24/5/19

Aprendendo ó aire libre


No patio, na horta, na rúa, no parque... nas moitas saídas que cada semana facemos: sempre aprendendo e mellor ó aire libre. Aquí temos ó alumnado de 6º de ed. Infantil na horta e no espazo onde están algúns dos animais que baixamos estes días da incubadora: ocas, pato indio, pavos e poliños.

Esta semana, o día 23 de maio, celebrouse o Día das clases ó aire libre. E o alumnado de 4º de Ed. Infantil estivo en Lodoselo; velaquí un enlace á web do CDR O Viso onde os podemos ver amasando e preparando a fornada de pan no forno comunitario, dando un paseo no carro que tira o burro Fariñeiro, no recuncho do "Carballo con Botas", cos patos, poliños, coellos, ovellas...

23/5/19

I Certame de fotografía





Exposición I certame de fotografía "Así è a miña vila así é a miña xente".

 Aberta dende o luns 20 de maio ata o venres 30 de maio no hall do colexio.


Celanova: Poetas, Arte e Música.

Este pasado mércores, 22 de Maio, os/as alumnos/as de terceiro ciclo do CEIP “Rosalía de Castro” de Xinzo de Limia fomos de excursión a Celanova onde visitamos a Casa Museo do poeta Curros Enríquez, a Capela Mozárabe de San Miguel e o Mosteiro de San Salvador, onde participamos no “X Ciclo de Concertos Didácticos de Órgano”, no cal a profesora de Órgano do Conservatorio de Ourense, Marisol Mendive, nos explicou o segredos deste espectacular instrumento.
O que máis nos gustou foi tocar dúas pezas coa frauta acompañados polo órgano, intepretadas polo alumnado de quinto e sexto coa frauta e por Marisol Mendive e o noso profe de Música co órgano. Tocamos o “Vals dos Vellos”, un vals tradicional da música galega, e “A Herba de Namorar”, do grupo Luar na Lubre.
Foi unha experiencia extraordinaria poder participar nun concerto de frauta e órgano. Grazas Pablo. 

21/5/19

Todo preparado para termos o galiñeiro coas aves que están nacendo na incubadora









E velaquí a transformación das gaiolas... Moita man de obra, algunha máis especializada que outra: grazas a tod@s os que participaron; tamén a Fran.
E seguimos gozando, día a día do nacemento de aves (porque ademais de diferentes razas de galiña, tamén naceron ocas, pavo común, este pato indio... e estamos agardando por máis galiñas (cruces de araucana, kikas, moñuda holandesa, barmeverdel ),  faisáns, perdices e pavo real.
Nesta semana agardamos poder ir baixándoos para estas gaiolas. 

Contos populares, patrimonio inmaterial galego e A. Fraguas


Na xornada deste mates 21 de maio o alumnado de 2º, 3º e 4º de Primaria estivemos na Casa de Cultura de Xinzo para gozar cun Contacontos Musicado. Os artistas foron Charo Pita e Xoan Curiel que baixo o título " Canta miña pedra, canta" nos agasallaron cun espectáculo que xira ao redor de relatos populares e cancións de Antonio Fraguas. A actividade, cun custe de 5 €, levaba incorporada a entrega a cada participante no acto dun exemplar de  " O fillo do rei e outros contos populares" de Maruxa Barrio e Henrique Harguindey  (ed. Galaxia). 

15/5/19

Seguimos celebrando o Día das Letras

Hoxe e todos os días.


A poesía invade as rúas de Xinzo para celebrar o día das letras


 O alumnado dos institutos e colexios da vila pintou nos pasos de peóns versos de escritores da comarca para conmemorar o día das Letras Galegas deste ano.
 Por Beatriz G. Caneda | Xinzo de Limia | 15/05/2019 |
 O alumnado dos centros de primaria e secundaria de Xinzo de Limia saíu este mércores 15 de maio á rúa co obxectivo de "poetizar a vila". A iniciativa, que consistiu en escribir versos de autores da comarca nos pasos de peóns da capital limiá, parte dos departamentos de Dinamización Lingüística dos centros educativos da vila.
 O alumnado dos centros de Xinzo 'poetiza' as rúas da vila  En total "poetizáronse" 12 pasos de peóns, os dous máis próximos aos centros de primaria e outros dez nunha das rúas principais. Os versos foron elixidos polo profesorado atendendo a que tivesen un sentido completo e fixeran referencia á comarca con topónimos ou xentilicios. Os poetas seleccionados teñen un forte vínculo coa comarca e entre eles atópanse Xabier XiI Xardón ou Chus Pato.
 O obxectivo do proxecto é "crear un sentimento identitario respecto á lingua e á comarca a través das palabras de autores próximos" explicou Asun Caneda, profesora e integrante do equipo de Dinamización Lingüística do IES Cidade de Antioquía. "Intentamos buscar un sentido identitario nos versos a través de topónimos como Antioquía ou referencias aos habitantes", engade.
 Na actividade participou alumnado dos IES Cidade de Antioquía e Lagoa de Antela e dos CEIP Carlos Casares e Rosalía de Castro, contando coa colaboración do Concello da vila.
http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/94141-poesia-invade-ruas-xinzo-celebrar-dia-letras

Vermú literario no Espazo Lector Nobel


14/5/19

Comprometid@s coa Lingua e a Cultura, seguindo a Antón Fraguas










Con motivo do Día das Letras temos unha manchea de actividades nas que estamos a traballar estes días: - O Escape Room: co alumnado do segundo e terceiro ciclo artellando a maneira de "abrir os cadeados" que Geli pacientemente preparou, na Biblioteca, cunha combinación que nos levará a averiguar moita información de Antón Fraguas.
         - Poetizando os pasos de peóns: co profesorado e alumnado de 6º nunha actividade na que tamén participan os outros centros da vila. 

E máis... Si, actividades na rúa, nas aulas, polos corredores...
Na nosa biblioteca e nas bibliotecas escolares galegas. 
E, un nome: Antón Fraguas.
Actividades relacionadas co autor e o seu compromiso coa lingua e a cultura galegas, destinadas a pór en valor o patrimonio material e inmaterial do noso país:

4 Retos para a Biblioteca Escolar 2020

O sábado 23 de marzo celebrouse en  Santiago de Compostela  unha  xornada técnica organizada pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional (Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos), para pensar a biblioteca escolar do 2020. Esta xornada de traballo reuniu a persoas expertas no ámbito das bibliotecas en xeral, das bibliotecas escolares en particular xunto a representantes das CCAA presentes na Comisión Técnica de Bibliotecas Escolares e do Ministerio, un dos organismos integrantes do Consejo de Cooperación Bibliotecaria a nivel estatal.

Organizáronse grupos de traballo e análise entre profesionais e persoas expertas que debateron e profundizaron sobre diferentes aspectos da situación actual das bibliotecas escolares. 

Extraéronse 4 retos concretos para a biblioteca escolar 2020:
Reto 1: Dotar de estabilidade ás bibliotecas escolares.
Reto 2: Promover un modelo de biblioteca escolar como espazo educativo á medida do proxecto de centro.
Reto 3: Concebir a biblioteca escolar como mediadora das lecturas no centro e situala no centro neurálxico das políticas públicas centradas na lectura, en todos os formatos, para todas as finalidades.
Reto 4: Promover unha visión da biblioteca escolar como o contexto privilexiado para o desenvolvemento das competencias mediáticas e informacionais, a alfabetización mediática (AMI) e como requisito para a construción do pensamento crítico.

Como resultado de todo isto, elaborouse un documento de urxencia para seguir a traballar pola Biblioteca Escolar. http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/

7/5/19

Reutilización: gaiolas para galiñas

O pasado venres trouxemos para o colexio unhas gaiolas de galiñas para exterior, regaladas si e  bastante deterioradas. Temos andado, coa axuda de Fran, poñéndoas a punto... E xa só nos queda lixar un pouquiño e pintar.
Este espazo, no que estaba o depósito de gas, e unha vez quitado, porque xa se emprega o gas cidade, fómolo acondicionando; tamén coa axuda de dous operarios do Concello de Xinzo; agora metemos estas dúas gaiolas para pasar aquí algúns do poliños que están nacendo na incubadora.
Aquí estamos: reutilización dos espazos e de materiais. Graciñas a todas as persoas que están colaborando: Manuel da ferretería Gregorio, Kisco (ANPA), Fran...




 

Capoeira no Ceip

A semana pasada tivemos unhas sesións de Capoeira no colexio. Estiveron con nós Sasqwat e Pocahontas para aprendernos e amosarnos esta arte marcial que provén de Brasil. 

Coa práctica deste deporte desenvólvense calidades físicas: flexibilidade, forza músculos; desenvólvense a coordinación e a axilidade, ademais de traballar en gran medida a resistencia cardiovascular. Tamén é un bo traballo de autocoñecemento, autoestima e desexo de superación. Un camiño para chegar ao equilibrio entre corpo, mente e alma.

Aínda que a capoeira teña movemento danzarios, está dentro das artes marciais. Moitos opinan que ten connotacións relixiosas; descríbena como fusión do corpo e mente e está estreitamente ligada ao espiritismo xa que hai cantos e rituais desa índole.

A capoeira execútase nun círculo dentro do cal se enfrontan dúas persoas finxindo que lanzan e esquivan os golpes da loita ao son de berimbau. As pelexas consisten en pasos, patadas, golpes diferentes, varridas, lanzamentos, técnicas de escape e acrobacia. Os practicantes deben pelexar co ritmo da música. Os instrumentos utilizados para tocar a música chámanse: Berimbau, Atabaque e Pandeiro,entre outros.

2/5/19

2ª Xornada de fútbol sala

Hoxe desenvolveuse a última xornada comarcal de fútbol sala no pavillón municipal de Xinzo de Limia, concretamente coa categoría alevín.
Xuntanza de rapaces da zona pertencente aos colexios de Rairiz, Vilar de Barrio e Xinzo
O vindeiro sábado 11 de maio disputarase o campionato provincial no pavillón dos Remedios no que participarán parte destes deportistas.


30/4/19

Nacemento dos primeiros poliños

Esta semana xa fomos vivindo con moita ledicia o nacemento dos primeiros pitiños no Colexio. Levamos metendo os ovos na incubadora desde o día 5 de abril; case todos os días imos introducindo media docena aproximadamente.  Ovos sobre todo de galiñas (de todo tipo que achegamos o alumnado e profesorado); mencionar unha partida especial de ovos de galiña Piñeira; pero tamén de galiña de Guinea, pavo común, oca, pato mudo e pato indio.  
E desde este luns poidemos observar cómo van rompendo os ovos, como saen os poliños molladiños e unha vez secos xa os pasamos a un espazo acristalado para observalos mellor. 

Come rico, vive san







No marco do proxecto Come Rico. Vive San, promovido pola compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski para fomentar a alimentación e os hábitos de vida saudables desde os pupitres, hoxe tivemos no CEIP Rosalía de Castro, como estes últimos anos, para o alumnado de cuarto de primaria esta iniciativa. Permitiu ao alumnado poñer en práctica o aprendido en clase (con materiais que antes nos achegaran para o alumnado, profesorado e familias) sobre alimentación e hábitos de vida saudables.
https://sannipedia-vegalsaeroski.com/

Creactivity.


Algún alumnado de 4º e 1º de primaria puideron participar desta actividade-obradoiro da Obra Social La Caixa. Tamén animamos ás familias a que participaran acudindo á Praza Carlos Casares pola tarde e na xornada do 1 de maio onde está o camión.
Que é Creactivity?
Un espazo enmarcado no movemento Design Thinking, que pon en xogo a creatividade, a experimentación e a innovación. Proponse unha exploración libre, individual ou colectiva, que permite planificar, crear e construír para dar resposta a retos suxeridos ou propios, mediante a manipulación, observación e exploración de materiais e fenómenos. As propostas, abertas e interdisciplinarias, abarcan disciplinas STEAM e pretenden empoderar ao alumnado para intervir no mundo que lles rodea.

26/4/19

O escritor Ramón Caride no Ceip

 Hoxe, 26 de abril, Ramón Caride, escritor de prolífica obra literaria Infantil e Xuvenil, visitou o noso Cole.
O alumnado de terceiro lera previamente, dentro do proxecto lector de Centro,  a súa obra "As viaxes de Ruki".
Ensinounos moitos dos seus libros publicados; falounos do seu proxecto de dar  continuidade a este pequeno robot chamado Ruki noutro libro no que está a traballar... E o máis interesante foi, que nos respostou xenerosamente a cantas preguntas lle fixemos:
- sobre a sua nenez en Cea,
- os seus estudos de Bioloxía,
- as súas fontes de inspiración (Sara e Uxia, as súas fillas),
- a importancia da lectura...
Ademais, agasallounos con dedicatorias preciosas nos nosos libros.
Moi agradable visita.  Esperamos verte de novo! Ata pronto!

Xornada de fútbol sala

Hoxe desenvolveuse no pavillón  municipal de Xinzo de Limia a primeira xornada de fútbol sala. Reuníronse futbolistas dos centros de Rairiz, Vilar de Barrio e Carlos Casares.
O día 11 de maio disputarase o campionato provincial en Ourense no que participará un equipo representando á Limia.
Na vindeira semana farase outra nova concentración comarcal.



25/4/19

Madriñas e padriños lectores cos afillad@s: espectaculares.


Si, hoxe é o 25 de abril e 25 de abril, SEMPRE! 
E resulta que nós celebramos o Día Internacional do Libro, que foi o pasado martes 23, coa actividade que tanto nos gosta a pequenos e maiores: amadriñamento / apadriñamento lector. O alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria teñen preparados algúns contos e van buscar ós seus afillad@s de infantil, primeiro, segundo e terceiro de primaria para a continuación situarse nos espazos acordados e... a ler, escoitar! Tamén moitos dos participantes preparan algún agasallo para os seus afillad@s, madriñas ou padriños. Unha gozada esta actividade!!! Parabéns a toda a comunidade educativa por este fermoso espectáculo.
Hoxe, debido á choiva e o frío tivemos que facer o plan B... Polo que os espazos comúns do Centro enchéronse de extraordinarias estampas... Velaquí unha mostra. Graciñas a todas e todos!

23/4/19

A Lectura: unha viaxe ao fondo das preguntas


No Día mundial do Libro e dos Dereitos de Autor e desde a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional edítase o díptico para conmemorar este día 23 de abril de 2019. 

Acudiuse como en anos anteriores, a unha persoa referente da literatura galega actual, profesora e académica Marilar Aleixandre, quen xenerosamente cedeu un poema para esta pequena peza de difusión do Día do Libro, sobre a lectura como unha viaxe ao fondo das preguntas. 

 Un texto que convida  a reflexionar sobre a importancia da lectura como revulsivo para interrogar, cuestionar, dubidar, aprender, enfocar, repensar e nunca conformarse. 

A Orixe do día do libro


A celebración do día do libro remóntase a principios do século XX. A historia do libro faise festiva e xorden actividades literarias en toda España. Hoxe, o día 23 de abril celébrase en todo o mundo, o día do libro internacional.

A Orixe do día do libro remóntase a 1926. O 23 de abril de 1616 falecían Cervantes, Shakespeare e Inca Garcilaso de la Vega. Tamén nun 23 de abril naceron – ou morreron – outros escritores eminentes como Maurice Druon, K. Laxness, Vladimir Nabokov, Josep Pla ou Manuel Mejía Vallejo. Por este motivo, esta data tan simbólica para a literatura universal foi a escollida pola Conferencia Xeral da UNESCO para render unha homenaxe mundial ao libro e os seus autores, e alentar a todos, en particular aos máis novos, a descubrir o pracer da lectura e respectar a irreemplazable contribución dos creadores ao progreso social e cultural.
A idea orixinal da celebración do Día do Libro partiu de Cataluña, do escritor valenciano Vicente Caravel Andrés, propoñéndoa á Cámara Oficial do Libro de Barcelona en 1923 e aprobada polo rei Alfonso XIII de España en 1926. O 7 de Outubro de 1926 foi o primeiro Día do Libro, pouco despois, en 1930, instáurase definitivamente a data do 23 de abril como Día do Libro, onde este día coincide con Sant Jordi - San Jorge, patrón de Alemaña, Aragón, Bulgaria, Cataluña, Etiopía, Xeorxia, Grecia, Inglaterra, Líbano, Lituania, Países Baixos, Portugal, Eslovenia e México. É tradicional regalar unha rosa ao concluír unha lectura, evento ou pregón e que os namorados e persoas queridas intercámbiense unha rosa e un libro.
En 1995 o día do libro convértese nunha FESTA MUNDIAL. O Día do Libro foi proposto pola Unión Internacional de Editores (UTE), e presentada polo goberno español á Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO). En 1995, aprobouse proclamar o 23 de abril de cada ano o "Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor".