O portal web Portico of Galician Literature, que foi posto en marcha en 2012, ofrece un breve percorrido pola historia de Galicia e da súa literatura.
O obxectivo desta iniciativa é promover a proxección internacional das letras galegas a través da rede. Está promovida pola Secretaría Xeral de Cultura e pretende converterse nun referente da literatura galega para o ámbito anglófono e, en xeral, para a proxección internacional das letras galegas.
Ademais da información sobre os escritores, das sinopses e da tradución dalgúns fragmentos, o portal tamén serve de escaparate para a difusión de títulos da literatura galega publicados en inglés, entre os que se inclúen ‘Merlín e familia’, de Álvaro Cunqueiro; ‘A lingua das bolboretas’ e ‘O lapis do carpinteiro’, de Manuel Rivas; ‘Memorias dun neno labrego’, de Xosé Neira Vilas; ou ‘Bestiario dos descontentos’, de Miguel Anxo Murado.
En 2013, o portal exterior da literatura galega integrou fragmentos de obras de novos escritores, engadindo ao catálogo extractos textuais de Suso de Toro, Xavier Alcalá, Teresa Moure ou Antón Riveiro. Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey, Agustín Fernández Paz, Miguel-Anxo Murado, Anxo Rei Ballesteros e Manuel Rivas completan a relación de autores deste portal das letras galegas en inglés.
No 2014, incorpóranse ‘Dime algo sucio’, ‘Ámote Leo A. Destino Xalundes’, ‘Dragal I: A herdanza do dragón’, ‘Papaventos’ e ‘Así nacen as baleas’, a través dunha breve sinopse en inglés de cada obra e mais dunha mostra de 40 páxinas traducidas a esta lingua de cada unha delas.
Great news... We will use it.... Thanks a bunch!
ResponderEliminar