Páginas

Biblioteca escolar

22/12/18

Nadal, panxoliñas, cine, aguinaldo...

Na despedida deste primeiro trimestre do curso e co Nadal como telón de fondo velaquí algunhas estampas destes días. Alumnado que foi ó cine, panxoliñas polas aulas e grupos que saímos polo pobo a pedir o aguinaldo: na Residencia Santa Mariña, no Centro de Día, na Praza maior, na Praza Carlos Casares... pero tamén nalgunha tenda (Cálzate, Noitebela) e nos locais do CDR O Viso, na rúa ladeira.

Ti tamén contas. 5º de primaria



Ti tamén contas 19 dec.2018
 Esta vez tocoulle ó alumnado de 5º de primaria. E foi Mercedes, coa axuda da súa filla Blanca, as que posibilitaron que esta xornada se desenvolvera. Ademais dos contos, cunha das aulas, máis participativa, tiveron un longo diálogo sobre os contidos abordados. Parabéns pola paticipación e moitísimas grazas, unha vez máis, ás familias que fan isto posible. 

15/12/18

Torneo escolar de Xadrez

Os beneficios de xogar ao Xadrez : 
1.- Eleva o coeficiente intelectual
2.- Exercita ambos hemisferios cerebrais.
3.- Mellora a creatividade.
4.- Potencia a memoria.
5.- Axuda a resolver problemas.
6.- Facilita a concentración....
Por toso esto, dende a ANPA, presentamos....


Irimia: Ler para camiñar

Ler para camiñar

 Unha biblioteca é como a cova de Alí Babá, chea de tesouros, pero sen ladróns. Coa chegada do bo tempo, algúns deciden viaxar, outros abren un libro para ir máis aló de Lanzarote, dos fiordos noruegueses, de Cancún.Ler para camiñar
Atento ás novidades, descobres xoias. Cae nas túas mans a novela Ya nadie llora por mí deste Sergio Ramírez, que vén de denunciar a tiranía do exguerrilleiro exsandinista Daniel Ortega. Tiras das cereixas do cesto e sae El final del desconcierto, de Antón Costa, que sabe economía e como explicala. Colles Todo é silencio de Manuel Rivas e les todo de quen escribe tan ben. Como o último Contra todo isto. Un manifesto rebelde. A este tipo habería que lle dedicar dous días das Letras Galegas, un agora, vivo.
A biblioteca da túa cidade non é a de Alexandría. Nin a excesiva da Cidade da Cultura: concibida para un millón de exemplares, colecciona as Obras Completas do Po e do Espazo Asoballado. Tampouco é a de Heidelberg, cidade de estatura similar a Lugo ou Ourense, pero con 2,5 millóns de libros, a biblioteca é o embigo da universidade.
Volvemos á Cova de Alí Babá. Outro día atopas este historiador xudeo, o de Sapiens e Homo Deus, Yuval Harari. Les os dous. Cae nas túas mans Hypatia, de Pedro Gálvez e devoras Nerón, diario de un emperador. Desde o expositor reclama a atención Después de la crisis de Alain Touraine. Ou La sociedad de la ignorancia, de Marina Subirachs. E como ler é gozar, les La transparencia del tiempo do cubano Leonardo Padura. Hai libros que, como os melóns, non os descobres ata que os catas. Daquela segues os consellos de Daniel Pennac, ‘os dereitos imprescriptibles do lector’. Ler o que me pete, reler, dereito a saltar páxinas, a volver cara a atrás, a deixar de ler. En definitiva, dereito a viaxar.
A última viaxe con Agustín Fernández Paz foi engaiolante. En tan boa compaña les  Non hai noite tan longa deste escritor admirable. A trama tira de ti. Queres chegar ao final, pero enfada ir tan rápido. Tentas frear, degustar a trama. Coñeces polo nome e polo rostro os personaxes. Este Agustín escribía así de ben. Sabes que foi un tipo sinxelo, novelista de valía, tan coherente que tivo a ousadía de rexeitar, despois de agradecer, o Premio da Cultura Galega considerando que os responsables actuais non defenden a galeguidade desa cultura. Home bo e xeneroso, cargado de dignidade, puntal da nosa literatura. Este creador sensible e comprometido, con xens literarios da Terra Chá, ten unha obra fermosa que cómpre degustar. Hai que ler a Agustín Fernández Paz. Non hai noite tan longa. Un apaixonante compañeiro de viaxe.
Juan Antonio Pinto Antón

10/12/18

Plan de Robótica. Formación

Comezamos a formación para o Plan de Robótica implatado este curso no noso centro. Da man de Alejandro González, asesor AMTEGA da Conselleria de Educación, introducímonos no mundo da programación dos nosos Mbots. Desta volta acompañáronos as compañeiras e compañeiros do CEIP dos Blancos e do CEIP de Baltar. Biblioteca  Escolar, espazo de formación permanente.



Campionato comarcal Campo a Través

Xa levamos celebradas dúas xornadas de campo a través, a primeira delas clasificatoria o pasado día 15 de novembro e a final comarcal do día 5 de decembro.
As sensacións neste tipo de actividades sempre son moi positivas, favorecendo boas actitudes cara a actividade física, cara os compañeiros e reunindo a gran número de deportistas pertencentes neste caso ao CEIP Carlos Cid Arregui, CEIP de Sarreaus, CEIP dos Blancos, CEIP de Vilar de Barrio, CEIP Carlos Casares e o CEIP Rosalía de Castro.
Aquí deixamos unha mostra do acontecido esperando poder repetilo o vindeiro ano.

4/12/18

Fetén, Fetén... A Molinera e a pista de xeo.

O alumnado de 3º e 4º de primaria fomos nesta xornada "primaveral" de decembro a Ourense. Primeiro tiñamos unha actividade no Auditorio de Afundación, Obra social Abanca. 
Un parella de artistas burgaleses sorprendéronnos moi gratamente. Foi un "divertido concerto didáctico", da man de Diego Galaz e Jorge Arribas, nomeados músicos internacionais; lograron que o público emprendera unha marabillosa viaxe a través dos diferentes ritmos e melodías da música popular española. 
Transmitíronnos valores sobre a reutilización, a pobreza, a imaxinación e a importancia de coñecer as nosas tradicións, usando algúns dos instrumentos máis incribles da historia da música coma o violín trompeta, a serra musical, a á de voitre, o theremin ou a frauta cadeira de camping. Pero co que máis alucinamos foi co instrumento que se toca sen tocalo. 
Aquí vos deixamos un enlace para que vos fagades unha idea do grand traballo destes excepcionales artistas. 
E despois de tomar o sobrealmorzo dividímonos e uns foron á Molinera e outros a patinar nunha pista de xeo á beira do río Miño. Un día que nos agasallou cunha moi boa temperatura e cunha luminosidade que nos posibilitou gozar do singular colorido deste outono.

2/12/18

Decembro: datas voz natura

3 Día mundial do non uso de praguicidas
5 Día mundial do solo
10 Día dos dereitos humanos
11 Día mundial das montañas
15 Créase o PNUMA, o programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente, en 1972.
20 Día internacional da solidariedade 

3 de decembro: día mundial do non uso de plaguicidas



Esta conmemoración foi establecida en 1989 polas 400 organizacións membros de PAN (Pesticide Action Network) en 60 países.

A data lembra a catástrofe ocurrida en Bhopal (India) en 1984, cando 3.500 persoas morreron e outras 10.000 quedaron afectadas por un escape dun gas tóxico empregado na elaboración dun plaguicida da Corporación Unión Carbide. 

Esta efeméride quere chamar a atención e sensibilizar á cidadanía sobre as implicacións do uso de agroquímicos na agricultura mundial. 

Os organizadores defenden que estos axentes desequilibran os ecosistemas, contaminan, deterioran o medioambiente e, incluso, acarrean graves problemas de saúde entre os humanos.

Información. Blog  voz natura