Páginas

Biblioteca escolar

26/3/24

Convencemento, práctica e ilusión

"Unha ilusión eterna, ou polo menos que renace a miúdo na alma humana, está moi preto de ser unha realidade." André Maurois,  novelista e ensaísta francés.

Os rapaces de terceiro querían saber que hai detrás dunha muller que leva dedicándolle a música moito tempo da súa vida e Esmeralda Marra foi moi clara: convencemento, práctica e ilusión. Dende aquel primeiro acordeón que lle mercara seu pai ata ensinar na actualidade aos nenos e nenas de Xinzo a tocar o saxofón, pasaron polo medio moitas notas musicais, horas de ensaios, melodías de música “movida” que é a que a ela lle gusta tocar e algunha que outra primeira vez. Quizais hoxe non pareza raro tocar nunha banda pero daquela era ben diferente. A maxia da música vaite atrapando lentamente e unha vez dentro .. xa non es quen de escapar. Esmeralda animounos a todos a probar e de seguro que para o ano xa teremos algún novo ou nova saxofonista apuntado no conservatorio.

Esta visita está enmarcada na actividade "Mulleres da Limia", coorganizada polo noso centro, a nosa ANPA e o CDR O Viso, que tenta dar  visibilidade a unha selección de figuras femininas relevantes da nosa comarca. Con estas visitas pretendemos que o noso alumnado coñeza da man das súas protagonistas todos os esforzos e circunstancias vitais que tiveron que afrontar para acadar os seus obxectivos. O produto final deste traballo será a edición dun libro onde figurarán todas esas experiencias e os retratos das protagonistas feitas polo alumnado do noso centro.








No hay comentarios:

Publicar un comentario