7/10/23

Traballamos sobre os nosos Dereitos

'En cada nena e neno deberíase poñer un cartel que dixese: Tratar con coidado, contén soños' (Mirko Badiale, escritor y filósofo italiano).

Un ano máis, con motivo da conmemoración do Día Universal dos Dereitos da Infancia, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia mediante a Plataforma de Infancia estatal, co apoio do Ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030 e da Xunta de Galicia, organiza un proceso participativo para nenos, nenas e adolescentes para a formación, toma de conciencia e divulgación dos seus dereitos recollidos na Convención sobre os Dereitos do Neno.

Este ano, baixo o lema «INFANCIA E POBREZA», intégrase como acción a desenvolver en relación á promoción de iniciativas para a loita contra a pobreza infantil e a exclusión social, co obxectivo de coñecer a visión das mozas e mozos sobre o impacto da pobreza e a desigualdade. 

En colaboración co CDR O Viso, da man de Lucía, Mila e Estela este ano o noso alumnado de terceiro de Educación Primaria participa activamente nesta iniciativa con dúas sesións de traballo no propio centro coas actividades propostas pola POIG e nunha fase posterior participaremos no Acto Central polo Día da Infancia 2023 que realizaremos da man da propia Plataforma, en coordinación coa Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta, en conxunto co Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (composto por nenos, nenas e adolescentes da comunidade) e outros centros educativos galegos.  

O acto terá lugar en Santiago de Compostela o día luns 20 de novembro, no cal conmemoraremos a firma da Convención sobre os Dereitos do Neno das Nacións Unidas.

A idea é que os grupos de nenos, nenas e adolescentes que participamos nas actividades poidamos expoñer unha das temáticas que se atopan recollidas. Estas son: 

  • Ámbito de bens de primeira necesidade.
  • Ámbito educativo.
  • Ámbito do ocio e cultura.
  • Ámbito sanitario

No hay comentarios:

Publicar un comentario