Mostrando entradas con la etiqueta xogos populares. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta xogos populares. Mostrar todas las entradas

26/4/23

Xogar para non esquecer!!

Todas as aprendizaxes máis importantes da vida, fanse xogando! (Francesco Tonucci, Fano, 1940. Pensador, psicopedagogo e debuxante italiano.)

Tivemos a fortuna un ano máis de poder contar cos educadores do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo e o seu obrdadoiro didáctico de Xogos Populares. 

Este programa ten como obxectivo recuperar, divulgar e revitalizar xogos e modos de divertimento hoxe esquecidos polos nosos nenos e mozos. Mediante a organización de cursos nos que se forman monitores especializados en xogos populares, así como obradoiros que se levan a todos os colexios da provincia de Ourense, o Obradoiro de Xogos Populares conta cun equipamento que lle permite poñer en práctica actividades como a billarda, a porca, o xogo de aros, a chave, etc.(http://www.ccpxaquinlorenzo.es)

O noso alumnado de sexto de EP tivo a oportunidade de aprender distintos bailes, ditos, ... xa case perdidos hoxe en día e practicar un "deporte"  tan galego, que algúns e algunhas debido á nosa idade aínda recordamos, como é o xogo da Porca.

Dous sesións cheas de aprendizaxe e divertimento que, de seguro, estas nenas e nenos serán quen de manter nas súas lembranzas e contribuír así a que este patrimonio cultural inmaterial endexamais caia no esquecemento!

30/1/22

Afondamos na nosa tradición aprendendo novos xeitos de xogar!

Ao longo de dúas xornadas e da man do incombustible Lito, do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, dependente da Deputación de Ourense, o noso alumnado de sexto de Educación Primaria tivo a oportunidade de aprender como xogaban as xeracións anteriores e volver, de algún xeito, ás épocas nas que o xogo era algo espontáneo e onde as "pantallas" de videoxogos e telefónos intelixentes non tiñan ningunha presenza.

Na primeira sesión traballaron nun taller de baile, onde todas e todos compartiron unha experiencia moi enriquecedora na que a presenza da música cobra un papel fundamental á hora de pasar un bo rato.

Na derradeira sesión foi turno de aprender a xogar á "porca", e a verdade que non foi soamente un momento moi "intenso", en canto a competitivade se refire, se non tamén unha oportunidade para enteder todo ese vocabulario que vai unido a estes xogos tradicionais.

Agradecer unha vez máis ao CCP Xaquín Lorenzo e en especial a Lito a súa dedicación a este arduo traballo de recuperar e esparexer todas estes elementos que forman unha parte tan importante do noso patrimonio cultural inmaterial.


Fotografías: Pilar Pato, Trini Fortes, José M. García e Rita Reza


26/3/20

Xogos tradicionais para entreterse no confinamento


Ante as horas de corentena, a rede Patrimonio Lúdico Galego está a facer unha escolma de xogos tradicionais que se poden practicar facilmente no interior doméstico, facendo honra á capacidade de adaptación ao medio que os caracteriza. Achegamos algunhas alternativas para que as crianzas pasen estes días, propostas elaboradas con materiais reciclados ou do cotián, que contribúen a fomentar a creatividade, crear comunidade e, especialmente nestas semanas, mellorar as relacións familiares. 
IRENE PIN26/03/20
Pasar tantas horas no interior da casa pode ser particularmente difícil para as crianzas. Para evitar a frustración e o aburrimento, traemos unha iniciativa da rede Patrimonio Lúdico Galego: xogos tradicionais para o interior do fogar. A idea xurdiu vencellada ao proxecto Aulas Galegas, ao que se apuntaron desde o minuto cero coa idea de subir unha ou dúas propostas diarias, como nos conta Paco Veiga, presidente da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT). Porén, a páxina web non estaba preparada para albergar tanto contido e, para facelo máis accesíbel, optaron por verter as alternativas nunha páxina propia.
De tal modo, Patrimonio Lúdico Galego escolma, entre os máis de 200 recursos permanentes que ofrecen, aquelas actividades que se poden adaptar ás condicións actuais de espazo reducido e cun número pequeno de individuos, para xogar en familia. "Cada día compartimos dous ou tres xogos", explica Veiga, poñendo énfase en facilitar ideas para as máis cativas, que malia seren "as que máis traballo dan nesta situación", non gozan de moitos recursos orientados a elas.
Unha oportunidade para redescubrir a infancia
Reivindicando a importancia de xogar, a corentena pode ser unha oportunidade para "investir o tempo en descubrir ou redescubrir os xogos de sempre", explica Noelia Darriba, da asociación Xogos Tradicionais de Muimenta (Xotramu) en Cospeito, que fai parte da rede. Aceptamos o seu convite a explorar as opcións escollidas, que van desde as populares e atemporais leiriñas (tamén chamadas tres en raia, ta-te-ti ou pai-fillo-nai), até outras menos coñecidas, como o xogo das tartarugas. A dinámica deste último consiste en atar un cordón, por un extremo, á parte superior dunha botella mediada de auga, mentres polo outro se une ao centro do pau. Con isto faise unha carreira na que gaña quen primeiro consegue enrolar a corda para traer a "tartaruga" até as súas mans.
Para xogar ao muíño ou alquerque tan só fan falla unhas fichas e pintar cadrados nunha superficie. O obxectivo é colocar tres pezas en liña recta ou diagonal, o que se chama "facer un muíño". Cando isto acontece, a xogadora cómelle unha ficha á contraria, até que unha delas queda só con dúas. Outro dos clásicos adaptábel ao interior é o sete e medio. Aínda que habitualmente se pinta con xiz no chan, tamén se pode facer un taboleiro no que debuxar os sete rectángulos, cada un cunha puntuación (e se cae na liña, conta medio). Así, xógase tirando os tres pellos (as fichas) aos cadrados, tratando de sumar, nas tres oportunidades, a cifra que nomea ao xogo. Se non dá xusto, gaña quen máis se achegue sen pasarse. A raia ou peseta é outra boa opción. A dinámica é doada: tirar, desde unha distancia pactada, unha moeda ou chapa tratando de que quede enriba ou o máis preto posíbel dunha raia trazada no chan. 
Darriba considera que xa superamos unha época de esquecemento destes xogos para atravesar un período de certa recuperación. "Cando eu era pequena, lembro moito xogo popular, mais non tanto tradicional", di. E cal é a diferenza? Considéranse populares "xogos como a corda ou o brilé, que son máis ou menos iguais en todos lados. Moitos deles comezan a chamarse agora predeportivos", explica Darriba. Porén, os xogos tradicionais son "unha manifestación cultural que nos define como pobo, unha das cousas que máis pode contribuír a crear unha forma de ser, de nos integrar, que se transmite de maneira imperceptíbel", declara Veiga. Serían exemplos paradigmáticos os tres tipos de chaves que temos na Galiza, ou os birlos celtas, que se ben se manifestan noutras zonas do Estado, teñen no noso país un sistema propio de puntuación. Este acervo fai parte dun patrimonio lúdico universal, que se presenta en todos os lugares, mais que ten unha gran capacidade para se adaptar ao medio. De aí as variacións, que tamén se aplican aos condicionantes do estado de alarma.
Reciclaxe creativa
Todas as alternativas que recollen son "moi ecolóxicas", pois pasan precisamente por reciclar ou reutilizar materiais que podemos atopar pola casa. "Non precisas gastar cartos, simplemente vontade", di Darriba. "Non facemos propostas que conteñan materiais que non se atopan de maneira normal en calquera fogar", afirma Veiga. Seguindo esa virtude antes mencionada de se adaptaren ao medio, atopamos instrucións para fabricar birlos con garrafas de auga baleiras, zancos con latas ou leiriñas con chapas de botella.
Un caso particular sería o da perinola ou bailarete, un xoguete que propoñen elaborar dun CD ou, na súa variante máis cativa, cun tapón. Pódese xogar a ver cal perinola aguanta máis tempo a virar, ademais de aproveitar para decorala.
Desta maneira, o proceso de creación vólvese tamén unha parte importante do propio xogo, fomentando en especial a creatividade. Pois esta maneira de brincar promove o exercicio físico e mental, educando en múltiples facetas para contribuír ao "crecemento harmónico", defende Veiga. "Crean relación, comunicación e non hai competitividade dunha maneira violenta", considera pola súa banda Darriba.
Crear comunidade
Ademais, os xogos tradicionais "son para todas, desde as máis pequenas até as maiores", di Veiga. "Eu, que son educadora social, considero que favorecen a coeducación. Nos xogos tradicionais non hai diferenza de xénero", entende Darriba.
Nun nivel máis profundo, a corentena tamén pode supor unha oportunidade para reflexionarmos sobre como medran e xogan as crianzas, para mudar aquelas dinámicas que limiten o "desenvolvemento autónomo", suxire Veiga. Non se trata de opoñer os xogos tradicionais aos "trebellos modernos, que están moi ben", insiste en aclarar. A chave está no equilibrio, en coñecer ambas opcións e que convivan, recollendo o potencial de cada unha. 


9/11/17

Polo San Martiño peóns ó camiño


Velaquí unha interesante páxina da que tomamos esta información. Ademais no corredor de acceso á biblioteca temos os 21 carteis da exposición sobre o peón. Achégate a lela e trae o teu peón.

Convocatoria do Día do Peón 2017

Baixo o lema de “Polo San Martiño, peóns ao camiño”, pretendemos que os días previos e posteriores ao 11 de novembro (este ano  coincide en sábado) se convirtan nunhas datas na que os peóns tomen as prazas e rúas do país.

Manifesto do Día do Peón

Para quen quera engadir dentro das actividades do Día do Peón a lectura do manifesto deste ano, pode descargalo facendo clic na seguinte imaxe. Agardecémoslle a Daniel Pino Couñago a súa autoría.
MANIFESTO-DO-PEÓN.pdf

13/4/16

Obradoiro Xogos Populares

O pasado día 7 de abril e o vindeiro xoves 14  desenvolverase no centro un obradoiro de xogos populares dirixido ao alumnado de 6º de Primaria. Actividade que se realiza xa dende fai varios anos e se seguira desenvolvendo sempre que sexa posible.





14/11/15

Magosto no Ceip e no Mosteiro de Trandeiras

   A xornada do venres 13 foi un tanto especial. Se o curso pasado non fixeramos o magosto porque un día choveu e o outro tamén... este ano o día foi espectacular: sol, boa temperatura (non había máis que pedirlle ó día). O outro puxémolo nós: Antonio co tixolo, o lume e as castañas; infantil e 1º, 2º, 3º e 4º de primaria, xogando un bo anaco da mañá (cadeiras, pano, sacos, brilé, ra, tira-soga); os de 5º e 6º facendo unha andaina desde o Bon Xesús de Trandeiras ata a torre de Pena e volta ó Mosteiro para comer o magosto nun entorno tan especial; e no cole tampouco faltaron os bolos preñados, empanada, a bica e as castañas. Nin as ganas de pasalo fenomenal.

22/6/14

Patio alternativo

Despois do éxito obtido ca posta en marcha dos mércores alternativos (nos que os rapaces e rapazas disfrutan practicando diferentes xogos populares durante os recreos) o noso centro vestiuse de gala.
Así quedou o noso patio grazas o gran traballo de Aurora.



27/4/14

Xogos de toda a vida.

O centro de cultura popular Xaquín Lourenzo encargouse da posta en marcha de dúas sesións de xogos populares dirixidas aos alumnos e alumnas de 6º de Primaria. Tratáronse de dous obradoiros realizados os pasados días 11 e 25 de abril nos que os nenos e as nenas coñeceron diferentes xogos tradicionais da cultura galega.
Xa é o 3º ano que se leva a cabo resultando sorprendente o grao de interese e motivación dos rapaces e rapazas cara estas actividades. E nesta ocasión resultando moi proveitoso xa que mostra varias alternativas para practicar nos recreos dos mércores.