"Aprender a pensar coa biblioteca escolar"
é o lema escollido para os materiais que a Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria edita a comezos do curso 2017/2018
con destino ás bibliotecas escolares dos centros educativos galegos. O
ilustrador Xosé Tomás foi o encargado, nesta ocasión, de realizar a interpretación gráfica do lema anual.
Atender a biblioteca escolar do centro supón, para comezar, o reto de deseñar un espazo
no que poidan pasar cousas. Un espazo que acolla a todos e todas e que
mesmo (como na ilustración de Xosé Tomás), teña a capacidade de
"abducir" as persoas usuarias, de trasladalas a situacións gratas de
aprendizaxe. Seleccionar os materiais, organizar os recursos, facilitar o
seu uso e organizar as actividades para a biblioteca escolar son tamén
actuacións que, segundo o enfoque e o criterio co que se realice, poden
facilitar ou dificultar esas aprendizaxes posibles.
Unha biblioteca escolar actualizada no seu modelo, nos seus
recursos e equipamentos, nas súas propostas; atendida con
profesionalidade e integrada no día a día do centro educativo, supón
unha oportunidade única para axudar a nenas e nenos a desenvolver o seu
pensamento crítico, a "aprender a pensar".
Aprender a pensar a través dos contos, da tradición
oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das
lecturas de materiais de divulgación científica, a través das
investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a
pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades
compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun
profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e,
tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos para
desenvolver o pensamento complexo.
Aprender a pensar nas clases de
filosofía, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o
seu misterio.
A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o
alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a
formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais
e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca
vivir.
No hay comentarios:
Publicar un comentario