Páginas

Biblioteca escolar

27/3/21

Xinzo de Limia xa está no "Universo ARASAAC" !!!

Tal e como anunciabamos fai uns días, xa se pode consultar na páxina web de ARASAAC (http://aulaabierta.arasaac.org/mapa-de-arasaac-visual) a localización e información que figura para o concello de Xinzo de Limia, primeiro e único (esperemos que en breve se sumen máis a esta iniciativa) en contar con pictogramas para identificar os seus edificios de uso público. Parabéns por colaborar nesta iniciativa e por ser concello pioneiro na provincia en traballar pola inclusión de persoas con déficits comunicativos de calquera tipo!!



26/3/21

Seguimos a traballar no noso horto!

Coa chegada do bo tempo son moitos os coidados que require o noso horto escolar. Estes días foi a quenda do alumnado de terceiro de Ed. Primaria, que transplantaron os sementeiros que tiñan coidado con tanto agarimo nas súas aulas ao destino definitivo no seu bancal do noso horto. Agora toca regar, quitar herbas, ... e todos os coidados que estas plantas demandan!!

25/3/21

Tivemos visitas inesperadas no cole...

 No día de onte pola tarde detectamos a presenza dun exemplar de  "procesionaria del pino (Thaumetopoea pityocampa)" na entrada do centro. Un vez localizado o seu niño nun dos cedros do patio, foi avisada Protección Civil de Xinzo de Limia, que organizou o dispositivo de Bombeiros, Policía Local e persoal da Brigada de Parques e Xardíns do Concello de Xinzo de Limia para a súa erradicación. Nos vindeiros días seguiremos observando por se tivera quedado algún outro exemplar, garantindo a seguridade dentro do centro para todo o persoal docente, non docente e, o que é máis importante, para todo o noso alumnado.

















24/3/21

Saímos a "cazar" pictogramas!!

Despois da presentación feita ao Concello de Xinzo de Limia dos materiais elaborados (máis de 30 pictos cos edificios de servizos públicos) no curso pasado dentro do  Proxecto de Formación Permamente do Profesorado (PFPP) na súa liña de Sistemas de Comunicación Alternativos e Metodoloxía TEACCH, implantadas no funcionamento da Aula Específica do noso centro, chegou o día de velos colocados por toda a nosa vila. 

Nunha primeira visita por parte do alumnado e o profesorado desa aula ao concello, onde foron recibidos pola alcaldesa da nosa vila, xunt@s percorreron algúns dos edificios nos que se colocaron estes signos gráficos.

No día de hoxe o alumnado da aula de sexto curso de EP,  grupo no que se integra e convive o noso alumnado con NEE, recibiu unha sesión de formación conxunta sobre que son os pictos, para que se empregan  e para que tomen conciencia da súa importancia na comunicación destas persoas ás que fundamentalmente vai destinado, así como o respecto e coidado por estes sinais que a partir de agora poderán atopar nos edificios públicos de servizo na nosa vila. 

E despois saímos a... CAZAR PICTOGRAMAS polas rúas da nosa vila !!!!

 

Resaltar tamén que Xinzo de Limia convértese no primeiro concello da provincia de Ourense e un dos poucos de toda Galicia que ten este sistema alternativo de comunicación para identificar os seus edificios, e que en breve aparecerá así identificado na páxina oficial de ARASAAC (http://aulaabierta.arasaac.org/mapa-de-arasaac-visual), do que informaremos puntualmente cando así se produza.

Dar as grazas ao Concello de Xinzo de Limia e ao persoal da súa Brigada de Obras pola súa total colaboración neste proxecto e dar os nosos parabéns ao resto de persoas deste proxecto, especialmente ás profes de Xavi e Valeria, Ana, Elena e Luz, pola súa implicación e compromiso neste e noutros moitos proxectos levados a cabo con este alumnado tan especial!!!


22/3/21

Na escola tamén se sementa

Como está ben saber de todo, as nenas e nenos de 4 anos estamos mergullándonos no mundo da horta e dos seus cultivos e coidados.

A semana pasada contamos coa visita de Kenia e Nuria, dúas traballadoras do Centro Agrogandeiro de Xinzo de Limia, pertencente ao Inorde.

Mostrámoslles o noso agradacemento polo amor e o cariño co que nos transmitiron os seus coñecementos. Agora tócanos seguir poñendo a horta en marcha!

Velaquí todo o que aprendemos e o ben que o pasamos esa mañá!!


21 de marzo e as súas conmemoracións

 O 21 de marzo foi un día completo e variado en canto a conmemoracións, un día no que se facían visibles e presentes todas elas por igual, buscando obter maior visibilidade nunha sociedade que a veces as deixa caer no esquecemento. Así pois tal día como este 21 de marzo conmemorase:



- Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial, celébrase dende 1966 que a ONU o proclamou oficial pedindo a todos os países que fixeran o posible por eliminar todas as formas de discriminación racial.

- Día Mundial do Síndrome de Down, que se trata dunha condición producida por unha alteración no par cromosómico 21. Celébrase este día debido a que estos números 21/3 simbolizan a trisomía do par 21. Nesta data procurase dar un merecido lugar a todas as persoas con síndrome de Down, un día no que se celebra a diversidade o respeto a tolerancia e a aceptación. Este ano debido a pandemia o tema principal foi a "Conexión" e aproveitando isto quíxose facer visible que as persoas con síndrome de Down teñen que poder conectarse e participar en igualdade de condicións con toda a poboación e en todos os ámbitos da vida.

- Día Mundial da Poesía. Este xénero literario ten un día propio no que se busca agradecer todas as posibilidades comunicativas e expresivas que nos posibilita. A maxia de poder utilizar as palabras dun xeito diferente, de conectar co noso interior e encher de sentimento cada verso. A sutileza coa que se deslizan as palabras na súa locución ao mesmo tempo que empapan de emocións ao lector que non pode deixar de sentir e conectar co/coa poeta.

- Día da árbore. No cal se nos recorda a súa importancia e máis hoxe en día. A importancia de coidalos e repoñelos. As árbores son as protectoras do mundo en que vivimos, as que están freando e minimizando os danos que o ser humano lle está inflinxindo ao planeta Terra coa excesiva e constante contaminación. Celébrase nesta data pola coíncidencia coa entrada da primavera. Sabías que o premio á mellor árbore europea do 2021 foi para a Carrasca de Lecina (Huesca)? unha árbore incrible digna dese recoñecemento ;)




A continuación facilitámosvos algúns recursos relacionados con isto, clica na seguinte imaxe para acceder:




18/3/21

Baño de democracia!!

Aproveitando os contidos que se están a dar na materia de Sociais, o alumnado de 4º de Educación Primaria deuse estes días un "gran baño de realidade democrática". Sempre tentando conectar o "teórico" que se imparte nas aulas coa realidade que tod@s nós temos que vivir día a día (e máis intensamente nestes momentos...) o alumnado preparouse para escoller ás súas e o aos seus representantes políticos que velarán polo seu benestar e por levar adiante as melloras que toda boa clase política sempre promete...

Houbo unha dura campaña electoral onde as candidatas e candidatos expuxeron as súas propostas de mellora, debates, ... e finalmente chegaron á xornada de hoxe (despois dunha de reflexión) onde tiveron que facer uso do seu dereito democrático para escoller entre @s distint@s candidat@s. Censo electoral, furna, papeletas, ... non faltou ningún dos elementos necesarios para levar a a cabo todo este proceso.

E para ter máis datos sobre os que reflexionar, visitaron esta mesma mañá o noso concello, onde foron recibidos pola Sra. Alcaldesa e o Concelleiro de Tráfico, aos que expuxeron as súas preguntas sobre o funciomamento das institucións locais e fixeronlles as súas propostas de como mellorar a vila onde todas e todos vivimos.

Formando cidadás e cidadáns comprometid@s e democráticamente responsables!!

17/3/21

"Chanzo a chanzo ata a igualdade"

... E como actividade final para conmemorar o Día Internacional da Muller, todo o alumnado do centro colaboramos na elaboración dun mural baixo as directrices do artista Xosé Eladio, para ter presente esta data tan sinalada no calendario e recordarnos que é labor de todas e todos nós acadar esa igualdade de deberes e dereitos que debe estar presente na sociedade na que vivimos. Esperamos que gocedes tanto deste vídeo que fixemos coma todas e todos nós pintando os muros do noso cole!!




10/3/21

"Érase dos veces". Contos libres de sexismo, desigualdade e violencia

"Fixástesvos algunha vez o inxustos que son os contos infantís clásicos de toda a vida? Están cheos de referencias machistas a princesas que necesitan constantemente ser salvadas, que esperan pacientemente a chegada do príncipe azul mentres limpan e varren a casa, a mercé do seu destino e incapaces de tomar as rendas da súa vida… Pero se a Bela Dormente pásase o conto enteiro durmindo e é a protagonista principal!

Belén e Pablo, os creativos do estudo "Cuatro Tuercas", si que se deron conta. Non querían que os seus fillos Violeta e Nicolás crecesen asimilando a través desas historias valores inadecuados e  desfasados. Suprimían tantas partes deses contos cando llos lían aos seus peques, que un día puxéronse ao choio e decidiron reescribilos por completo.

E así naceu "Érase dos veces", unha colección de historias que pretende inculcar nos nenos valores moito máis acordes aos novos tempos, máis  coeducativos, igualitarios e responsables." 

https://www.unamamanovata.com/2017/11/11/erase-dos-veces-cuentos-igualitarios/


Xa temos ao dispor de todo o profesorado e da Comunidade Educativa todos estes títulos na nosa Biblioteca Escolar!!




"Todas as mulleres. Todos os dereitos. Todos os días"

Dentro do Programa divulgativo posto en marcha polo Centro de Información á Muller do Concello de Xinzo de Limia en colaboración coa Cruz Vermella, o pasado luns 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o alumnado de 4º de Ed. Primaria foi o destinatario dun obradoiro impartido por Susana e Eva para que todos as nenas e nenos tomen coinciencia da importancia de traballar día a día, todos os días do ano, para acadar unha igualdade de dereitos entre as mulleres e os homes na nosa sociedade, e así erradicar dende a infancia todos eses comportamentos machistas que tanto lastran, por desgraza, a que debería ser normal convivencia entre iguais nunha sociedade igualitaria en deberes e tamén en dereitos.








8/3/21

DÍA DA MULLER


O día 8 de marzo conmemórase o día internacional da Muller. Nesta data quérese dar notoriedade e facer ver unha vez máis que ao cambio aínda lle queda un camiño que percorrer, que a igualdade de xénero aínda non está asentada na nosa sociedade e que aínda arrastramos moitas actitudes sexistas que están tan enraízadas na nosa cultura que as vemos como normais e pasan desapercibidas.

Orixinalmente coñeceuse como Día Internacional da Muller Traballadora, facendo oficial esta conmemoración a Organización das Nacións Unidas en 1975, co fin de facer visible a loita da muller por conseguir unha participación e dereitos parellos aos homes nunha sociedade de valores sexistas.

Non obstante moito antes desta data xa se celebraron numerosas concentracións co fin de visibilizar as diferenzas sociais que estaba a vivir o colectivo feminino. Xa polo 1909 en Estados Unidos se celebrou o Día Nacional da Muller esixindo a redución da xornada laboral, mellor salario e dereito a voto. En 1910 en Copenhague, nun 8 de marzo demandan o sufraxio universal para todas as mulleres, esta proposta foi respaldada polo cento de mulleres que asistiron a conferencia chegadas de mais de 17 países, e decidiron fixar esa data como Día Internacional da Muller.

Pasaron moitos anos dende que se celebrou por primeira vez, e aínda que as cousas foron cambiando, todavía queda moito por facer, e o mais importante para lograr que este cambio se complete eres ti, a túa actitude é clave para que este Día da Muller teña sentido.

No seguinte enlace deixamosvos unha serie de recursos que non te podes perder, clica na seguinte imaxe para acceder e curiosea todo o que preparamos para ti.


(Click na imaxe)






6/3/21

Que estaremos preparando no cole??

Achéganse novidades e actividades para os vindeiros días das que vos iremos informando puntualmente...

De momento recomendarvos este enlace onde poderes atopar á Banda da Loba homenaxeando a Xela Arias cun novo videoclip no marco da programación das Letras Galegas da Xunta de Galicia, e onde se define á poeta de Sarria como "unha autora intensa de vocación feminista, transgresora e pioneira, tanto na estética como na poética",  tan de actualidade nestas datas que están por chegar.... Un pouco de boa música e a poesía de Xela Arias para comezar este fin de semana!


3/3/21

1º certame de relato breve con motivo do 8M: “Todos os dereitos. Todas as mulleres. Todos os días"

O concello de Xinzo de Limia vén de convocar este certame de relatos breves dirixido na súa categoría A ao noso alumnado de sexto de Ed. Primaria e ata 18 anos (ambos incluídos) e na Categoría B para os/as maiores de 18 anos. Tedes todas as bases facendo clic no cartaz de dito certame. Animádevos todas e todos a participar!!!



2/3/21

Rememorando o Entroido


 

Este ano propuxéramonos recordar como era o entroido anos atrás, volver ás raíces de todo o que hoxe en día disfrutamos ano tras ano. 

Para iso pedíramos a vosa colaboración, e que nos mandarais fotos ataviados como os persoeiros típicos do entroido auténtico, e vos converterais vós nos protagonistas... 

E aquí está o resultado, MOITAS GRAZAS!!