Páginas

Biblioteca escolar

1/12/23

E @s gañador@s son...

"O único que importa é o esforzo." Antoine de Saint-Exupery. Escritor, ilustrador e aviador francés.

Chegou o momento de facer a entrega dos premios do IV Concurso de Relatos Breves do Samaín 2023, convocado polo Equipo de Dinamización Lingüística do centro e que nesta ocasión tiña catro categorías correspondentes aos cursos de terceiro a sexto de Educación Primaria. @s gañador@s desta edición foron Inés Lorenzo Gómez (3ºB), Antón Rodríguez Vispo (4ºB), Laura Ferreira Feijoó (5ºA) e Mencía Meire Martínez (6ºA), que recibiron un vale por valor de 15€ para canxealo en calquera libraría da nosa vila polo fantástico libro de lectura que el@s escollan, para seguir así facéndose brav@s devorador@s de marabillosas aventuras.

Se queredes coñecer os traballos galardoados, só tedes que visitar este enlace: https://www.edu.xunta.gal/centros/ceiprosaliaxinzo/?q=node/930

Moitos parabéns para tod@s @s participantes e xa sabedes.... estade atent@s a futuros concursos para participar en todos eles!!!







29/11/23

Vaia ritmo!

 "A música é a miña vida, e o ritmo é a miña alma." Buddy Rich, baterista de jazz estadounidense.

O noso alumnado de 1º e 2º de Edcación Primaria acudiu hoxe á posta en escea desta "permormance" que inclúe Afundación a través do seu programa de actividades para escolares.

"Improvisación e imaxinación para espertar o enxeño con este concerto que propón Odaiko. A través do factor sorpresa, e facendo uso do humor e a interacción, preséntannos diferentes elementos de percusión que nos levarán a melodías cheas de ritmo e, polo tanto, con diversión garantida."  (https://escolares.afundacion.org/actividad/vaia-ritmo/)







28/11/23

O Rato Pérez precisa da nosa axuda!

«Conecta cun científico e estarás conectando cun neno». Ray Bradbury, escritor estadounidense de ciencia ficción e de misterio


Este ano a UCC do CSIC en Galicia volve a participar, co visto bo do Rato Pérez, na X Campaña de recollida de dentes de leite para o Grupo de Antropoloxía Dental do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH).
O próximo domingo 03 de decembro estaremos no Culturgal (Pazo da Cultura de Pontevedra, Rúa Alexandre Bóveda) a carón da Aula 1.
Nesta aula proxectarase a película “Pérez, o ratiño dos teus soños” ás 11.30 e ás 16.30 horas e poderedes deixar os vosos dentes antes ou despois do filme. Ademais, acéptanse todas as pezas dentais (de cativos e adultos) sempre que se dispoñan dos datos necesarios para a súa catalogación (idade aproximada de caída, lugar de nacemento, alimentación...).
Tódalas persoas doantes levarán un diploma e tamén un agasallo do Rato Pérez.
oa os teus dentes á Ciencia. Necesitamos a vosa implicación nesta iniciativa.

📆 Domingo 03 de decembro

⏰ 11.30 e 16.30 horas

📌 Aula 1, Pazo da Cultura de Pontevedra. Rúa de Alexandre Bóveda



27/11/23

Feliz Día d@ Mestr@!!

“Unha boa mestr@ pode crear esperanza, acender a imaxinación e inspirar amor pola aprendizaxe” Brad Henry, político estadounidense


O 13 de agosto de 1948 José de Calasanz foi declarado patrón universal das escolas cristiás no mundo polo papa Pío XII. A igrexa católica considérao o santo patrón dos educadores e mestres, xunto con Juan Bautista da Sáelle. 
O 27 de novembro celébrase en España o día dos mestres na súa honra.​ Nesa data de  1597, este sacerdote aragonés tivo a idea de abrir unha escola para nenos pobres en Roma: a asistencia era voluntaria, pero en 1618 xa atendía a uns 1500 nenos romanos, polo que llo considera o fundador da escola pública gratuíta moderna en Europa.

26/11/23

Mens sana ...

 "Tan só xoga, divírtete, goza do xogo." Michael Jordan, ex-xogador da NBA

Despois de varios aprazamentos polas condicións climatolóxicas adversas, celebramos no campo de fútbol da Moreira o Campionato de Campo a Través da comarca da Limia, na que participaron máis de 400 rapazas e rapazas nas categorías cadete, infantil, alevín e benxamín tanto feminino como masculino.

Ademáis do noso centro, os centros que competiron nesta soleada mañá de novembro foron o IES Cidade de Antioquía, IES Lagoa de Antela, CEIP Carlos Casares, CEIP de Baltar, CEIP de Sandiás , CEIP Plurilingüe Carlos Cid Arregui, CEIP Sarreaus, CEIP Plurilingüe dos Blancos, CEIP Plurilingüe Vilar de Barrio e AD Limiactiva.

Unha mañá chea de convivencia entre centros, onde todo o alumnado deu o mellor de si para afrontar as distintas distancias correspondentes a cada categoría.

Dende aquí queremos felicitar a todas e todos as/os partcipantes polo seu esforzo e entrega, e especialmente ao alumnado do noso centro entre as que debemos destacar a Lucía Chapado Pérez Noa Carballo Rivero (INF FEM), Lara Diz ChapadoCecilia Enríquez Blanco (ALE FEM) e Iria Enriquez DorríoSara Conde Moure (BEN FEM). Moitos parabéns para tod@s el@s!

25/11/23

Sen medo!

"A educación é a vacina contra a violencia e a ignorancia." Mafalda

O pasado xoves, 23 de marzo, e dentro da programación de actividades postas en marcha co gallo da conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e da man do Centro da Información á Muller do Concello de Xinzo de Limia, a compañía Trécola Teatro puxo en escena o conto “Sen medo”, onde dúas coidadoras dun parque natural contan as historias de Roi e Silo, dous pingüíns macho que queren ser pais; das tartarugas Clementina e Artur que comezan unha vida en común aparentemente feliz, ata que el comeza a poñer unha pesada carga de obxectos e desprezos sobre ela... Tamén falarán de mulleres que, ao longo dos séculos loitaron polos seus soños, poñendo  un valioso gran de area na historia do feminismo. Retallos de vida que plasman diferentes realidades que nos rodean, desde un punto de vista optimista e positivo: se queremos que algo suceda, deberemos loitar por conseguilo entre todas e todos.

O noso alumnado de quinto e sexto gozaron da posta en escena deste grupo de teatro afeccionado radicado na cidade de Ourense, nacido no ano 2004. Os seus integrantes son: María Díaz, Ledicia Álvarez, Uxía Pérez, Alfonso Míguez e Tegra.

formación de todos eles comeza na Aula de Teatro Universitaria da Universidade de Vigo, Campus de Ourense -Maricastaña-, complementando ésta con cursos de diversa índole ao longo de todos estes anos.

O traballo da compañía baséase en montaxes teatrais que abranguen distintos estilos e teñen como obxectivo a público moi diverso: desde teatro de actor para adultos e para público infantil a teatro de rúa, animacións teatrais, contacontos ou performances…

 




24/11/23

#NoHayExcusa #NonHaiExcusa

"Defende a túa vida, loita pola túa independencia, busca a túa felicidade e aprende a quererte". Izaskun González.

Para culminar as distintas actividades que levamos a cabo para concienciarnos sobre a terrible traxedia que supón cada ano recordar as vítimas de violencia de xénero que cada 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, queremos dar unha mensaxe optimista.

E sabendo e entendendo que este é un labor de todas e todos, de nenas e nenos, homes e mulleres, hoxe queremos ser NÓS, as mulleres do CEIP Rosalía de Castro as que gritemos alto e claro que hai esperanza, que nas futuras xeracións nenas e nenos serán quen de convivir en igualdade e respecto.


#NoHayExcusa #NonHaiExcusa é o lema que as Nacións Unidas propón este ano para recordar esta data. A violencia contra as mulleres e as nenas segue sendo unha das violacións dos dereitos humanos máis estendidas e xeneralizadas do mundo. Calcúlase que, a nivel global, 736 millóns de mulleres -case una de cada tres- foron vítimas de violencia física e/o sexual polo menos unha vez na súa vida.

Trátase dunha secuela que se intensificou en diferentes contornas, incluídos o lugar de traballo e os espazos en liña, e viuse agravada polos efectos pospandemia, os conflitos e o cambio climático.

A solución radica en gran parte en respostas sólidas que invistan na prevención.

Con todo resulta alarmante a escasa cantidade de recursos económicos que os países están a destinar. Tan só un 5% da axuda gobernamental mundial vai destinada á violencia de xénero e invístese menos do 0,2% na súa prevención.

Precísase máis recursos económicos nas organizacións de mulleres, melloras na lexislación e a aplicación da xustiza, servizos para os sobreviventes e capacitación para axentes da orde pública.

A violencia de xénero é un custo para todas e todos nós.

(https://www.un.org/es/observances/ending-violence-against-women-day)

23/11/23

A importancia de xestionar ben o diñeiro

"Se engades o pouco ao pouco e falo así con frecuencia, pronto chegará a ser moito." Hesíodo. Poeta da Antiga Grecia

Dentro do programa Eduemprende da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades,  o programa de AFundación ofertou ao noso centro a actividade "Gran Prix financeiro. Xogamos a ser maiores?"

Nesta actividade o noso alumnado  de 4º, 5º e 6º de Primaria, a través dunha experiencia baseada no xogo da OCA,  aprende a valorar o esforzo para poder ter a capacidade de mercar e elixir entre os desexos e as necesidades, e a xestionar adecuadamente un orzamento mensual para chegar á meta con diñeiro aforrado.

Unha maneira distinta de traballar valores, neste caso relacionados coa economía, e formar persoas competentes para enfrontar distintas situacións da vida cotiá.

22/11/23

"A música é a poesía do aire"

 "A música pode dar nome ao innombrable e comunicar o descoñecido". Leonard Bernstein, Músico estadounidense

O 22 de novembro celébrase o Día Internacional da Música, como unha data dedicada a todos os músicos e amantes da música.

Nesta data conmemórase a morte de Santa Icía, patroa dos músicos. Esta mártir cristiá foi retratada no século XV polos artistas da época, sempre tocando o arpa ou outros instrumentos musicais. Por iso vinculóuselle tanto a esta arte da música. (https://www.diainternacionalde.com/ficha/dia-internacional-del-musico)

A música, entre outros moitos beneficios, é capaz de reducir a ansiedade e o estrés, contribúe a reducir a sensación de dor física, axúdanos a mellorar a nosa memoria, sóbenos o estado de ánimo volvéndonos máis optimistas, activa a segregación de óxido nítrico no noso sangue e axúdanos a mellorar a circulación e serve de tratamento para algunhas lesións cerebrais.

Ademais, dános acubillo, acompáñanos e mesmo ás veces, algunhas cancións sérvennos de espello para que cheguemos a ser conscientes de cales son os nosos problemas e que é o que de verdade nos importa.(https://los40.com/los40/2021/06/20/musica/1624020280_204601.html)



21/11/23

Descubrindo mulleres referentes

 “A proba para saber se podes ou non facer un traballo non debería ser a organización dos teus cromosomas”. Bela Abzug, política estadounidense

Comezamos a conmemorar o 25N Día Internacional contra a Violencia cara ás Mulleres cunha actividade proposta polo Centro de Información á Muller do Concello de Xinzo de Limia. Neste Escape Room o alumnado de cuarto e sexto de Ed. Primaria tiñan que traballar en grupos para buscar pistas que lles levaran ata o descubrimento de que muller estaban a investigar.

Rosalía de Castro, María Pita, Maruja Mallo e Concepción Arenal son as catro mulleres que nesta actividade se  lles presentan ao noso alumnado para que poideran descubrir e recoñecer  nelas referentes de igualdade e empoderamento feminino.

Visibilizar, educar e formar ás novas xeracións será o primeiro paso básico para erradicar condutas violentas e de segregación e discriminación por causa de xénero. 

Podedes ver a reportaxe que nos fixeron na TVG neste enlace:

https://www.edu.xunta.gal/centros/ceiprosaliaxinzo/?q=node/925

20/11/23

As nosas opinións importan

 "O que se lles dea aos nenos, os nenos darán á sociedade." Karl Menninger, psiquiatra estadounidense

Baixo este potente e fermoso lema tivo lugar hoxe o encontro que a Plataforma de Organizacións da Infancia Galegas organizou hoxe na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela. Asistimos cerca de 200 escolares de entre 8 e 12 anos pertencentes a catro centros educativos galegos e da Fundación Down Compostela. Os participantes agruparon as súas achegas en catro ámbitos: bens de primeira necesidade, pobreza, ocio e cultura, educación e saúde.

Neste encontro puxemos en común as conclusións dun proceso participativo convocado pola Plataforma de Organizacións de Infancia este ano baixo o lema “Infancia e Pobreza” e que ten como obxectivo que as propostas dos e das rapazas sexan tidas en conta no desenvolvemento de políticas públicas.

19/11/23

Heráldicas, torres e castelos

“Os valores son os escudos que levas ao longo da vida e protéxenche de todo o que a vida che depara”. Raíña Rania de Xordania.

Dentro dos actos da inauguración da exposición “Os nosos castelos: A Limia, terra de torres”, organizada polo Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento,  o noso alumnado de 3º e 5º de Educación Primaria levou a cabo un taller de heráldica impartido por Jeniffer, unha das súas investigadoras, para que deseñen o seu propio escudo familiar.
Nesta actividade coñecemos todos os elementos que compoñen un brasón e todo o vocabulario relacionado con eles (cores, disposicións, ….) e puxemos en práctica todo o aprendido para levar o noso propio “escudo de armas”.
Unha actividade que nos ensina aprendizaxes distintos da man de verdadeiros especialistas nesas materias.



17/11/23

Reflexionar e traballar sobre os nosos dereitos

'O marabilloso da infancia é que calquera cousa é nela unha marabilla'. Gilbert Keith Chesterton. Ensaísta inglés.

Seguimos a preparar a nosa participación no Día da Infancia 2023 que se vai celebrar o vindeiro luns, 20 de novembro, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, organizada pola Plataforma de organizacións de Infancia de Galicia (POIG), onde conmemoraremos tamén a sinatura da Convención sobre os Dereitos d@ Nen@ das Nacións  Unidas.

Seguimos traballando con Lucía, Mila e Estela, do CDR O Viso, as que queremos agradecer o seu compromiso e a súa dedicación con este proxecto para preparar a nosa intervención diante dos demáis centros onde reflexionaremos sobre que condiciona as posibilidades de ocio e cultura entre a poboación infantil e adolescente e nas contornas onde se desenvolve a súa vida e proporemos algunhas solucións.

Estamos aprendendo un xeito distinto de traballar, onde somos os verdadeiros protagonistas de todo o proceso e chegamos a conclusións que, doutro xeito, sería máis complicado alcanzar.

16/11/23

Triloxía Fotográfica de Blas González «Cadernos da Limia»

 


"Cando fotografías a unha persoa en cor, fotografías a súa roupa, cando o fas en branco e negro, fotografías a súa alma." Ted Grant, político británico

"Paisaxe, identidade e memoria, configuran o corpo desta triloxía fotográfica que levou ao autor, o fotógrafo Blas González (que desenvolve a súa carreira entre España e Reino Unido onde completa a súa formación na University for the Creative Arts), nunha viaxe sen retorno emocional ás terras limianas: “Notas dunha lagoa ausente” (paisaxe), “Civitas Limicorum” (retratos) e “Interseccións” (arquivo intervido). A identidade é un tecido de natureza sutil, tramado cos fíos invisibles da memoria e as delgadas hebras que nos vinculan aos lugares que amamos. Os Cadernos da Limia son, en parte, resposta a esa pregunta de identidade. Hai moito de procura persoal nestes Cadernos que se inician interrogando á paisaxe, que buscan nos arquivos da memoria ou que se miran no espello das persoas retratadas. E o caderno vermello que acompañou a Blas nesta viaxe foi a carta de bitácora na que rexistrou nomes de persoas e lugares, datas, recordos, anécdotas e… fotografías." (https://www.sandias.es/novas/actividades/exposicion-triloxia-fotografica-de-blas-gonzalez-cadernos-da-limia/)

Por iso,  temos unha cita ineludible o vindeiro sábado, 18 de novembro ás 18.00h no corazón da Limia, nas beiras mesmas da Lagoa ausente para asistir á inauguración da exposición “Cadernos da Limia: Paisaxe, Identidade e Memoria” na Casa da Cultura do Concello de Sandiás. Non a podedes perder!!

15/11/23

Coñecemos a pegada franciscana na cidade de Ourense

"O verdadeiro ensino que transmitimos é o que vivimos; e somos bos predicadores cando poñemos en práctica o que dicimos." San Francisco de Asís

O alumnado de sexto de Primaria tivo a oportunidade de participar da man do Arquivo Histórico Provincial de Ourense en dúas actividades relacionada coa pegada que os monxes franciscanos deixaron na cidade de Ourense.
Por unha banda, fixeron a visita dramatizada "Os segredos dos franciscanos", deseñada especialmente para complementar coñecemento sobre o legado histórico e artístico que os franciscanos deixaron na cidade de Ourense. Nesta actividade tamén se pon en valor o patrimonio documental, moi rico e descoñecido para moitas persoas de calquera idade, dunha forma amena, dinámica e adaptada a cada nivel educativo. 
Xoana a lavandeira e Frei Xan o Farrapeiro invitaron  a descubrir ao noso alumnado os segredos dos franciscanos a través dun percorrido por lugares emblemáticos da cidade que rematou cun entretido xogo histórico no claustro do antigo convento de San Francisco, hoxe sede o Arquivo Histórico Provincial.
O outro grupo levaron a cabo o Obradoiro de escritura medieval, onde de xeito moi participativo coñeceron todo o relativo á escritura da Idade Media, poñendo en valor singulares documentos históricos do período. Aprenderon como elaboraban a tinta os monxes daquel tempo e utilizaron unha pluma de ave para escribir un documento que deu  fe da liñaxe de cada participante.
Trátase dunha experiencia moi enriquecedora dende o punto de vista didáctico, xa que permite ver o contraste existente entre os nosos acelerados tempos dixitais fronte a un pasado analóxico no que a pericia manual e o tempo pausado eran a dinámica da cultura.




13/11/23

Que ben se nos recoñece!

"Os bibliotecólogos non teñen todas as respostas, pero, sen dúbida, saben como atopalas"

O alumnado de sexto xoga un papel fundamental dentro da nosa Biblioteca Escolar e do Espazo Creativo do centro. El@s son os encargad@s de colaborar no préstamo de libros, na colocación dos exemplares devoltos, aconsellando ao alumnado máis pequeno na escolla de títulos e outras moitas funcións que desenvolven ás mil marabillas!

Este ano contamos cunhas novas prendas que os identifican e que son máis sinxelas de usar e, tal como podedes comprobar, son moitísimo máis visibles. 

Dende aquí, agradecer ese rol que este alumnado fai, "sacrificando" o seu tempo de lecer para atender e axudar a tod@s @s seus/súas compañeir@s!!!





11/11/23

Os lugares onde venden soños e ilusións

"Unha librería é unha das poucas evidencias que temos na actualidade de que a xente segue pensando." Jerry Seinfeld (cómico e escritor estadounidense)

Nunha época na que cada vez é máis frecuente os envíos a domicilio por Amazon ou calquera outro servizo, bótase en falta o contacto que dá acudir á librería de barrio, charlar co libreiro de quenda e, sobre todo poder sentir os libros fisicamente, de primeira man, e pasar as súas follas ata decidir cal levar a casa. É este un marabilloso ritual que se está perdendo cos anos e que con esta festa tod@s temos a oportunidade de recuperar.

Nós seguimos recomendando as  librarías da nosa vila: Libraría Saraiba, Libraría Follas Novas, Libraría Naville, Libraria Galaica, Libraría Vidal, Libraría Carlin e  Libraría Espazo Lector Nobel para adquirir todos eses "marabillosos artefactos" que nos permiten viaxar e coñecer outros mundos: os libros. Falar con esas persoas, os libreiros e as libreiras,  que coñecen mellor que ninguén todas as posibilidades que temos ao noso alcance e deixarnos aconsellar por elas, sabemos que é un éxito seguro á hora de comezar a ler calquera título literario.

O ilustrador madrileño Javier Navarrete, coñecido como "El Chico Llama", foi o encargado de deseñar a ilustración da edición deste ano do Día das Librerías, coa que quixemos destacar que nas librerías hai vida.

Sobre a ilustración Javier cóntanos:

“Na gran maioría das miñas ilustracións sempre inclúo persoas lendo… Son instantes individuais e privados que non adoitamos dar importancia, pero que entrañan beleza en si mesmos. Sempre tiven as librerías como un espazo case máxico cargado de historias que che convida a abandonar o trafego das rúas e a viaxar a lugares remotos simplemente cruzando a porta. Ter a oportunidade de ilustrar o cartel do Día das Librerías 2023 foi unha sorte porque me permitiu, en certa maneira, poder recrear esa sensación e representar con vectores o que sinto ao visitar unha librería de toda a vida, onde un libro en si mesmo convértese en librería e ábreche as súas portas a un mundo cheo de aventuras.” (https://www.diadelaslibrerias.es/presentacion/)

Estamos de aniversario!!!

"Chegará un día que os nosos recordos serán a nosa riqueza."

Paul Géraldy (1885-1983) Poeta e dramaturgo francés.

"En la Agrupación Comarcal nº1 de Ginzo de Limia y bajo la presidencia de la Inspectora Dña. Mª Pura Sánchez con asistencia de ..." Así comeza a acta nº 1 do primeiro Libro de Actas do noso centro, que recolle a primeira reunión do claustro do profesorado celebrada alá polo novembro do 1974...

Segundo nos relata Gonzalo Iglesias Sueiro, segundo director dos catro que ata o de agora ten tido o noso cole, o centro recibiu o primeiro alumnado un frío luns, 11 de novembro, San Martín de Tours, do 1974, fai hoxe corenta e nove anos...

Son moitas as vivenzas e anécdotas que tod@s nós poderiamos contar do acontecido  estes anos e moitas as  mestras, mestres e sobre todo, nenas e nenos que teñen pasado polo noso centro, hoxe algúns e algunhas máis recoñecid@s e outr@s máis anónim@s. 

Pero non cabe dúbida que tod@s el@s (familias, persoal docente e non docente e todo o alumnado)  son o máis importante do noso cole e xa forman parte da historia del e hoxe, 11 de novembro de 2023, queremos recordalos e darlles unha forte aperta como rosalian@s que  tod@s somos

Os recordos son a nosa riqueza, di Géraldy, e non temos ningunha dúbida que a infancia de moit@s está forxada en gran parte polas boas lembranzas que viviron dentro desta nosa "Agrupación Comarcal nº1 de Ginzo de Limia"... O noso cole Rosalía!

Por outros corenta e nove anos máis!!!




10/11/23

Día Mundial da Ciencia 2023

"O que coñecemos é unha pinga, o que non coñecemos é un océano." (Isaac Newton)

Celebrado cada 10 de novembro, o Día Mundial da Ciencia para a Paz e o Desenvolvemento destaca o importante papel da ciencia na sociedade, e a necesidade de involucrar a diversas audiencias nos debates sobre temas científicos emerxentes. Tamén subliña a importancia e relevancia da ciencia na nosa vida cotiá.

Este ano 2023, o Día Mundial da Ciencia celébrase baixo o lema: Xerar confianza na ciencia.

A ciencia só pode asumir plenamente o seu papel na configuración do noso futuro colectivo se xera confianza. De feito, é a confianza na ciencia o que impulsa o desenvolvemento e a aplicación de solucións baseadas en evidencia para resolver os múltiples desafíos do noso mundo. 

A confianza na ciencia é unha cuestión complexa. Afecta a forma en que traballan os científicos e a forma en que a sociedade percibe a ciencia. Ademais, xerar confianza na ciencia tamén fortalece as decisións políticas baseadas na ciencia e o apoio social para a súa implementación. (https://www.unesco.org/es/days/science-peace-development#theme)

Para aprender máis e ter lecturas moi amenas e axeitadas a cada idade as #bescolaresgalegas, mediante a súa plataforma de préstamos dixitais para as Bibliotecas Escolares (E-LBE.2) pon ao dispor de todo o noso alumnado unha gran selección de títulos relacionados co campo da ciencia. Preme na imaxe para acceder ao catálogo e co teu carné da Biblioteca do cole poder acceder ao préstamos deses libros. Un xeito distinto de conmemorar este Día Mundial da Ciencia.




9/11/23

Outro xeito de pasar os recreos

 "O xogo é o traballo dos nenos". María Montessori

O espazo creativo da nosa Biblioteca Escolar... non para! Ademáis da hora que cada grupo ten asiganada semanalmente para facer outro tipo de aprendeizaxes neste espazo, é moito o alumnado que, por quendas, emprega este lugar para pasar o seu recreo.

Espazos de aprendizaxe diversos para acadar destrezas competenciais mediante actividades lúdicas!!




8/11/23

CONCURSO FOTOGRAFÍA E CIENCIA

Seguindo o fío do mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, queremos lanzar unha nova actividade relacionada con este eido. Desta volta pensamos nun concurso que mesture creatividade a través da fotografía e o uso da tecnoloxía con fins creativos e divulgativos. Para tal fin, lanzamos para a nosa Comunidade o I Concurso de Montaxe Fotográfica e Ciencia.

Para participar deixamos a información no seguinte cartel e a continuación do mesmo as bases do concurso. Esperamos que o disfrutedes en familia e que vos animedes a participar.


I CONCURSO FOTOGRÁFICO:A CIENCIA EN IMAXES


BASES PARA O CONCURSO:

1. Pode participar todo o alumnado matriculado no CEIP Rosalía de Castro.

2. Podemos entregar unha proposta de montaxe fotográfica por alumno ou alumna.

3. As propostas teñen que ser orixinais ( montadas e fotografiadas por nós mesmos) e non poden incluir imaxes de persoas nin imaxes copiadas e pegadas da Internet.

4. Podemos utiliza programas de edición de fotografía mesturados con imaxes reais montadas por nós.

5. As montaxes deben estar relacionadas coa temática da Ciencia e o ámbito científico.

6. As propostas enviaránse por correo electrónico antes das 23.59 do día 26 de novembro de 2023 a:

acharcadoslibros@gmail.com

Indicando: nome e apelidos do alumno/a autor/a, curso e título da proposta.

Debemos engadir nun arquivo adxunto a imaxe en formato jpg ou png.

Faremos unha exposición de propostas no blog da charca dos libros e no propio Centro unha vez selccionadas e valoradas polo Equipo de Biblioteca.

HABERÁ PREMIO PARA AS TRES PROPOSTAS MELLOR VALORADAS!


A ponte entre a escola e a sociedade

"O patrimonio cultural inmaterial ou “patrimonio vivo” refírese ás prácticas, expresións, saberes ou técnicas transmitidos polas comunidades de xeración en xeración"   UNESCO

Este ano 2023 cúmprense 20 anos da aprobación da Convención da UNESCO do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) e consideramos un bo momento para reflexionar sobre os efectos da sua aplicación despois de dúas décadas de funcionamento, e tamén sobre o papel da educación superior na identificación, valoración, interpretación e dinamización do PCI a través da educación, entendida esta nunha perspectiva holística.

A organización “Ponte....nas ondas!”, ONG consultora da UNESCO desde 2015 e recoñecida en 2022 como modelo de boas práticas do PCI na UNESCO, o Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo, a “Facultade de Educación e Traballo Social” da Universidade de Vigo e a Universidade Trás-Os-Montes e Alto Douro (UTAD), organizan este 6º Congreso Internacional en colaboración coas institucións, universidades e outras organizacións do PCI co propósito de dar impulso ao uso educativo do PCI.

Máis información e matrícula en https://pontenasondas.org/congreso-2023/






7/11/23

MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

Sempre é un bo momento para achegar ó alumnado á Ciencia e aprender a través da experimentación. Con esta proposta pretendemos que a BIBLIOTECA e o  ESPAZO CREATIVO faciliten este tipo de experiencias durante este mes e, por suposto, o longo de todo o curso.


Eco-reto de novembro

No mes de novembro, o reto é: investigamos para coñecer a importancia da fauna e flora e conservar a nosa biodiversidade, os diferentes hábitats e o patrimonio natural.  Hashtag: #RetoInvestigamos.
É dicir, ás fotos ou vídeos dos retos que subades ás vosas redes sociais, ao longo do mes de novembro, debedes engadir: #AccionVozNatura #RetoInvestigamos (ademais de  etiquetarnos con: @voznatura).



6/11/23

O trasmundo de Antioquía

"Un mapa do século XVIII no que se agocha un segredo. Unha carta escrita por un home ás portas da morte. A antiga lenda dunha cidade asolagada baixo as augas da lagoa de Antela. Unhas antigas torres que protexen e limitan un mundo diferente. Un mundo onde se agochan os exércitos de cínifes que seguen a agardar polo seu rei Artur. Un mundo no que o tempo non existe. Un mundo no que, de atopar a entrada, acadas algo inimaxinable: a inmortalidade"

Edicións do Cumio publica O trasmundo de Antioquía, novela que o ourensán Rafael Laso ambienta nun mítico mundo oculto baixo as augas da lagoa de Antela. Valéndose dunha íntima conxunción entre realidade e ficción, entre o histórico e o fabulado, Rafael emprega a narración legada por un avó ao seu neto para conducirnos polo fabuloso trasmundo da lagoa. Deste modo arranca unha viaxe chea de probas, perigos sobrenaturais e sobre todo historias, as cales entroncan con aquelas crenzas populares que sobreviven neste mundo e coa mitoloxía artúrica.

Unha obra chea de imaxinación na que a esperanza e a crenza de que hai un lugar onde as historias que nos contaban de nenos nunca morren se convirten pouco a pouco no tema central e último do libro. (http://culturagalega.gal/lg3/novidade.php?Cod_prdccn=1702)

Estamos tod@s convidad@s á presentación desta nova novela do autor nado na nosa vila e que nos achega a espazos moi recoñecibles para tod@s nós.  Para non perder!!



5/11/23

Que sabes do Samaín?

“É paradoxal que moitos educadores e pais aínda diferencien entre un tempo para aprender e un tempo para xogar sen ver a conexión vital entre os mesmos."

Leo Buscaglia (profesor no Departamento de Educación Especial da Universidade do Sur de California)

O Equipo de Dinamización Lingüistica do noso centro preparou unha xincana, aproveitando o circuito permanente de orientación instalado por Trictrark no patio do cole, onde o alumnado ten que buscar unha serie de preguntas relacionadas, neste caso coa celebración do Samaín, guiándose por un mapa, acadando unha puntuación que se sumará ao final da proba no punto de reunión.

Un xeito distinto de aprender de maneira lúdica, cambiando os espazos tradicionais de aprendizaxe e traballando distintas competencias educativas.






3/11/23

Novembro, Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas

 "A ciencia é a  estética da intelixencia." Gaston Bachelard 

(Filósofo e físico francés)

Tamén nas bibliotecas escolares de Galicia.

Tamén na nosa Charca dos Libros!




2/11/23

Samhain, Samaín!!

 ”Calquera podía ver que o vento era un vento especial esta noite, e a escuridade adquiría un cariz especial porque era a véspera de Todos os Santos”. 

Ray Bradbury. escritor estadounidense de ciencia ficción

O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor.

Todo o alumnado do centro participou da celebración desta data, vindo disfrazado ao cole e facendo actividades relacionadas con estas datas (cata de alimentos de outono, visionado de películas, ...)

A nosa ANPA tamén contribuiu coa entrega a todo o alumnado de Ed. Infantil e Primaria dunha bolsa "terrorífica" cunha pequena "merenda" de media mañá, que puideron tomar no recreo.

De igual xeito no comedor, da man das nais/pais colaboradoras, tamén tivemos unha decoración "terrorífica" e algún que outro sustiño... 

Pero, sen dúbida, todo o alumnado de Educación Infantil foi o que máis gozou desta xornada. Todas as súas mestras prepararon un "escape room" con moitas estacións onde pasaron moi bos ratos de entretemento e de moita diversión. Queredes vel@s? Non perdades este video...