Páginas

Biblioteca escolar

7/6/20

O agave, maguei ou pita do patio do Ceip

No patio do Ceip temos asistido estes últimos días a un espectáculo da Natureza; unha das plantas que leva aí uns 25 anos, nesta primavera, aproveitando que estamos confinados, deulle por botar un enorme brote central que nos deixou atónitos. Deseguida Aurora nos preguntou: que está a pasar? Así que acudimos ó noso amigo e admirado Tomás (autor tamén dos paneis que xa hai varios anos puxemos no Centro sobre as árbores que temos no patio). E velaquí este texto de Tomás García. Moitas grazas! 

O agave, maguei ou pita do CEIP Rosalía de Castro

Esta planta, agave, maguei ou pita, Agave americana; procede de México e pertence a un grupo numeroso, unhas 300 especies, do xénero Agave. Foi moi estendida por todo o mundo, practicamente dende  a chegada dos colonizadores a esa zona do mundo habitada que lle deron por chamar América. Os múltiples empregos que se realizaban dela, xa en  orixe,  por culturas ancestrais anteriores a esa colonización, facilitaron a súa expansión polo mundo. Un alto valor ornamental, con diferentes variedades para xardinería, a obtención de numerosos subprodutos, (quen non coñece o tequila ou as fibras téxtiles (sisal)?);o seu emprego en medicinas tradicionais ou a investigación médica na actualidade.
É unha planta suculenta, resistente a factores ambientais moi extremos, xeadas, altas temperaturas e falta de auga, permitiu a súa introdución en zonas áridas para o seu cultivo, pero tamén, dada a súa facilidade para expandirse está considerada como invasora. Se a plantamos, temos que controlar o seu cultivo.

Estes días, no patio do CEIP Rosalía de Castro, un maguei está a chegar á plenitude, despois de vivir máis de 25 anos está a dar unha inflorescencia múltiple para producir sementes e morrerá a roseta basal, a que foi usada pola súa beleza. A vida continuará doutro xeito, a través de pequenas plántulas que foron nacendo na base ou a través das sementes, pero aquí é difícil que cheguen a formarse xa que nos falta a especie de morcego que a poliniza no seu lugar de procedencia,  México. Esta inflorescencia espectacular, que pode acadar máis de 10 metros, crece cunha rapidez extraordinaria, e case a competir en altura co abeto de Douglas que ten de compañeiro; case a veríamos medrar se a estiveramos a observar fixamente. Os rapaces, rapazas, traballadoras e traballadores deste colexio perderon ver en directo este regalo da natureza, quizais despois do confinamento vexan seca a roseta basal e a flor que a levou ata o seu ocaso. Ao mellor unha nova pequena roseta sega este proceso de vida no lugar.

 
 


h

No hay comentarios:

Publicar un comentario