Páginas

Biblioteca escolar

31/10/23

Actualización docente imprescindible

“Aceptar e respectar a diferenza é unha desas virtudes sen as que non se pode escoitar.”  Paulo Freire. Pedagogo e filósofo brasileiro 

Iniciamos unha serie de xornadas de formación e actualización sobre diferentes temas que están presentes no día a día no noso centro.

Desta volta foi a quenda de todo o relacionado co alumnado de espectro TEA: nocións básicas para identificar as súas principais características, estratexias de aprendizaxe con el@s, pautas de actuación ante distintas situacións que poidan aparecer na aula, ...

Foi unha sesión impartida por Paula Carreiro e Rita Reza de AGAMPI onde puxemos de manifesto que o labor do profesorado debe contemplar as individualidades que ten na aula e darlle, na medida das súas posibilidades e contando cos apoios necesarios, esa atención especial que este e o resto do alumnado precisa. En resumo, a inclusión de todas e todos neste longo camiño de estadía escolar como elemento distintivo do noso centro educativo.



30/10/23

Ser Donas de Si!

"Porque todavía no les es permitido a las mujeres escribir lo que sienten y lo que saben."  Rosalía de Castro. "La hija del mar", 1859

Tiñamos pendente do curso pasado  unha actividade englobada dentro do Plan Proxecta do centro,  un contacontos pola igualdade, dentro da actuación Donas de Si.

Con ela pretendemos dar visibilidade e empoderamento ás mulleres como pezas fundamentais do desenvolvemento da sociedade galega e como punto de partida para traballar nas nosas aulas a igualdade e os estereotipos de xénero.

O escritor Enrique Mauricio presentou ao alumnado de 2º de Educación Primaria a obra e vida da “nosa” Rosalía de Castro, referente máis que coñecido para to@s nós!

Ademais,   a ilustradora Tania Solla deunos pautas para crear as nosas propias ilustracións de Rosalía. Resultou unha sesión ben interesante!




29/10/23

Quen nos representa? Quen nos goberna?

"A democracia é o goberno do pobo, polo pobo, para o pobo."

Abraham Lincoln (1808-1865) Político estadounidense.

O pasado venres 28 de outubro e da man do Programa “Coñece as túas institucións”, convenio de colaboración asinado entre o Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade que permite organizar visitas guiadas conxuntas ás sedes do poder lexislativo e do poder executivo galegos para o alumnado de 5º e 6º de educación primaria e alumnado de educación secundaria obrigatoria de centros educativos de titularidade pública da Comunidade Autónoma.  Na compaña d@s compañeir@s do CEIP Plurilingüe das Vendas da Barreira visitamos o Parlamento de Galicia e o Edificio Administrativo da Xunta de  Galicia en San Caetano .

No primeiro coñecemos moitas curiosidades da sede do poder lexislativo de Galicia. Recordamos que as 75 deputadas e deputados que o forman teñen tres funcións básicas e comprobamos, percorrendo dúas das súas tres plantas,  que o noso Parlamento é un verdadeiro museo de arte galego con máis de 300 obras de artistas galegos dos séculos XIX, XX e XXI entre os que podemos destacar a Laxeiro, Quesada, Buciños ou Acisclo Manzano entre outros.

Acompañounos o deputado da nosa vila Carlos Gómez Salgado, quen respondeu a un montón de dúbidas que tiñamos sobre o funcionamento e outras moitas curiosidades da nosa Cámara de Representantes. Grazas por acompañarnos sempre que visitamos o Parlamento e polo cariño e atención especial co que sempre nos tratas!

Xa na sede da Xunta de Galicia explicounos Alejandra como este Edificio de San Caetano tivo moitos usos ante de albergar os servizos centrais do goberno autonómico. Foi un instituto para nenas e nenos xordos, hospital militar durante a guerra civil e ata chegou a funcionar como cárcere. Fixemos de secretarios xerais e dos distintos conselleiros que constitúen o noso goberno e aprendemos os ámbitos de xestión dos que se ocupan as distintas consellerías.

Finalizamos esta xornada tan especial na casa da "nosa" Rosalía de Castro en Padrón. Alí observamos as estancias e os aveños que ela e a súa familia empregou nos derradeiros anos da súa vida.

Outra xornada para non esquecer cunha chea de cousas gravadas na nosa memoria, moi difíciles de esquecer.



26/10/23

Novos espazos para ler!

"A lectura a todos fainos inmigrantes. Lévanos lonxe de casa… pero o máis importante é que nos atopa fogares en todas partes."  Jean Rhys (Novelista anglo-caribeña)

Abrimos a nosa biblioteca escolar a novos espazos dentro do cole para achegarvos aínda máis a posibilidade de poder facer viaxes marabillosas a través dunha escolla de libros nos que seguro atopades a oportunidade de coñecer outras realidades. Non dubidedes en pasar polo Patio das Bolboretas ou polo Patio Inglés de Infantil para atopar esa escolma de libros que fixemos para vós.



25/10/23

Benestar, tolerancia e convivencia positiva

"As emocións son a esencia da vida. Cando temos tempo libre procuramos realizar actividades que activen en nós emocións que nos satisfagan. Sen emocións seriamos como máquinas."

 "Viajar al universo de las emociones". Rafael Bisquerra  

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, foi quen inaugurou o Congreso de coordinadores de benestar e convivencia, onde salientou a aposta da Xunta de Galicia “por garantir que ningún alumno se sinta discriminado e por ofrecer á comunidade educativa unha contorna saudable na que se prime o benestar, a tolerancia e a convivencia positiva”.

Neste encontro, no que participan 1.000 profesionais, destacou que a Xunta ten en marcha a Estratexia Galega de Convivencia Escolar, unha folla de ruta deseñada para orientar aos docentes de cara a mellorar a educación emocional e fortalecer o bo clima de cohesión grupal nas aulas, así como o novo Plan de Benestar Emocional, un documento publicado a inicio de curso que amplía e mellora a estratexia existente, facilitando aos centros, con indicacións prácticas e sinxelas, a aplicación das diferentes medidas.

O congreso contou coa presenza dun dos maiores expertos en educación emocional, o doutor Rafael Bisquerra Alzina, e coa achega de Cristina Gutiérrez Lestón, investigadora no campo das competencias emocionais, que abordou os recursos prácticos que se poden aplicar nos centros neste eido. Así mesmo, houbo un  espazo para o intercambio de prácticas exitosas en centros educativos de Galicia, a través da participación de representantes de cinco centros educativos, en concreto os colexios CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco) e CEIP Rosalía de Castro (Xinzo de Limia), e dos instituto IES Isaac Díaz Pardo (Sada), Maximino Romero de Lema (Zas) e Xograr Afonso Gómez (Sarria).

O encontro pechouse coa actuación musical de alumnado do instituto IES Xesús Taboada Chivite (Verín), representación da actividade que desenvolven no marco do Programa Educación Responsable.

https://www.edu.xunta.gal/portal/node/41332


24/10/23

Ovellas do noso país!

 A grandeza dunha nación e o seu progreso moral pode ser xulgado pola forma en que os seus animais son tratados (Mahatma Gandhi)

Contamos hoxe no noso centro con David, representante da Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga), que é  unha federación de asociacións sen ánimo de lucro que se constitúe en febreiro de 2001 e que naceu coa finalidade básica de conservar e recuperar o patrimonio zooxenético que representan as razas autóctonas en perigo de extinción dentro da nosa comunidade. 

Falounos un pouco máis polo miúdo da raza “ovella galega”, a mascota da nosa aula, que ten na  Asociación de Criadores da Raza Ovella Galega (Asovega), constituída en xuño de 2000 como asociación sen ánimo de lucro e con seis socios fundadores, a súa gran defensora. A partir desa data foi congregando numerosos gandeiros que ingresaron como socios, todos coa preocupación común de recuperar a raza Ovella Galega e levala ao lugar que se merece como patrimonio xenético e cultural da nosa comunidade. Asovega conta co recoñecemento oficial por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar para o Programa de Recuperación da Ovella Galega e a xestión do seu Libro Xenealóxico.

Non queda máis que seguir aprendendo sobre estas razas para poñer en valor todo o que é noso de seu! Anímaste a botarnos unha man?











23/10/23

PROPOSTA DA SEMANA NO ESPAZO CREATIVO

Comezamos este espazo onde procuraremos actualizar tódalas semanas unha proposta para o espazo creativo da nosa Biblioteca nos recreos.
Nesta etiqueta tamén faremos propostas para cando o alumnado vai nas súas titorías nas horas asignadas o seu grupo (onde tamén poden aproveitar a proposta semanal dos recreos ou plantexar outras dinámicas propias).
Tamén aproveitaremos este novo espazo para visualizar e difundir actividades que levemos a cabo no espazo e moito máis que vaia xurdindo ó longo do curso.

PROPOSTA SEMANAL CREATIVA de ALFREDO DORRIBO

21/10/23

Unha ameaza chegada dun espazo exterior

"É inmensamente triste ver como a natureza está a falarnos e os humanos non escoitamos." Victor Hugo

“Unha ameaza chegada dun espazo exterior” é unha exposición itinerante, creada coa financiación da Deputación da Coruña, que trata a problemática da flora exótica invasora no curso medio dos ríos galegos, procurando sensibilizar, educar e motivar cara a acción ambiental responsable no eido das invasións biolóxicas provocadas pola flora alóctona" (https://www.amabul.org/divulgacion-ambiental/)

Da man de Miriam percorremos esta interesantísima exposición onde se nos amosan os perigos aos que a nosa contorna se enfronta diariamente e aprendemos como podemos actuar nós diante desas ameazas.

Unha mañá chea de aprendizaxes e xogos diferentes ao redor do que nos é máis próximo, traballando os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, promulgados pola ONU o 25 de setembro de 2015, onde os líderes mundiais adoptaron un conxunto de obxectivos globais para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todos como parte dunha nova axenda de desenvolvemento sostible. Cada obxectivo ten metas específicas que deben alcanzarse nos próximos 15 anos. 

Apuntaste a este gran desafío?








19/10/23

Construíndo outras aprendizaxes

"Todas as aprendizaxes da vida, fanse xogando". 

Francesco Tonucci (Pensador, mestre, sicopedagogo e debuxante italiano)

Volve o Espazo Creativo da Biblioteca Escolar a tomar forzas para acoller a todo o alumnado do centro con todos os seus recunchos de aprendizaxe cheos, xa sexa nos tempos de recreo ou nas horas que cada grupo ten asignadas no seu horario.

Xogos de construcción, creación artística, xogos de destreza mental, ... son algunhas das moitas posibilidades que todas as nenas e nenos do noso cole poden atopar neste espazo pensado e feito para aprender xogando e para xogar aprendendo!

Anímaste a vir?

18/10/23

O noso Mar de Antela

"A cura para calquera cousa é auga salgada: a suor, as bágoas ou o mar. "
Isak Dinesen. (Escritora danesa)

Convidad@s polo equipo directivo do IES Lagoa de Antela, asistimos á inauguración oficial do seu Mar de Antela, un traballo interdisciplinar onde estiveron implicad@s 105 alumnas e alumnos do 1º curso da ESO do curso pasado, moit@s del@s, rosalian@s!
É todo un orgullo para nós comprobar como o noso alumnado segue mantendo esa gran capacidade de traballo que xa tiñan na escola, esas ansias de aprender, ese non conformarse co "académicamente" correcto e sempre buscar algo máis.
Non nos queda máis que dar os nosos inmensos parabéns a todo o profesorado implicado e ao equipo directivo do centro  neste fermosísimo traballo que esixe horas e horas fóra de horario lectivo e amosa un compromiso co seu traballo e o seu alumnado alén do establecido.
E, por suposto, felicitar a eses 105 nenas e nenos que nos demostran día a día que aprender pode e debe ser divertido e gratificante e que levar adiante proxectos  como estes que perdurarán no tempo deixan, sen dúbida, unha pegada difícil de borrar!






17/10/23

Boas Prácticas no noso cole!

"A convivencia non é a ausencia de conflitos, senón a habilidade de lidar con eles de maneira pacífica." Ronald Reagan

Celébrase mañá, 18 de outubro, en Santiago de Compostela o Congreso de Coordinadoras/es de Benestar e Convivencia de todos os centros de ensino de Galicia, onde ademáis da asistencia da nosa coordinadora, tamén fomos escollidos como un  dos seis centros que levan a cabo Boas Prácticas neste ámbito tan fundamental na convivencia escolar. 

Moi orgullos@s da ponencia que van a levar a cabo Rita e Estefanía diante d@s compañeir@s de toda a Comunidade Escolar!






Polos Creativos. Novas oportunidade de aprendizaxe

"A creatividade non se gasta. Canto máis usas, máis tes". 
Maya Angelou (escritora, poeta, cantante e activista polos dereitos civís)
Asistimos á xornada de formación de Polos Creativos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
Vencellar o mundo tecnolóxico á creatividade e dotar ao alumnado en igualdade de oportunidades das destrezas e competencias do século XXI son dúas das liñas principais de traballo desta nova iniciativa de innovación educativa na que o noso centro xa leva traballado a través do Espazo Creativo da nosa BE.
A implementación deste novo equipamento que chegará ao noso cole nos vindeiros meses vai supor un salto cualitativo e cuantitativo moi significativo no ámbito de formación tecnolóxica de toda a Comunidade Educativa.
Non queda máis que actualizarse neste proceso de formación continua que as novas estratexias da Consellería propón e coas que estamos convencid@s que o noso alumnado vai adquirir novas ferramentas e competencias coas que afrontar os novos retos educativos que temos por diante.





15/10/23

Mais um ano!

"O rio tem uma grande sabedoria e sussurra os seus segredos ao coração dos homens”. Mark Twain.

Un ano máis fomos convidados pola Câmara Municipal de Ponte de Lima, a través do Serviço da Area Protegida das Lagoas de Bertiandos e S. Pedro d'Arcos, a participar no XII Abraço ao Rio Lima.

Desta volta estivemos acompañados na propia xornada do Abraço polo CEIP Carlos Casares e para os dous días que alí permanecemos, tamén quedaron en Ponte de Lima @s compañeir@s do  CEIP Plurinlingüe das Vendas da Barreira. Tamén estiveron con nós, representando ao Concello de Xinzo de Limia,  o concelleiro de Cultura, Turismo, Educación e Relacións Institucionais, Carlos Gómez Salgado e o de Promoción Económica, Emprendemento, Emprego, Participación Cidadá, Festexos e Xuventude, Ricardo Sieiro Opazo. Moitas grazas por compartir estes encontros con nós e facer posible  estas fermosas xornadas.

Debemos dar as grazas tamén a todo o persoal do CE das Lagoas que tan ben nos mimou en todo o que respecta a intendencia, coordinados perfectamente por Ana e Sara do Serviço da Area das Lagoas.

Amosar un fondo sentimento de agradecemento ao CE da Feitosa, que nos acompañou en todas as actividades que fixemos. Estamos esperando por vocês e as turmas do CE das Lagoas o vindeiro mês de maio em Xinzo de Limia!

Felicitar a todo o alumnado que tomou parte neste XII Abraço polo seu comportamento exemplar que tiveron estes dous días. Felicitáronos alá onde fomos e a súa participación en todas as actividades que fixemos foi  case de dez!  Tamén foi destacable a boa harmonía e compañeirismo que houbo no grupo, incluíndo ás cinco alumnas do CEIP Plurinlingüe das Vendas coas que tivemos o pracer de compartir estas dúas xornadas.

E por suposto agradecer especialmente ás titoras do grupo, Pepa, Manuela e Mari e a profe Ana do CEIP Plurinlingüe das Vendas polo seu compromiso, unha vez máis,  co traballo que fan, moito máis alá de calquera obriga que poidan ter. Sen elas....nada disto sería posible...Grazas, compañeiras!

E pouco máis. Aquí tedes unha pequena mostra do que vivimos tan intensamente estes dous días, só agardando que chegue maio para darlle unha continuidade a esta fermosa unión que o Rio Lima nos brinda ano a ano…

Podedes visitar http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipvendasdabarreira/node/262 para saber máis destes dous días de convivencia.



9/10/23

HOXE ABRIMOS A BIBLIO!

Hoxe, por fin abrimos a Biblioteca para comezar coas actividades.É interesante que vexades e comentedes a seguinte presentación na vosa clase e cos vosos mestres e mestras titores. ESPERÁMOSVOS!!!

8/10/23

Volvemos a Ponte de Lima!

Nasci à beira do Rio Lima,

Rio saudoso, todo cristal;

“Inverno”. António Feijó (Poeta portugués)

Co gallo da celebración do XII Abraço ao Rio Lima, o vindeiro martes 10 de outubro o noso alumnado de cuarto de Educación Primaria desprazarase, xunto cos centros CEIP Carlos Casares e CEIP das Vendas da Barreira, á localidade portuguesa de Ponte de Lima para participar nas actividades programadas para esta data pola Câmara Municipal, na que nos acompañarán os concelleiros de Cultura, Turismo, Educación e Relacións Institucionais, Carlos Gómez Salgado, o de Promoción Económica, Emprendemento, Emprego, Participación Cidadá, Festexos e Xuventude, Ricardo Sieiro Opazo e a concelleira de Deportes e Mantemento de Parques e Xardíns, Cristina Campero Dorado.  Esta conmemoración ten lugar dentro do “Convenio de Germinaçao” asinado entre o Concello de Xinzo de Limia e Câmara portuguesa. Grazas á colaboración entre estas dúas entidades é posible realizar ano a ano esta actividade  (e xa van doce no noso cole…)

O noso alumnado e o do cole dos Riós farán noite na Quinta de Pentieiros, xestionada pola Área Protegida das Lagoas de Bertiandos e S. Pedro d'Arcos, para visitar o mércores día 11, a foz do río que nos une  e a Basílica de Santa Luzia. Despois do xantar realizarán  as actividades propostas dentro da Quinta Pedagogica e posteriormente retornarán aos seus concellos de orixe.

7/10/23

Traballamos sobre os nosos Dereitos

'En cada nena e neno deberíase poñer un cartel que dixese: Tratar con coidado, contén soños' (Mirko Badiale, escritor y filósofo italiano).

Un ano máis, con motivo da conmemoración do Día Universal dos Dereitos da Infancia, a Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia mediante a Plataforma de Infancia estatal, co apoio do Ministerio de Asuntos Sociais e Axenda 2030 e da Xunta de Galicia, organiza un proceso participativo para nenos, nenas e adolescentes para a formación, toma de conciencia e divulgación dos seus dereitos recollidos na Convención sobre os Dereitos do Neno.

Este ano, baixo o lema «INFANCIA E POBREZA», intégrase como acción a desenvolver en relación á promoción de iniciativas para a loita contra a pobreza infantil e a exclusión social, co obxectivo de coñecer a visión das mozas e mozos sobre o impacto da pobreza e a desigualdade. 

En colaboración co CDR O Viso, da man de Lucía, Mila e Estela este ano o noso alumnado de terceiro de Educación Primaria participa activamente nesta iniciativa con dúas sesións de traballo no propio centro coas actividades propostas pola POIG e nunha fase posterior participaremos no Acto Central polo Día da Infancia 2023 que realizaremos da man da propia Plataforma, en coordinación coa Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta, en conxunto co Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia (composto por nenos, nenas e adolescentes da comunidade) e outros centros educativos galegos.  

O acto terá lugar en Santiago de Compostela o día luns 20 de novembro, no cal conmemoraremos a firma da Convención sobre os Dereitos do Neno das Nacións Unidas.

A idea é que os grupos de nenos, nenas e adolescentes que participamos nas actividades poidamos expoñer unha das temáticas que se atopan recollidas. Estas son: 

  • Ámbito de bens de primeira necesidade.
  • Ámbito educativo.
  • Ámbito do ocio e cultura.
  • Ámbito sanitario

3/10/23

Aprender xogando é moito máis divertido!!

O principal obxectivo da educación é crear persoas capaces de facer cousas novas e non só repetir o que outras xeracións fixeron ( Jean Piaget).

Todas as aprendizaxes da vida fanse xogando e por iso queremos que os vosos cativos e cativas sumen experiencias divertidas coas que poidan acadar momentos irrepetibles nesta etapa educativa.

Benvidos aos nosos novos venres !!!