Páginas

Biblioteca escolar

28/3/24

De que cor é un bico?

 "Un bico fai que o corazón volva ser novo e borre os anos". Rupert Brooke, poeta inglés.

A Minimoni encántalle pintar mil cousas de cores: xoaniñas vermellas, ceos azuis, plátanos amarelos... pero nunca pintou un bico. De que cor será? Vermello coma unha deliciosa salsa de tomate? Non, porque tamén é a cor de cando estás enfadado... Será verde coma os crocodilos, que sempre lle pareceron tan simpáticos? Imposible, porque é a cor das verduras, e non lle gusta comelas! Como podería pescudar de que cor é un bico? https://www.casadellibro.com/libro-de-que-cor-e-un-bico/9788491420590/5205225

Manuel e Laura achegaron ata a nosa BE esta fermosa historia de Rocío Bonilla que recibiu o Premio do Ministerio de Cultura e Educación aos libros mellor editados do 2015. Nela, a protagonista intenta averiguar como pintar eses bicos que a tod@s tanto nos gustan, buscando referencias en cousas e cores que ten ao seu redor na vida cotiá... Chegará a unha resposta que lle convenza?

Para nós foi todo un pracer recibir a esta nova #PisaCharcas no noso cole!

26/3/24

Convencemento, práctica e ilusión

"Unha ilusión eterna, ou polo menos que renace a miúdo na alma humana, está moi preto de ser unha realidade." André Maurois,  novelista e ensaísta francés.

Os rapaces de terceiro querían saber que hai detrás dunha muller que leva dedicándolle a música moito tempo da súa vida e Esmeralda Marra foi moi clara: convencemento, práctica e ilusión. Dende aquel primeiro acordeón que lle mercara seu pai ata ensinar na actualidade aos nenos e nenas de Xinzo a tocar o saxofón, pasaron polo medio moitas notas musicais, horas de ensaios, melodías de música “movida” que é a que a ela lle gusta tocar e algunha que outra primeira vez. Quizais hoxe non pareza raro tocar nunha banda pero daquela era ben diferente. A maxia da música vaite atrapando lentamente e unha vez dentro .. xa non es quen de escapar. Esmeralda animounos a todos a probar e de seguro que para o ano xa teremos algún novo ou nova saxofonista apuntado no conservatorio.

Esta visita está enmarcada na actividade "Mulleres da Limia", coorganizada polo noso centro, a nosa ANPA e o CDR O Viso, que tenta dar  visibilidade a unha selección de figuras femininas relevantes da nosa comarca. Con estas visitas pretendemos que o noso alumnado coñeza da man das súas protagonistas todos os esforzos e circunstancias vitais que tiveron que afrontar para acadar os seus obxectivos. O produto final deste traballo será a edición dun libro onde figurarán todas esas experiencias e os retratos das protagonistas feitas polo alumnado do noso centro.








24/3/24

La granja de Abraham

 "A lectura é un tícket de desconto a todas partes." Maria Schmich, xornalista estadounidense

Hoxe veu ao noso Patio das Bolboretas María José, que xunto a María, contaron o seu conto favorito, "A granja de Abraham", onde puideron aprender que come cada animal desta particular granxa e que sonido fai cada un deles, sempre dun xeito orixinal e moi divertido.

María José contounos que este é o conto de Abraham, o irmán de María, e que ela nunca se cansa de escoitar!!

Esta fabulosa #PisaCharcas tamén agasoullou a toda a clase cuns marabillosos marcapáxinas feitos por elas as dúas!

23/3/24

La casa de Tomasa

"Un libro é un soño que vostede ten nas súas mans." Neil Gaiman, escritor inglés.

Neste conto coñeceremos a Tomasa, unha nena moi habilidosa que decide construír unha linda casiña para ela e o seu gato. Cando se decatan os seus amigos acoden a ela e Tomasa ten que ir ampliando a súa casa con todo o que os recentemente chegados necesitan. A casa cada vez está máis chea e hai menos espazo para ela e o seu gato. Converteuse   nunha especie de comuna tola e divertida ….Queres saber como o remedia Tomasa? https://bibliobreton.blogspot.com/2015/07/la-casa-de-tomasa.html

Zara e Manuel levaron ata a nosa Biblioteca Escolar esta divertidísima historia de Phyllis Root e Delphine Durand onde os desplegables e os "pop-ups" son case tan protagonistas como os propios personaxes deste conto. 

Temos un novo membro da nosa tribu de #PisaCharcas, que estamos seguros que en vindeiras edicións desta iniciativa volveremos a contar con el!

21/3/24

No camiño da inclusión, tod@s compatimos viaxe

 "Creo que un heroe é un individuo común que atopa a forza para perseverar e resistir a pesar de obstáculos abafadores." Christopher Reeve, actor norteamericano que encarnou a Superman

Conmemoramos hoxe, como cada 21 de marzo, o Día Mundial da Síndrome de Down, dando visibilidade a estas persoas extraordinarias xa que como Pujolas y Lago afirma "en una escuela inclusiva sólo hay alumnos, a secas, sin adjetivos; no hay alumnos corrientes y alumnos especiales, simplemente alumnos, cada uno con sus propias características y necesidades. La diversidad es un hecho natural, es la normalidad: lo más normal es que seamos diferentes. ¿Qué podemos hacer para todos los alumnos, que son diversa, para que todos aprendan al máximo de sus posibilidades?" https://www.sindromedown.net/creamos-inclusion/educacion/educacion-inclusiva/

A inclusión é, sen dúbida, un dos sinais de idade do noso centro educativo e traballamos día a día para traballar toda esa diversidade presente nas nosas aulas e que precisan dunha atención especial.

Hoxe quixemos poñer en valor esa variedade nas características do noso alumnado traballando e coñecendo un pouco mellor ás persoas que presentan esta diferenza cromosómica e dando visibilidade a través deste "photocall" a "autenticidade" destas persoas.

O noso alumnado de sexto de Educación Primaria tivo a sorte de contar coa visita de Xiana, irma de Noa, exalumna do centro e que continúa os seus estudos no ciclo de cociña do IES Lagoa de Antela. Fixéronlle un montón de preguntas e viron como é o día a día desta compañeira #extracapacitada. Para el@s non é nada novo, xa que conviven día a día coa nosa fantástica Tati, intercambiando experiencias de convivencia e inclusión no seu quefacer diario.

20/3/24

#DíadaNarraciónOral. Contos para nunca esquecer!

“Os detalles son a esencia dunha boa narración… e dunha vida ben exposta.”  César Fernández García, escritor español.

Cada 20 de marzo conmemoramos en todo o mundo o  #DíadaNarraciónOral, onde queremos poñer en valor a transmisión oral desas historias que forman parte do noso patrimonio inmaterial como son os contos e fábulas populares. Ese traspaso de xeración en xeración garante a súa viveza e continuidade no tempo.
Hoxe tivemos a grande sorte de poder contar no cole co avó de Icía e Antón. Benito foi quen lles contou a el@s e ás súas compañeiras e compañeiros unha chea de historias onde raposas, cegoñas, aves rapaces, cárabos, lobos, ferreiros, ... e outros moitos personaxes  son os protagonistas de fermosas fábulas onde sempre hai unha ensinanza agochada e un punto de humor. 
E para rematar o alumnado de cuarto de primaria preguntaronlle  pola súa infancia, os seus xoguetes favoritos, como os construía, como era daquelas ir ao cole, que estudaban... e unha morea máis de cuestións que Benito respostou cun grande agarimo e dando unha chea de detalles que o noso alumnado seguro que non esquecerá! 
Moitas grazas por acompañarnos esta mañá e converterse nun novo #PisaCharcas do noso centro!


18/3/24

Unha chea de historias con Uxía Morán

" Maruxa cosía, varría e labraba. Benito cantaba, folgaba e durmía. Mais un día..." "Maruxa" - Eva Mejuto

Actriz de teatro e cine, presentadora en galas benéficas e festivais e contacontos, entre outras moitísimas facetas profesionais, Uxía Morán trouxo ata o noso cole unha escolma de fermosísimas historias, tales como “Guapa”, “Maruxa” ou “Ricitos de oso”, entre outras,    nas que  os distintos personaxes, falando sempre en clave de humor, loitan  contra as convencións sociais e os xéneros establecidos.

Todo o alumnado de Educación Infantil e de primeiro e segundo de Educación Primaria puido gozar co bo facer e coa posta en escena  de Uxía, traballando sobre a igualdade, o respecto ás demais persoas, a autoestima e outros moitos valores moi presentes no noso quefacer diario dentro e fóra da escola.

Unha mañá, sen dúbida, chea de aprendizaxes moi significativos e relevantes dentro do amplo currículo que o noso cole transmite ao seu alumnado.

17/3/24

Arrancan os proxectos de ciencia!

 "Mira profundamente na natureza e entón comprenderás todo mellor." Albert Einstein, matemático e físico alemán

Englobado no seu proxecto  "Gota a gota, a auga", o noso alumnado de Primeiro de Educación Primaria comezaron as súas experiencias con sementes. Irán comprobando, empregando o procedemento científico, a importancia que a auga ten  para todos os seres vivos. Plantaron distintas sementes en algodón e en terra. Irán observando a súa evolución completando unha táboa de recollida de datos. 

Aprendizaxes significativos baseados na experiencia propia e a observación directa. Seguro que deste xeito afianzan competencias básicas no ambito das ciencias naturais.







14/3/24

Imos á feira!

“Un pobo sen tradición é un pobo sen porvir.” Alberto Lleras Camargo xornalista e estadista colombiano

Dentro do seu proxecto relacionado co estudo das tradicións e o coñecemento do máis próximo, o noso alumnado de catro anos visitou hoxe, 14 de marzo, unha das feiras mensuais que temos na nosa vila.

Alí coñeceron de primeira man todo tipo de postos de venda, levantando entre os visitantes unha gran expectación, recollida nos medios de comunicación local. https://www.facebook.com/share/VTfWcYkLEm2U3rys/

Para rematar esta xornada tan especial, mercaron churros e cun riquísimo chocolate "merendaron" no Parque do Toural, onde despois pasaron un moi bo rato, "enredando" con todos os brinquedos que alí hai....

Unha mañá distinta aprendendo no propio entorno, próximo e familiar!

Que rico e que ben pinta este chocolate!!!

 "A nove de cada dez persoas gústalles o chocolate. A décima persoa sempre minte." John Q. Tulio

Hoxe, o noso alumnado de tres anos tivo unha "merenda" moi especial... que resultou ser todo un éxito. Aproveitaron a celebración da feira en Xinzo pra facerse cunha moi boa provisión de churros e as profes tamén trouxeron froita para facer unha mistura deliciosa cun riquísimo chocolate.

Pero non podían desaproveitar ese recurso para manifestar as súas dotes artísticas con ese "preciado material". Podedes comprobar todo o que fixeron... e seguró que os seus mandilóns tamén foron boa proba diso!

Foi unha mañá chea de aprendizaxes e diversión... seguro que repiten!!!

13/3/24

El monstruo de colores

 «Se deixas saír os teus medos terás máis espazo para vivir os teus soños». Marilyn Monroe, actriz estadounidense.

O Monstruo de Cores non sabe que lle pasa. Fíxose unha lea coas emocións e agora tócalle desfacer o envurullo. Unha historia sinxela e divertida, que introducirá a pequenos e a maiores na fascinante linguaxe das emocións. http://www.annallenas.com/ilustracion-editorial/el-monstruo-de-colores.html

Que difícil é saber ás veces como te sintes.... Este fermoso conto que nos trouxeron ata a nosa Biblioteca Escolar Fiorella e Rosa, pode axudarnos moito a entender como son as emocións e como podemos manexalas.

Moitas grazas ás dúas. Xa es unha #PisaCharcas máis do noso cole!!!

12/3/24

Hugo: Empatía, diversidade, a beleza de sermos diferentes.

"A inclusión non é só un termo, é un compromiso diario de aceptación e respecto pola diversidade."  Stella Young, comediante australiana, xornalista e activista dos dereitos da discapacidade

Gañadora do Premio María Casares ao mellor espectáculo para o público infantil e familiar no ano 2022. Hugo conta a historia dun neno que é diferente. Gústanlle moito os avións e tamén toca o piano. Laia visita a Hugo cada día. A Laia gústalle falar e gústanlle as plantas. Hugo ten TEA.

Unha peza teatral que aborda o tema do trastorno do espectro autista na infancia, chea de sensibilidade e empatía, que fala da diversidade, da convivencia e da beleza de sermos diferentes. https://escolares.afundacion.org/actividad/hugo/

Esta obra presenta valores que son chave dentro do noso Proxecto Educativo de Centro, onde a inclusión e a atención á diversidade son algunhas das bases sobre as que construímos o noso quefacer diario. 

O noso alumnado complementou esta xornada cunha visita didáctica á cidade de Ourense, identificando os principais monumentos e lugares de interese, como son As Burgas, o edificio do Concello, a Catedral e o Xardín Botánico.


11/3/24

Daniela Pirata

 “A lectura dun bo libro é un diálogo incesante, en que o libro fala, e a alma contesta”.

André Maurois, escritor francés

Daniela soña con ser pirata no Caimán Negro. Pero Orejacortada e os seus piratas non parecen moi contentos coa idea. Daniela terá que pasar difíciles probas. Pero, e se estes piratas non queren mozas no seu barco? https://www.casadellibro.com/libro-daniela-pirata/9788417123116/5869815

Lucas e Kenia preséntanos esta historia que rompe cos estereotipos de xénero e que nos serve para educar na igualdade. Transmite o valor de loitar polos nosos soños a pesar do que poidan dicir ou pensar os demais.

Valores que son sinais de identidade do noso centro e que inculcamos no noso alumnado no traballo do día a día.

Segunda visita á nosa Biblioteca Escolar de Kenia. Nós, encantad@s de recibila e agradecerlle este tempo que sempre nos dedica!!

10/3/24

A casa da mosca chosca

"Es o dono da túa vida e as túas emocións, nunca o esquezas. Para ben e para mal." O Principiño

Farta de zoar dun lugar a outro, a mosca chosca decidiu facer unha casa e convidar os animais do bosque. Fixo un pastel de amoras, colocou sete banquetas e sete pratos na mesa. E, co arredendo da torta, foron aparecendo, do máis pequerrecho ao máis grande, sete estraños personaxes. Non cabía ningún mais, e sen embargo...  https://www.casadellibro.com/libro-a-casa-da-mosca-chosca/9788484641551/828450

Un conto cheo de intriga e no que, utilizando cores “explosivas, case fluorescentes”, Sergio Mora crea unhas criaturas extravagantes, de aspecto transgresor, con moito humor e expresividade.

Un conto acumulativo que invita ao xogo fonético; unha historia para ler e contar, que medra en intensidade ao paso de cada páxina ata chegar a un final sorprendente.

Iria e Tita excolleron esta historia para que as súas compañeiras e compañeiros puideran sentir verdadeiros calafríos e pasar un rato ben divertido!!

Benvida e moitas grazas, Tita! Xa es unha PisaCharcas máis!

9/3/24

Que pegada queres deixar?

"Loita polas cousas que che importan, pero faino dunha maneira que leve a outros a unirse a ti." Ruth Bader Ginsburg, 2ªmuller xuíz da Corte Suprema dos EUA

Conmemoramos o Día Internacional da Muller neste 8M con actividades moi diversas nos distintos cursos de Educación Infantil e Primaria. Elaboración de pulseiras con slóganes referidos a esta data, recoller a prezenza das mulleres na prensa, pequenas pancartas e carteis con adxectivos relacionados co empoderamento feminino, lecturas de escritoras senlleiras na nosa lingua, investigación sobre a vida de distintas profesionais moi relevantes en ámbitos moi diversos da nosa sociedade, representacións teatrais, ... e outras moitas que tiñan como único obxectivo dar visibilidade a todas as mulleres neste día de reinvidicación en feminino.
Tamén pedimos a colaboración da nosa Comunidade Escolar para facer un diorama cos zapatos das mulleres importantes na vida do noso alumnado. Cada un deles representa o esforzo e a pegada de avoas, nais, tías, irmáns, curmáns, amigas, ... que deixan nas nenas e nos nenos do noso cole cada día e a forza representada por eses fíos morados que todas elas xuntas fan!
Fixémonos a pregunta de que pegada queresmos deixar cada unha/un de nós.... Princesa ou Loitadora... e estamos segur@s que co rol fundamental que ten a educación neste e en tantos outros ámbiitos da vida, cada día conseguiremos ese reto "dunha formación integral que permita ás nenas e nenos unha formación plena e que axude a configurar a súa identidade, así como construír unha concepción da realidade que integre á vez o coñecemento e a valoración ética e moral da mesma.
Educar en igualdade quere dicir educar sen diferenciar as mensaxes en función do sexo, e educar baixo valores coma respeto cara aos demáis."   https://igualdade.xunta.gal/gl/construindo-igualdade



7/3/24

Caca en el zoo

"Os libros son o avión, o tren e o camiño. Son o destino e a viaxe. Son o fogar." Anna Quindlen, escritora e periodista norteamericana,

Alerta! O mozo Bob, gardián do zoo e encargado de recoller os excrementos de todos os animais, atopou a caca máis estraña do mundo. Brilla con luz propia! Que raro!

Será unha caca extraterrestre? Expertos interesados virán de todos lados para descubrir o que ocorre neste curioso zoo.

Unha nova historia de Steve Smallman, con tradución de Begoña Oro, que ten todos os ingredientes para triunfar: un zoo, unha chea de cacas e textos rimados con moita graza, que pode saír mal? https://www.casadellibro.com/libro-caca-en-el-zoo-bob-espinaca-y-la-maravillosa-caca/9788448861032/12884055

Que historia tan curiosa e tan distinta! Mauro e Kenia foron quen de levar a tod@s @s compañeir@s da súa clase ata este zoo tan particular e resolver todos os misterios que este conto ten.  E levaron "atrezzo" para tod@s!! Non o poideron pasar mellor!!!

Moitas grazas os dous por enrolarse nesta nosa tripulación de PisaCharcas do noso cole. Seguro que hai segunda parte!!


6/3/24

A que sabe a lúa?

 “Eu sei moi poucas cousas, é verdade. Pero durmíronme con todos os contos... E sei todos os contos.” León Felipe, poeta español

Había moito tempo que os animais andaban a matinar a que sabía a lúa. Era doce ou salgada? Só querían probar un anaco pequeno. Polas noites, miraban ansiosos para o ceo. Estarricábanse e estiraban o pescozo, as pernas e os brazos, tentando collela...  Quen non soñou algunha vez con darlle unha dentada á lúa? Este foi precisamente o desexo dos animais deste conto. Tan só querían probar un anaquiño pero, por máis que se estiraban, non eran quen de tocala. Daquela, a tartaruga tivo unha idea xenial: Se sobes ao meu lombo, poida que cheguemos onda ela?, díxolle ao elefante. https://www.casadellibro.com/libro-a-que-sabe-a-lua/9788484646259/1143659

Hoxe veu ao noso Patio das Bolboretas Noe, a nai de Xabi de 3 anos, a contar esta fermosa historia que fomenta valores como o altruísmo, a amizade, a superación, o esforzo, a solidariedade, a empatía e o traballo en equipo.

Todos eles son sinais de identidade do traballo que día a día tod@s @s mestr@s do noso cole fan, pero que as compañeiras de Educación Infantil traballan dun xeito especial para empezar a poñer as bases para  formar pequenas "persoíñas"... E fan un traballo fantástico!

Moitas grazas Noe e Xabi por contarnos este marabilloso conto que nos recorda día a día que tod@s xunt@s... sempre somos máis e mellores!! Estamos encantad@s de ter unha nova PisaCharcas no noso cole!!!



Que sorte poder conmemorar así o Día d@ Escultor!

“A escultura é a arte da intelixencia.” Pablo Picasso

O 6 de marzo rendemos homenaxe a un dos oficios artísticos de maior relevancia para a arte. Celébrase o Día Internacional do Escultor. Con iso preténdese destacar a estes magníficos creadores de obras artísticas en todo o mundo. Esta data creouse para conmemorar o nacemento do escultor italiano Miguel Ángel Buonarroti. Foi un escultor, pintor, arquitecto e poeta, nacido o 6 de marzo de 1475 en Caprese, Roma. Realizou numerosos proxectos arquitectónicos. A súa escultura máis emblemática é David, a cal se expón en Florencia, Italia.  https://www.diainternacionalde.com/ficha/dia-internacional-escultor

Neste día dedicado a todas as escultoras e a todos os escultores temos que destacar a Xosé Lois Carreira, nado en Parada de Ribeira, pai de ex alumn@s do noso cole e gran colaborador sempre que o chamamos, abusando da nosa confianza con el, para que lle explique ao noso alumnado como traballa, como se inspira, como lle falan as pedras, ... e sempre o fai cun trato moi agarimoso con tod@s el@s. 

Desta volta foi o alumnado de quinto de Educación Infantil quen tivo a grande sorte de recibir ao autor de Limuhé, a nosa Dama da Lagoa, para complementar á actividade que realizaron fai días visitando esta estatua, a Torre de Pena e A Pedra Alta da Limia.

(https://charcalibros.blogspot.com/2024/02/iniciando-nosa-aventura.html)

Unha mañá de convivencia e de aprendizaxes co noso máis destacado escultor que nos lembrou a importancia de facer o que a un/unha máis lle gusta e poñer todo o esforzo posible en conseguilo. Moitas grazas, Xosé Lois!!



1/3/24

"A Muriel custáballe prender no sono..."

"Un libro é un soño que vostede ten nas súas mans." Neil Gaiman, escritor inglés.

"Muriel e o inseparable raposo Blim viven unha calma apracible no seu castelo. Apenas reciben cartas e botan en falta os atafegos doutra época. Mais todo muda logo dun lixeiro estrondo no laboratorio. A maxia e a ilusión envólveos por completo e involúcraos nunha misión fermosa e entrañable que, ademais, lles abrirá as portas da sospeita. Serán quen, os dous compañeiros, de desentrañar o misterio que hai tempo os intriga? Non hai elección: sube ao carro de leiteiro e... boa viaxe!" https://www.xerais.gal/libro/de-9-anos-en-diante/muriel-caos-no-laboratorio-lacteo-maria-canosa-9788411103855/

Tivemos a sorte de contar hoxe na nosa Biblioteca Escolar coa presenza de María Canosa (Cee, 1978), enxeñeira de Camiños, Canais e Portos, profesión que leva compartindo desde sempre coa de escritora,  para que nos viñera a falar da nova aventura de Muriel: Caos no laboratorio lácteo, publicada no 2023, ao noso alumnado de 4º de Ed. Primaria que ten este título dentro do seu itinerario lector.

Foron moitas as preguntas e curiosidades que lle fixeron a María e que ela, coma sempre, respostou con toda a súa simpatía e afinidade que ten coas nenas e cos nenos do noso cole. 

Como non podía ser doutro xeito, esta actividade rematou coa sinatura dos seus exemplares e coas adicatorias que o noso alumnado gardará como un recordo perdurable no tempo.