O pasado martes, 6 de xuño, tivemos con nós aos nosos amig@s de Ponte de Lima; Despois da acollida na praza Carlos Casares estivemos na Casa de Cultura e no río onde nos demos un "Abrazo" simbólico; rematamos a mañá dando un pequeno paseo pola beira ó son do canto das ras.
Pola tarde despois de xantar e amosarlle o Museo do Entroido, visitamos no monte Talariño (Paradiña, Sarreaus) o nacemento do río que nos une e visitamos o Festival Internacional de Xardíns en Allariz.
As fotos son de Amandio. Moitas grazas a el e a tod@s os que fan posible esta entrañable actividade.
RIO LIMIA
Dende
hai anos, o alumnado do IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia, fan dentro dun
programa de educación ambiental “PROXECTO RÍOS”, desde os departamentos de bioloxía e física e
química, o estudo da situación do río Limia ao seu paso pola nosa localidade,
tanto en outono como na primavera.
Sempre
lles gustaría sinalar e estar orgullosos de que o noso río está entre os máis
saudables de Galicia. Pero ano tras ano, os datos son tozudos; e vannos
sinalando o contrario. Non melloramos, seguimos a maltratalo.
Fan
estudos sinxelos, pero moi representativos; dinnos como están as súas beiras, o
estado da súa vexetación, os pequenos macroinvertebrados que indican a calidade
das súas augas, o lixo que atopan neles, que animais viven nel; fan análises
sinxelos da súa química, etc. etc. E cada
ano encontran que imos pouco a pouco empeorando.
Cando
van no mes de outubro xa saben –por
outros anos- que non van atopar auga; o nivel freático baixa tanto por todo o
que se lle quita, que, poden camiñar sobre o seu leito e ir, de poza en poza,
para ver o que queda; as plantas acuáticas, que axudan a limpalo, están secas;
o seu bosque de ribeira vai perdendo os mellores exemplares de amieiros, que
debilitados, son presa dos fungos e van a menos. Atópanse moitos entullos aquí
e acolá. É unha mágoa ver o río nesta época do ano. Ata que non cheguen
as chuvias do inverno…-E neste último ano non foi ata decembro-, non volvemos
ver auga no seu cauce.
Na primavera venno millor: xa leva auga, aínda que este ano foi escasa. Explota a
vexetación, vense animais: o pato azulón coas súas crías, algún niño de mergullón
pequeño e pitas de agua; non moito máis. Pero cando miran qué
macroinvertebrados hai nas súas augas, están aqueles que soportan medios máis
contaminados: a crúa realidade; e por riba este ano, a vexetación herbácea foi
queimada por herbicidas, por?... Non temos explicación.
Moitos
problemas ten a Limia coas súas augas, moito verquido que polas condicións destas
terras van chegar ata o río; augas que dende aquí, van discurrindo ata chegar a
Portugal: Pedímosvos desculpas.
E, a ver se conseguimos, entre tod@s, que o
río volva a ser o Limia sobre o que lemos, sexa
en Carlos Casares ou Antón Riveiro Coello, por exemplo, o espazo onde as
persoas poidamos ir bañarnos, refrescarnos… en augas limpas.
Este foi o texto que lemos no río e que nos preparou o noso amigo Tomás García, o día 5 de xuño
de 2017, Día Mundial do Medio Ambiente