Páginas

Biblioteca escolar

9/9/19

Yilliqiya ou Galisiya, o Reino de Galicia nas fontes árabes

Yilliqiya ou Galisiya. Así aludían ao Reino de Galiza as fontes árabes, que achegan unha información que impugna o relato da historiografía españolista e que pon sobre a mesa a súa importancia. Ibn Jaldun, o historiador árabe por antonomasia, dedica no século XV un capítulo da súa obra a elaborar toda unha historia dos Reis de Galiza. Velaquí un extracto do recollido no semanario Sermos Galiza 256.
https://www.sermosgaliza.gal/articulo/memoria/yilliqiya-galisiya-reino-galiza-nas-fontes-arabes

As crónicas árabes son unha fonte de primeira orde para o coñecemento, a recuperación e a rectificación da historia do Reino de Galiza. Só Ana María Carballeira Debasa, no seu libro Galicia y los gallegos en las fuentes árabes medievalescertifica a existencia de perto de cincuenta autores que entre o 711 e o século XV se teñen ocupado do Reino de Galiza. Destacan entre eles o cordobés Ibn Hayyan, se cadra o máis importante dos historiadores do medievo peninsular, o xeógrafo onubense Al-Bakri, o ceutí Al-Idrisi e o mesmo Ibn Jaldun, o historiador árabe por antonomasia que no século XV dedica un capítulo da súa obra a elaborar toda unha historia dos Reis de Galiza. As fontes árabes, ao igual que acontece coas francas, escandinavas ou as vaticanas, coetáneas da Galiza medieval, achegan unha información que impugna o relato da historiografía españolista e permite que aboie na súa realidade e tamén na súa importancia o Reino de Galiza.
Coñecían o Reino de Galiza como Yilliqiya ou Galisiya, situando entre as súas cidades máis importantes Santiago de Compostela e Lugo, pero tamén Oviedo, León, Zamora, Astorga, Salamanca ou Coimbra polo sur. O contorno xeográfico do territorio que os musulmáns recoñecían como Galiza era moito máis amplo que o actual, estendéndose por toda a parte noroeste da Península e incluíndo a marxe das terras da Galiza actual, Asturias, Portugal, León e a Castela citerior. Segundo indicaba o profesor Francisco Rodríguez nun recente artigo sobre o tema, publicado no dixital Terra e Tempo, “Galiza aparece como unha realidade xeográfica, social, económica, cultural e política, abranguendo maior ou menor extensión segundo o momento, sendo sempre o espazo central e nuclear a Galiza de Ortegal ao Douro, moi definida, contundente e tan importante como para os musulmáns identificar a parte cristiá da península prioritariamente con esa denominación (Yilliqyia, Galisiya)”.
Así Un Al-Istajri, un autor do século IX, marca as fronteiras do Reino de Galiza nas cidades de Mérida, Guadalaxara, Cáceres e Toledo, situando como cidades principais Zamora e Oviedo. Por exemplo, no século XI, AlBakri, recoñece como parte do Reino de Galiza, entre outros territorios Asturias, cuxo nome procede do Río Astur, León e a Castela ulterior e a Castela citerior, citando entre as prazas fortes da mesma a Grañón, Alcocero, Amaya e o propio Burgos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario