Páginas

Biblioteca escolar

12/9/14

REFLEXIÓNS SOBRE A LECTURA NO COMEZO DO CURSO


     Nestas datas de comezo de curso debera escribir un texto que, unha vez máis, martele na LOMCE, esa lei votada e aprobada no parlamento español a man armada. Gañas non me faltan, pero, mirade por onde, quero escribir outra vez sobre a lectura nas aulas, sobre da concepción que eu teño de como debe ser esa actividade para facer dela o instrumento de formación que debemos agardar que sexa.
     E, xaora, sempre é un texto dirixido ao profesorado, porque o máis deles son os lectores e lectoras competentes que se precisa ser para que a lectura na aula sexa formativa e se converta en experiencia para o alumnado. E nunca o poderá ser se non é antes  para quen acompaña ás rapazas e aos rapaces na lectura, e esas persoas son as miñas compañeiras e compañeiros dalgún día, mais tamén as bibliotecarias e bibliotecarios que están arestora a organizar clubs de lectura, esa actividade tan vivificadora para crear o hábito lector, en todos os recantos do noso país.
     Son moitas a cousas que agardamos da lectura como actividade formativa feita desde as aulas, quero dicir desde a actividade escolar regrada. Mais a min abóndame cunha, a de se facer experiencia e, por tanto, instrumento do coñecemento do mundo e dun mesmo.

     Convídovos, neste comezo de curso, a facer da lectura nas vosas aulas un dos eixos fundamentais da vosa actividade educativa, moi por enriba (ou moi por dentro) de programas, curricula e obrigas feitas desde lugares onde se concibe o ensino como unha actividade dirixida a facer do alumnado individuos para incrementar a competitividade e a produtividade das empresas, no canto de individuos nacidos para a felicidade e non para o martirio, a resignación e o sacrificio. E iso, un camiño para felicidade, está, sen ningunha garantía, xaora, na música, na arte plástica, na danza, no teatro, na arte poética, no cinema, nos cómics.... en fin, niso que demos en chamar o espírito e que cando ademais de no individual nos atinxe no social dicímoslle cultura.
     Se a min agora alguén me dixera que lle axudase a implantar un bo plan lector no seu centro, quer de primaria quer de secundaria, porque o caso é o mesmo, diríalle que procure a maneira de que o tema de conversa máis frecuente no centro fosen os libros, aqueles que cada un dos docentes leu na súa vida.  Mais non sobre do pracer de lelos, nin sobre da valoración que lle mereceron a cada un, senón por mor de como lle axudaron a cadaquén a comprender o mundo e a saber máis de si mesmo. Conversa en todo o centro, logo tamén na aula, aí entraría o alumnado e os libros que lese ao longo da súa vida e, tamén, aqueles que, ao fío da conversa, se deben ler para axudar a entender aquilo do que se fala.
     Non hai moito tiven unha longa conversa cun adolescente. Falamos de moitas cousas e, ao pouco, decateime de que saían constantemente os libros (tamén as películas, pero iso será para outro día). Por exemplo, cando demos en falar  sobre da maldade humana, véuseme á cabeza Frankenstein de Mary Wollstonecraft Shelley e eu lembreille o que di o monstro cando se enfronta a Frankenstein, o seu creador: «Eu era bo, o meu espírito estaba cheo de amor e humanidade, pero estou só, horribelmente só. Ti, o meu creador, ódiasme. Que podo agardar daqueles que nada me deben?» E noutro lugar: «Eu era bo e cariñoso, o sufrimento envileceume. Concédeme a felicidade e volverei ser virtuoso». O rapaz coñecía o mito do monstro creado por Frankenstain,  fixado no seu imaxinario co rostro maquillado de Boris Karloff, pero ignoraba que é unha obra de analise da natureza humana de grandísimo valor para comprendermos algo máis a nosa alma e a dos nosos semellantes, que esa é a función última da lectura. Por certo tamén lle lembrei que a criatura do doutor Frankenstein humanízase cando, agochado nunha cabana, atende á vida que se desenvolve nunha casa onde vive un matrimonio novo e un home vello e cego, escoitándoos aprende a falar, a ler (le a Milton, a Plutarco a Ghothe) e a apreciar a música e nese momento é cando se revela como humano. Só, pouco despois, cando o fagan consciente da súa fealdade e da súa soidade virará en besta incontrolábel. Todo isto non nos revelou, nin ao rapaz nin a min, todas as caras da maldade humana, pero si que nos axudou a ver a súa relación coa infelicidade.
     Foi unha conversa moi interesante, certo que eu falei máis ca el, pero é lóxico porque eu teño acumuladas moitas máis experiencias nacidas da lectura ca el, e fixen uso de libros que ando a reler. Despois, cando a conversa saltou ao sentimento e recoñecemento da culpa, falamos de Crime e castigo e un pouco máis tarde, cando o asunto que nos ocupaba era a necesidade que pode asaltarnos nalgúns momentos da vida de sermos salvados, saíu Holden Caufield e o encontro coa súa irmá Phoebe , ou, tirando polo fío da irmandade, Gregor Samsa, cando a súa familia o abandona no seu cuarto e só a irmá entra a velo e atendelo. E despois de todo, desa conversa ambos saímos cheos de preguntas, porque o máis grande que nos dá un libro é a innumerábel cantidade de interrogantes que nos propón sobre do mundo e sobre de nós mesmos. Cando os libros nos dan certezas, iso non é lectura é adoutrinamento.
     Porque a lectura fai iso: axudarnos a analizar os nosos sentimentos e, o que é máis transcental, apréndenos a lles poñer nome, o nome que os identifica como propios, como lle sucede a Alexis Karenin que recoñece como persoal o sentimento do odio cando lle di a Dolly, que o convida a amar por enriba do odio: «Podemos moi ben amar aos que nos odian, pero aos que nosoutros odiamos non».
     Alguén me pode dicir que lle estiven a falar de libros que un adolescente non entenderá de todo, é igual eu tampouco, por iso os releo. Di Alberto Manguel que a arte, se o é, sempre vai estar por enriba da capacidade de entendemento do ser humano.
     E citei estas obras polas razóns que xa dixen, mais podería facer o mesmo convite para o alumnado de primaria, onde falar cos rapaces e as rapazas sobre dos libros que len, conversando de como son e como se comportan os personaxes, analizando as situacións nas que se ven involucrados... é axudarlles a se aproximar ao coñecemento do mundo e deles mesmos.
     Mesmo na educación infantil podemos encontrar un dos camiños máis eficaces de animación á lectura, ese momento no que unha mestra, sentada nunha desas incómodas cadeiras pequeniñas, cun álbum ilustrado contra os seu peito e aberto cara aos nenos e nenas que forman corro diante dela, vai lendo e comentando, interrompida polas intervencións continuas da cativería e que ela vai reforzando ou corrixindo. E é así porque iso que fai esa mestra nese intre é falar co alumnado de libros, dos seus personaxes e dos comportamentos destes.
     Ese sería o plan lector que eu implantaría hoxe se volvese ás aulas: ler e falar dos libros o máis do tempo escolar. E dígoo así porque creo que, aínda que un libro nunca cambiará o mundo (agás cando se trata dun único libro pensado e escrito para dirixir o pensamento dun grupo humano, que entón cámbiao pero para mal), a lectura si o fai. E estes rapaces que hoxe están nas nosas aulas deberán cambiar o mundo por máis que se implanten novas leis de educación que teñen como obxectivo que nada mude, que a actual estratificación social e económica se perpetúe.  Mais esa muda sucederá porque o planeta móvese a dous xeitos por máis que tantos vivan pesarosos de tal feito cósmico, xa que o quererían inmóbil coma o seu pensamento.

     (A foto é da Biblioteca da Capela, onde me acollin este verán para traballar, cando o precisei, conectado a internet. Grazas á bibliotecaria, Maribel, pola súa amabilidade).



posted by Xabier, September 11, 2014 10:26 | permalink | Xeral

No hay comentarios:

Publicar un comentario