponte de Lima para participar nas actividades programadas para esta data pola Câmara Municipal, na que nos acompañarán os concelleiros de Cultura, Turismo, Educación e Relacións Institucionais, Carlos Gómez Salgado, o de Promoción Económica, Emprendemento, Emprego, Participación Cidadá, Festexos e Xuventude, Ricardo Sieiro Opazo e a concelleira de Deportes e Mantemento de Parques e Xardíns, Cristina Campero Dorado. Esta conmemoración ten lugar dentro do “Convenio de Germinaçao” asinado entre o Concello de Xinzo de Limia e Câmara portuguesa. Grazas á colaboración entre estas dúas entidades é posible realizar ano a ano esta actividade (e xa van doce no noso cole…)
O noso alumnado e o do cole dos Riós farán noite na Quinta de Pentieiros, xestionada pola Área Protegida das Lagoas de Bertiandos e S. Pedro d'Arcos, para visitar o mércores día 11, a foz do río que nos une e a Basílica de Santa Luzia. Despois do xantar realizarán as actividades propostas dentro da Quinta Pedagogica e posteriormente retornarán aos seus concellos de orixe.
'En cada nena e neno deberíase poñer un cartel que dixese: Tratar con coidado, contén soños' (Mirko Badiale, escritor y filósofo italiano).
Un ano máis, con motivo da conmemoración do Día Universal dos Dereitos da Infancia, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia mediante a Plataforma de Infancia estatal, co apoio do Ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030 e da Xunta de Galicia, organiza un proceso participativo para nenos, nenas e adolescentes para a formación, toma de conciencia e divulgación dos seus dereitos recollidos na Convención sobre os Dereitos do Neno.
Este ano, baixo o lema «INFANCIA E POBREZA», intégrase como acción a desenvolver en relación á promoción de iniciativas para a loita contra a pobreza infantil e a exclusión social, co obxectivo de coñecer a visión das mozas e mozos sobre o impacto da pobreza e a desigualdade.
En colaboración co CDR O Viso, da man de Lucía, Mila e Estela este ano o noso alumnado de terceiro de Educación Primaria participa activamente nesta iniciativa con dúas sesións de traballo no propio centro coas actividades propostas pola POIG e nunha fase posterior participaremos no Acto Central polo Día da Infancia 2023 que realizaremos da man da propia Plataforma, en coordinación coa Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta, en conxunto co Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (composto por nenos, nenas e adolescentes da comunidade) e outros centros educativos galegos.
O acto terá lugar en Santiago de Compostela o día luns 20 de novembro, no cal conmemoraremos a firma da Convención sobre os Dereitos do Neno das Nacións Unidas.
A idea é que os grupos de nenos, nenas e adolescentes que participamos nas actividades poidamos expoñer unha das temáticas que se atopan recollidas. Estas son:
O principal obxectivo da educación é crear persoas capaces de facer cousas novas e non só repetir o que outras xeracións fixeron ( Jean Piaget).
Todas as aprendizaxes da vida fanse xogando e por iso queremos que os vosos cativos e cativas sumen experiencias divertidas coas que poidan acadar momentos irrepetibles nesta etapa educativa.