Páginas

Biblioteca escolar

20/2/21

«Os galegos somos o que falamos e falamos como somos, construímos o noso universo coa palabra»

Esta cita de Isidoro Rodríguez Pérez, profesor universitario e  especialista en folclore galego, nado no barrio de Magoi (Lugo) en 1958, pon en valor a importancia da lingua na que aprendemos a falar e a que nos trasmitiron os nosos proxenitores dende o berce.

A idea de celebrar o Día Internacional da Lingua Materna foi unha iniciativa de Bangladesh. Foi aprobado na Conferencia Xeral da UNESCO de 1999 e observouse en todo o mundo desde o ano 2000.

A UNESCO cre na importancia da diversidade cultural e lingüística para as sociedades sostibles. No marco do seu mandato en prol da paz, traballa para preservar as diferenzas de culturas e idiomas que fomentan a tolerancia e o respecto dos demais.

A diversidade lingüística atópase cada vez máis ameazada cun maior número de linguas que desaparecen. Cada dúas semanas, como media, unha lingua desaparece, levándose coa súa desaparición todo un patrimonio cultural e intelectual.

Con todo, grazas á comprensión da importancia que teñen as linguas maternas, alcanzáronse logros en materia de educación plurilingüe baseada nestas, en particular desde os primeiros estudos e o compromiso cada vez maior de que evolucionen na esfera pública.

As sociedades multilingües e multiculturais existen a través das súas linguas, que transmiten e preservan os coñecementos e as culturas tradicionais de maneira sostible.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia é unha das institucións que está adscrita á Rede Europea para a Promoción da Diversidade Lingüística (NPLD), e tamén se suma á conmemoración da UNESCO e lanza desde os seus perfís de Twitter e Facebook unha produción audiovisual que incopora a lingua galega.

Dito audiovisual compila expresións de cultura oral nas diferentes linguas dos membros da NPLD. As tradicións e expresións orais úsanse para transmitir idiomas, coñecementos, valores culturais e sociais dunha xeración a outra. Abranguen unha enorme variedade de formas faladas: adiviñas, contos, rimas infantís, cancións, poemas, cantos, lendas e moito máis e, polo tanto, representan un papel crucial para manter vivos os idiomas. A referencia ao idioma galego faise neste vídeo a partir do minuto 09:05


A propia SXPL organiza este ano unha actividade de dinamización lingüística que se emitirá en streaming o vindeiro 21 de febreiro ás 11.00 desde a Cidade da Cultura de Galicia.

Trátase de "Puño, puñete", de Baobab Teatro, unha orixinal proposta dirixida a nenos e nenas de 1 a 7 anos e ás súas familias, que está orientada a ofrecerlles a estas recursos para cantar e contar en galego cos seus fillos e fillas. Se queres acceder a ela preme na imaxe.


Outra das iniciativas que loitan día a día a prol da difunsión  da literatura popular infantil de Galicia para que siga sendo unha ferramenta educativa e de lecer para os/as galegos/as do século XXI é orellapendella.gal



Neste repositorio atoparemos infinidade de ditos, recitados, cancións, etc. que acompañaron desde hai séculos ás brincadeiras dos/as nenos/as ou ás relacións entre os membros maiores da familia e os máis pequenos.

Máis información e recursos en:

https://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/conmemoracions/dia-internacional-da-lingua-materna

https://es.unesco.org/commemorations/motherlanguageday

https://orellapendella.gal/




No hay comentarios:

Publicar un comentario